30 de novembro de 2022
Cerimonia de entrega da Medalla da Cidade de Lugo á Sociedad Filarmónica de Lugo
De esquerda a dereita: D. José Luis Díaz Núñez (Secretario), D. Antonio González Trigo (Presidente), D. Julián Parga Rodríguez (Vicepresidente), Dª Lara Méndez López (Excma. Alcaldesa do Concello de Lugo) e Dª Antonina Gay Parga (Vogal)
A alcaldesa de Lugo fixo entrega, o 30 de novembro de 2022, da máxima distinción do Concello á Sociedad Filarmónica de Lugo, un galardón que este ano recaeu tamén no colectivo Auxilia, na Escola Ramón Falcón, no Campus Terra e en Darío Xohán Cabana, a título póstumo.
Durante a cerimonia a rexedora enxalzou o labor das e dos galardoados por mellorar, coa súa implicación, a calidade de vida e o benestar da cídadanía: » Catro institucións que teñen en común o seu bo facer e unha traxectoria impecable de complicidade coa cidade, da que son coñecedoras varias xeracións de lucenses». Porén, se cabe, o recoñecemento máis especial foi para honrar a Dario Xohán Cabana, no cabodano do seu pasamento, unha das máis grandes figuras literarias galegas contemporáneas e un loitador infatigable a prol da cultura galega.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou, nunha nova edición destes premios o seu orgullo “por representar á cidade de Lugo neste acto de gratitude colectiva para con aquelas persoas, colectivos e institucións cuxa implicación en mellorar a vida e o benestar dos cidadáns é incontestable. Un recoñecemento institucional que se fai, desde hai un lustro, nun dos días máis especiais para Lugo, un 30 de novembro, data na que, hai 22 anos, acadamos a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, o que marcou un fito na nosa historia, como tamén marcan a historia de Lugo os persoeiros e entidades que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios, merecedores desta máxima distinción, e que desde hoxe forman parte xa da riqueza do noso Patrimonio inmaterial”.
A rexedora fixo fincapé en que estes galardóns “son un xesto necesario que lles debemos a todos eles para intentar corresponder a súa entrega, xenerosidade e talento”, ao tempo que incidiu no que representa o traballo dos homenaxeados.
“Un labor que é máis necesario que nunca dignificar, debido ao momento social que vivimos onde o desapego xeral, a mensaxe curta e o ruído mediático gañan, ás veces, as batallas e un legado, o que nos deixan, que figura xa como a herdanza que lles une indisolublemente á modernización do noso municipio”, engadiu Méndez, que xa en verbas dirixidas á Sociedade Filarmónica de Lugo anotou: “A oportunidade de escoitar en directo na nosa cidade grupos e solistas tan prestixiosos debémoslla ao traballo incansable das directivas desta Sociedade que, desde a súa creación, aunaron as forzas da mellor tradición filarmónica e situaron a Lugo nun movemento musical que se estaba a producir en toda Europa, permitindo que varias xeracións de lucenses se fosen achegando á música clásica en directo desde o ano 1946, e podendo presumir da alta categoría dos seus intérpretes e do atractivo da selección das súas programacións que, ao longo da súa historia, se conformaron como citas ineludibles das quendas musicais de Lugo. Pero, sobre todo, se de algo se pode sentir orgullosa a Sociedade Filarmónica é da fidelidade e entusiasmo dos seus socios e, como non, da súa capacidade de ir incorporando público e vocacións cada vez máis novas”.
A alcaldesa agradeceu o valioso labor desempeñado pola entidade, ao que atribuíu que Lugo sexa unha cidade referente no ámbito musical europeo coa celebración da Semana da Música do Corpus, coa que o Concello se implica de maneira permanente, e que festexará o seu medio século de vida o vindeiro ano.
Discurso de agradecemento da directiva da Sociedad Filarmónica de Lugo lido polo Secretario da Sociedade:
“A vida sen música sería un erro”
Nietzsche
Señora Alcaldesa
Autoridades
Familia de Darío Xohán Cabana e representantes das institucións galardonadas
Compañeiras e compañeiros da Filarmónica
Amigas/os da música, Amigos todos
É para a Sociedad Filarmónica de Lugo unha gran satisfacción e un grande honor recibir hoxe a condecoración que nos outorga o Concello de Lugo . Moitísimas grazas . Congratúlanos compartir este acto coas outras entidades condecoradas e mesmo recoñecemento póstumo ao académico Darío Xohán Cabana. Parabéns, molto afettuoso
Polo que representa esta medalla de recoñecemento a un proxecto cultural, (laborar en pro del desarrollo y fomento en la cultura artístico musical, así reza no primeiro Regulamento de 18 de decembro de 1946), cómpre lembranza especial para o Rocho Musical e para a primeira directiva baixo a presidencia de Nazario Abel. Foron eles quen, partillando iniciativa, sensibilidade e lucensismo naqueles anos escuros, enriqueceron a tradición musical lucense, -acreditada por figuras como Pascual Veiga, Juan Montes, López Varela, Bal y Gay, Gustavo Freire-, na procura de disfrutar in puribus realis de grandes orquestras, directores, solistas. Así foi durante estos SETENTA E CINCO ANOS que estamos a conmemorar, con máis de setecentos concertos, e sen paréntese agás a obrigada pola pandemia. Trascendendo do eido societario, apoiamos no seu día, -como membros do Patronato Pro Música-, a creación do Conservatorio e a Semana de Música do Corpus; andamos a cooperar co Clube Cultural Valle Inclán por unha comuñón monumento/música, e, co Concello de Lugo, vimos participando na organización do Festival de Música Cidade de Lugo, Semana de Música do Corpus que ven de celebrar a súa 49 edición. Non esquecemos a importancia do ámbito educativo e por iso temos establecido convenios coa Universidade e outras entidades docentes. Meritorio recoñecemento polo entusiasmo e dedicación, para as directivas que nos precederon e, nomeadamente, para o conxunto social, exemplo de entrega, comprensión e fidelidade. Mención especial de gratitude infinita merece o Circulo de las Artes polo apoio e hospitalidade de seu, o que foi fundamental tamén naqueles inicios.
Rematamos evocando a Beethoven cún aforismo que se lle atribúe e que parece acaído por atoparnos diante de servidores públicos. Con todo respecto, dí así: Facéde todo o bén posible, amáde a liberdade por riba de todas as cousas e, aínda que fora por un trono, endexamáis faltedes á verdade.
Moitas grazas.