Raquel Andueza & La Galanía – 22 de maio

XLVIII Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 22 de maio de 2021  – Círculo das Artes de Lugo, 20:00 h

 

Raquel Andueza & La Galanía

 

Raquel Andueza, Soprano
Jesús Fernández Baena, tiorba
Pablo Prieto, violín
David Mayoral, percusión

 

Programa:

Folle é ben che si crede - Tarquinio Merula (1595 - 1665)
La asencia - Anónimo (século XVII)
Marizápalos - Anónimo (século XVII) 
Zarabanda del catálogo - Texto: Anónimo (S. XVII) Reconstrución: Álvaro Torrente
Alma mía -  Antonio Cesti (1623 - 1699)
Soan ruinato, appasionatto - Benedetto Ferrari (1603 - 1681)    
Chacona - Anónimo (século XVII)
Sé que me muero, de amor - Jean Baptiste Lully (1632 -1687) 
Vuestros ojos - Anónimo (século XVII) 
Arrojome las naranjas - Texto: Anónimo (S. XVII). Reconstrución: Álvaro Torrente
Disserratevi abissi - Antonio Cesti 
Pasacalles - Anónimo (século XVII)
Si dolce é el tormento  - Claudio Monteverdi (1567 - 1643) 
Jácara de la Trena - Texto: Francisco de Quevedo (século XVII). Reconstrución: Álvaro Torrente


Raquel Anduez & La Galanía

Birthday party!

 Con motivo do seu décimo aniversario, Raquel Andueza e La Galanía pediron aos máis de 15.000 seguidores das súas redes sociais que fosen eles os que confeccionasen o programa deste concerto, elixindo as obras favoritas do seu repertorio habitual. As máis votadas foron as que conforman esta fantástica proposta chea de claroscuros barrocos, coas obras máis apaixonadas, divertidas, pícaras, dramáticas, amorosas, sensuais e belas que interpretaron nestes dez anos.

Raquel Andueza, unha voz que se converteu en indispensable no panorama da música antiga internacional, propón coa complicidade da Galanía un concerto en torno á lírica amatoria do primeiro barroco español e italiano. Un programa que, tomando a paixón como urda, desenvólvese como un auténtico diálogo amoroso: música en estado puro.

 La Galanía

 La Galanía é unha das formacións especializadas máis importantes do panorama musical español actual. Fundada no ano 2010 por Raquel Andueza e Jesús Fernández Baena, a súa finalidade é interpretar música barroca, tanto do século XVII como do XVIII, en base a uns coidados principios historicistas e apostando por colaborar cos mellores músicos tanto españois como doutras nacionalidades, todos eles especializados neste repertorio. Os seus membros forman parte de orquestras e grupos prestixiosos a nivel mundial, como Hespèrion XXI, Al Ayre Español, Orquesta Barroca de Sevilla, Private Musicke, Orchestra of the Age of the Enlightment, L’Arpeggiata, etc. Como eixe central do grupo contan coa soprano Raquel Andueza, a cal é invitada regularmente aos auditorios e festivais máis importantes do mundo.

La Galanía fixo o seu debut con grande éxito na Catedral de Pamplona co Stabat Mater de Pergolesi, e rapidamente comezaron a estar presentes nos máis prestixiosos auditorios e festivais do mundo: París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Frankfurt, Utrecht, Praga, Bucarest, Viena, México DF, Nápoles, Granada, Minneapolis, Roma, Cidade de Panamá, Vancouver, Berna, Chicago, Londres, Hong Kong, Moscova, Tokío, Nova York, Bogotá, Nagoya, etc.

En xaneiro de 2011 saíu á luz o seu primeiro proxecto discográfico, Yo soy la locura, para o seu propio selo discográfico, Anima e Corpo, álbum que dende a súa saída ao mercado foi un éxito de crítica e vendas, e que recibiu de maneira unánime o premio Festclásica, outorgado pola Asociación Española de Festivais de Música Clásica. Os seus traballos discográficos posteriores, Alma Mia (unha recompilación das arias de ópera e cantatas de Antonio Cesti), Pegaso (unha colección de salmos e motetes de Tarquinio Merula) e Yo soy la locura 2 (música española do século XVII), así mesmo, están obtendo as mellores críticas e premios da prensa. En decembre de 2016 publicaron o seu novo álbum, Miracolo d’Amore (arias e dúos de óperas de Francesco Cavalli) xunto ao contratenor Xavier Sabata.

 Raquel Andueza

 Nacida en Pamplona, inicia a súa formación musical aos seis anos. Posteriormente, despois de recibir unha bolsa de estudos do Goberno de Navarra e o Concello de Londres, amplía estudos na Guildhall School of Music and Drama de Londres, onde obtén o Bachelor of Music con mención honorífica e recibe o premio School Singing Prize. Pouco máis tarde coñece o mestre Richard Levitt, quen foi o seu referente ata que Lisa Paglin e Marianna Brilla se converteron nas súas preparadoras vocais.

