52 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo
Martes, 29 de maio de 2025 – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h
Carlos Mena, contratenor
Concerto 1700
Daniel Pinteño, dirección
Sacro Vivaldi
Concerto 1700
Daniel Pinteño, violín e dirección
Fumiko Morie, violín
Leticia Moros, viola
Ester Domingo, violonchelo
Nacho Prego, órgano
Pablo Zapico, tiorba
Programa:
Antonio Vivaldi (1678 – 1741)
- Filiae maestae Jerusalem, RV 638
- Concerto a 4 en sol menor, RV157
- Vestro Principi divino, RV 633
- Sonata da camera a tre, Op. 1 No. 12 RV 63 “Follia”
- Nisi Dominus, RV 608
Carlos Mena
Naceu en Vitoria-Gasteiz; fórmase na prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis (SCB) de Basilea (Suíza) baixo a dirección dos seus mestres R. Levitt e R. Jacobs e cursa estudos medievais e obradoiros de ópera. Actualmente é profesor de canto histórico nesa institución.
Como solista cantou baixo a batuta de mestres como Michel Corboz, Paul Goodwin, Mark Minkowsky, Rafael Frübeck de Burgos, Ottavio Dantone, Juanjo Mena, Gustav Leonhardt, Christoph Coin e Andrea Marcon o que o leva a cantar en festivais e salas de todo o mundo como Musikverein e Konzerthaus de Viena, Palais de Beaux Arts de Bruxelas, Concertebouw de Ámsterdan, Grosses Festspielehaus de Salzburgo, Philarmonie de Berlín, Suntory Hall e City Opera Hall de Tokyo, Osaka Shympony Hall, Zipper Hall e Schönberg Hall dos Ánxeles, Alice Tully Hall do MET de Nova York, Kennedy Center de Washington, Sidney Opera House, Concert Hall de Melbourne, Bellas Artes de Cidade de México, Teatro Colón de Bos Aires…
No ámbito da ópera participou en obras como La Rappresentazione, de Cavalieri, al Théâtre Royal de la Monnaie; O Orfeo, na Innsbruck Festwochen e na Staatsoper; Il Trionfo, de Haendel, no Salzburger Pfingstenfestival; no Barbican Center protagonizou Ascanio en Alba, de Mozart, y En Midsummer Night’s Dream, de Britten, no Teatro Real de Madrid, e Death in Venice, de Britten, no Gran Teatre del Liceu.
Carlos Mena amosa tamén inquietude polo mundo do lied e o repertorio contemporáneo estreando obras de cámara, sinfónicas e óperas compostas para el de compositores como José María Sánchez-Verdú, Gabriel Erkoreka, Jesús Torres e Joan Magrané. Foi artista residente do prestixioso Festival BOZAR de Bruxelas, do Centro Nacional de Difusión Musical e da Orquestra Cidade de Granada. Seus máis de 50 recitais gravados para Mirare, Sony Music, Harmonia Mundi e IBS, obtiveron numerosos premios como o prestixioso Diapason D’Or.
Carlos Mena estudou dirección coral e dirixe actualmente a Capela Santa María da Fundación Catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz. Dirixiu a orquestras como a Cidade de Granada, Sinfónica de Galicia, Principado de Asturias, Sinfónica de Navarra, Sinfónica de Córdoba, Coro e Orquestra de RTVE, La Cetra Barockorchestra e Sinfónica de Portugal.
Carlos Mena é director artístico dos Coros da Orquestra Sinfónica de Galicia. Ademais, é membro do xurado do premio das Artes da Fundación Princesa de Asturias.
Daniel Pinteño
Considerado pola crítica como unha das figuras emerxentes con máis proxección dentro do panorama historicista español. Daniel Pinteño nace en Málaga, comeza os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Murcia da man de Emilio Fenoy, finalizándoos posteriormente con Juan Luis Gallego no Conservatorio Superior de Música de Aragón.
Durante os seus anos de formación asiste activamente a clases maxistrais con solistas internacionais como Nicolás Chumachenco, Alexei Bruni, Mikhail Kopelmann, Alberto Lisy, Ida Bieler entre outros. Posteriormente trasládase a Alemaña onde prosegue os seus estudos de perfeccionamento co profesor Nachum Erlich, na Staatliche Hochschule für Musik Karlsruhe.
Dende o ano 2010 orienta o seu labor musical á interpretación do repertorio comprendido entre os albores da música para violín do século XVI ata a linguaxe romántica de mediados do século XIX con criterios históricos. Para iso, comeza a recibir clases de profesores como Enrico Onofri, Anton Steck, Hiro Kurosaki, Catherine Manson, Enrico Gatti, Sirka-Lisa Kaakinen Pilch, Margaret Faultless, Jaap Ter Linden, etc. Complementariamente cursa estudos de musicoloxía na Universidade da Rioxa e a Universidade Complutense de Madrid.
Estuda violín barroco no Conservatoire à rayonnement régional de Toulouse (Francia) co violinista suízo Gilles Colliard e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid baixo a tutela de Hiro Kurosaki.
A súa paixón pola recuperación do patrimonio musical español do século XVIII valéronlle o recoñecemento da crítica internacional. No ano 2019 recibe o apoio dunha Bolsa de estudos Leonardo para investigadores e creadores culturais que outorga a Fundación BBVA e coa que realizará un proxecto de recuperación e gravación do disco Antonio Literes (1673-1747): Sacred cantadas for alto dirixindo a Concerto 1700 xunto á voz do contratenor Carlos Mena.
Daniel Pinteño toca cun violín italiano anónimo de principios do século XVIII.
Concerto 1700
Fundado en 2015 polo violinista Daniel Pinteño, Concerto 1700 nace coa intención de interpretar obras que abarcan dende a etapa máis temperá do Barroco ata os primeiros escintileos do Romanticismo dunha maneira historicamente informada. Actualmente é un dos grupos relevantes do panorama historicista español grazas ao seu virtuosismo e fantasía tímbrica que a crítica gabou en varias ocasións.
Destaca o labor de recuperación do patrimonio musical esquecido, en especial de compositores e mestres de capela españois do século XVIII. Autores que, por un motivo ou outro, quedaron relegados na sombra do esquecemento, son agora rescatados e interpretados por este grupo respectando os canons musicais propios do seu momento.
Gañadores do Premio Circuítos FestClásica 2017 na categoría Música Antiga actuaron con grande éxito de público e crítica nos festivais máis importantes do ámbito nacional como a Quincena Musical de San Sebastián, Festival Internacional de Santander, Outono Musical Soriano, Festival de Música Española de Cádiz, Festival de Música Antiga de Aranxuez, Festival Internacional de Música de Úbeda e Baeza, entre outros. Tralo éxito dos seus dous primeiros discos lanzan en 2021 un álbum xunto ao contratenor Carlos Mena baixo o título Antonio Literes: Sacred Cantatas for alto con obras inéditas do compositor mallorquino Antonio Literes o cal obtivo o aplauso unánime da crítica, así como o nomeamento a mellor álbum de música barroca vocal nos premios ICMA 2022.