22 de xaneiro 2026:

Juan Ferrer, clarinete
Raúl Mirás, violoncello
Alicia González, piano

Programa

  • L.v. Beethoven: Trío para Clarinete, cello e piano
  • N. Rota: Trío para Clarinete, cello e piano
  • J. Brahms: Trío para Clarinete, cello e piano

 

Juan Ferrer

Juan Ferrer (Valencia) é un dos clarinetistas máis polifacéticos e destacados da súa xeración. É o primeiro español en formar parte do xurado de prestixiosos concursos internacionais en Europa, Asia e América. Dende a tempada 2017-2018 é profesor invitado da Fundación Simón Bolívar (El Sistema).

Como solista actuou con destacadas orquestras sinfónicas españolas e internacionais, así como con recoñecidas bandas sinfónicas europeas. É artista das marcas Buffet-Crampon e Vandoren, e dende 1994 ocupa o posto de clarinete principal da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Ao longo da súa carreira traballou con algúns dos directores máis importantes do panorama internacional, entre eles Gustavo Dudamel, Lorin Maazel, Daniel Harding e Sir Neville Marriner, entre moitos outros.

Raúl Mirás

Cello principal da Orquestra Sinfónica de Galicia dende 2020, Raúl desenvolve unha ampla e recoñecida traxectoria artística, actuando como solista de orquestras como a Sinfónica de Tenerife, OFGC, Les Arts, OBC, Ciudad de Granada e OSCyL, e colaborando con formacións como a Mahler Chamber Orchestra, Philharmonia Orchestra ou a Deutsche Kammerphilharmonie Bremen, entre outras.

Formado en Musikene e en centros de referencia europeos como a Musik-Akademie Basel e a Hochschule für Musik Rostock, foi membro da JONDE, a Gustav Mahler Jugendorchester e academista da Rundfunk-Sinfonieorchester Berlin.

Mantén unha intensa actividade como músico de cámara e estende o seu compromiso musical ao ámbito pedagóxico, impartindo clases e clases maxistrais, así como colaborando con diferentes orquestras xoves.

 Alicia González

Natural de Lalín (Pontevedra), Alicia inicia a súa formación musical aos sete anos en piano e violín. Continúa os seus estudos na Escola de Música de Barcelona e, posteriormente, no Brabants Conservatorium de Tilburg (Holanda), formándose con mestres como Albert Attenelle, Ton Demmers, Jan Wijn e Eugen Indjic.

Foi galardoada con numerosos premios nacionais e internacionais dende unha idade temperá, así como con diversas distincións académicas.

Desenvolve un intenso labor como pianista acompañante e de música de cámara, colaborando en clases maxistrais con destacados solistas e traballando adoito con orquestras como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Ciudad de Granada e a Sinfónica de Bilbao, baixo a dirección de prestixiosos mestres. Ofreceu recitais en diversos países e importantes escenarios europeos e actuou como solista con varias orquestras e realizou gravacións para RNE.

Actualmente é pianista acompañante do Conservatorio Superior de Música da Coruña, compaxinando este labor coa súa actividade concertística como solista e músico de cámara.