Colaborou asiduamente con diversas formacións: La Colombina, L’Arpeggiata, Orquesta Barroca de Sevilla, Gli Incogniti, La Tempestad, Al Ayre Español, El Concierto Español, Private Musicke, La Real Cámara, Hippocampus, B’Rock, Orphénica Lyra, etc. En 2010 funda, xunto ao tiorbista Jesús Fernández Baena, o grupo La Galanía, sendo galardoados en 2014 como Mellor Grupo Barroco pola Asociación de Grupos Españois de Música Antiga.

Actúa como solista nos principais festivais e auditorios de todo o mundo (París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Utrecht, Nova York, Praga, Frankfurt, Bucarest, Tokío, Viena, México, Nápoles, Granada, Minneapolis, Berna, Panamá, Chicago, Londres, Hong Kong, Moscova, Bogotá, Nagoya, México, Vancouver, etc.) e en 2012 fai o seu debut no neoiorquino Carnegie Hall e nos Proms londinienses.

Foi dirixida por directores como William Christie, Fabio Biondi, Emilio Moreno, Pablo Heras-Casado, Jacques Ogg, Monica Huggett, Eduardo López-Banzo, Christina Pluhar, Richard Egarr, Ottavio Dantone, Christian Curnyn, Sir Colin Davis, José Ramón Encinar, etc.

Raquel está moi concienciada na saúde vocal e a súa faceta docente é cada vez maior; é invitada para impartir conferencias e cursos de canto no Teatro Real de Madrid, así como nas universidades de Burgos, Alcalá de Henares, Bogotá, Complutense de Madrid, Cidade de Panamá e no AMUZ de Amberes, así como en distintos conservatorios superiores e festivais de música (Xixón, Pamplona, As Palmas de Gran Canaria, etc.). Dende 2018 imparte clases no seu propio estudio de Pamplona.

Así mesmo, colabora en bandas sonoras de películas, curtametraxes e series de televisión, como Exodus (Ridley Scott, 2014), Carlos (TVE1, Oriol Ferrer, 2015), Isabel (TVE1, Javier Olivares, 2012), Atraco (Eduard Cortés, 2012) , Tous les soleils (Philippe Claudel, 2011), Disección de una tormenta (Julio Soto Gúrpide, 2010).

 

Orquestra Gaos – 23 de maio

XLVIII Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Domingo, 23 de maio de 2021  – Círculo das Artes de Lugo, 19:00 h

 

Orquestra Gaos

Fernando Briones, director

Ramón Carnota, guitarra

 

Programa:

Joaquín Rodrigo (1901-1999) – Concierto de Aranjuez

Ottorino Respighi (1879-1936) – Trittico Botticelliano, P. 151

Maurice Ravel (1875-1937) – Ma mère, l’oye Suite, M. 60

 

 

Ramón Carnota, guitarra

 Nace na Coruña, España, en 1977. Aos 13 anos ten as súas primeiras experiencias musicais na orquestra da Agrupación Musical Albéniz da Coruña. Con 14 anos ingresa no Conservatorio Superior de música desta cidade obtendo o premio de fin de carreira. Posteriormente, cunha bolsa de estudos outorgada pola Excma. Deputación da Coruña, ingresa na escola de artes musicais Luthier en Barcelona, onde recibe clases dos guitarristas Fernando Rodríguez e Álex Garrobè. No 2002, trasládase a Maastricht, Holanda, onde, en 2004, obtén o diploma Máster baixo a supervisión do guitarrista italiano Carlo Marchione, coa cualificación de Cum Laude. Así mesmo, recibiu leccións de guitarristas da altura de David Russell, Manuel Barrueco, Marco Socias, José Tomas e Leo Brouwer entre outros.

Foi galardoado en diferentes concursos internacionais como o César Aira en León, España, o Festival de Xoves Músicos de Barcelona, o Concurso Internacional de guitarra Andrés Segovia, La Herradura, Granada e no Concurso Internacional de Markneukirchen, Alemaña. En 2009 grava o seu disco Confines con música de Pepe Evangelista e como concertista ofreceu recitais en España, Portugal, Albania, Croacia, Chipre, Montenegro, Alemaña, Holanda, Italia, Bélxica e Francia, actuando como solista con diferentes orquestras e participando en festivais de guitarra tanto como membro de xurados como ofrecendo clases maxistrais.

Actualmente compaxina a súa actividade concertística coa de profesor do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Fernando Briones, director

Comeza os seus estudos musicais no CSM da Coruña con Rodolfo García Alonso, onde obtén o Título Superior de Guitarra. Estuda Dirección de Orquestra na ESMUC cos Mestres Lutz Köhler e Salvador Brotons obtendo as máximas cualificacións. Completa os seus estudos de dirección coral con Maite Oca, Juan Luis Martínez, Josep Ramón Gil-Tárrega, Lluís Vila Casañas, Elisenda Carrasco, Javi Busto, Laslo Heltay ou Martin Schmidt, e de dirección de orquestra con Salvador Mas e Jörg Bierhance no Konservatorium Wien University, Donato Renzetti e Dario Lucantoni na Accademia Musicale Pescarese, Miguel A. Gómez Martínez co que, ademais, traballa como asistente e, sobre todo, co Mestre Alberto Zedda, a quen asiste nas súas derradeiras producións.

É director titular da Orquestra e Coro Gaos dende a súa creación en abril de 2009 coa que desenvolve unha intensa actividade concertística, acompañando a un gran número de solistas entre os que destacan Cristina Gallardo- Dômas, Ainhoa Arteta, Borja Quiza, Celso Albelo, Mariola Cantarero, Juan Jesús Rodríguez ou Francisco Corujo. Así mesmo, obtén o Primeiro Premio no XIII Concurso Nacional de Corais Antonio José celebrado en Burgos, o Segundo premio no XXXII Certame Internacional Villa de Avilés e no XLV Certame Coral de Ejea de los Caballeros, Premio do Público do 63º Certame de Habaneras e Polifonía de Torrevieja e o Segundo premio no Gran Premio Nacional de Canto Coral 2017, Primeiro Premio do VI Certame Coral de Arbo e Premio á mellor interpretación da obra obrigada (2018). En 2011 grava para o selo discográfico Verso o CD Lela (VRS2103) con cancións galegas orquestradas polo compositor Juan Durán.

Dirixe a Taipei Philharmonic Orchestra e a Taipei Chinese Orchestra, no marco do 2015 TCO International Conducting Competition celebrado en Taipei (Taiwan). En maio de 2017 dirixe a Kosovo Philharmonic Orchestra no Festival Remusica 2017 (Pristina).  É invitado durante as tempadas 2018 e 2019 a dirixir a Kosovo Philharmonic Orchestra and Choir. Foi invitado a dirixir á Orquestra Sinfónica do Cairo en 2019. En 2020 dirixe a nova produción de La verbena de la Paloma da Tempada Lírica da Coruña na que se inclúen dúas galas líricas con artistas da altura de Sondra Rodvanosky, Carlos Álvarez, Simón Orfila, Alejandro Roy, Borja Quiza, Carol García ou Vanessa Goikoetxea entre outros. En novembro dese mesmo ano dirixe I Pagliacci no Festival de Ópera de Forteventura.

Actualmente compaxina a súa actividade concertística coa docencia na cátedra de dirección do CSM A Coruña así como a de pianista do barítono Borja Quiza.

Orquestra Gaos

Nace en abril de 2009 e está formada por uns 80 membros. Pola agrupación sinfónica pasan nestes sete anos máis de 450 músicos de toda Galicia, estudantes dos conservatorios superiores e profesores, cos que desenvolve unha importante actividade concertística: ofrece máis de 80 concertos e participan como solistas máis de 35 músicos galegos cunha importante traxectoria artística, algúns dos cales xa posúen unha dilatada carreira.

Colabora co Concurso Internacional de piano Cidade de Ferrol nas súas edicións de 2009 e 2010 acompañando a fase final da competición.

En 2010 grava un CD con temas galegos orquestrados por Juan Durán xunto á soprano Cristina Gallardo-Dômas. Participa no I e II Ciclo de Catedrais ofrecendo concertos nas catedrais de Galicia cun grande éxito de crítica e público.

Dende 2011 ofrece o tradicional concerto de Nadal do IBS Padre Rubinos, invitando a artistas consagrados como Ainhoa Arteta, Borja Quiza, Celso Albelo, etc, xunto ao Coro Gaos.

En 2013 ofrece unha gala lírica con Gregory Kunde e Juan Jesús Rodríguez baixo a dirección de Ramón Tébar no marco do Festival de Amigos da Ópera da Coruña.

Nestes anos, ademais da su propia tempada de concertos, tanto na Coruña como no resto da comunidade galega, invitou a importantes músicos para coidar a formación e perfeccionamento dos seus membros, como David Grimal, violinista e director de Les Dissonances ou o recordado David Ethéve, violonchelo principal da OSG. Así mesmo, realiza concertos de música contemporánea, estreando obras de novos compositores, colabora coa asociación galega de compositores, promove a formación de diferentes agrupacións e ensembles non convencionais no seo da propia orquestra e ofrece concertos sinfónicos con artistas doutros xéneros como Los Secretos ou Raphael.

Fernando Briones é o director artístico e musical do Coro e Orquestra Gaos, que conta como socio de honra co Mestre Cristóbal Halffter.