Real Filharmonía de Galicia

Sergey Malov, violín, violoncello da spalla e director

  • W. A. Mozart: Sinfonía núm. 1 en Mi bemol maior, KV. 16
  • J. S. Bach: Concerto para violín en sol menor (reconstrución)
  • L. Boccherini: Concerto para violoncello en Re maior
  • W. A. Mozart: Sinfonía núm. 41 en Do maior, KV. 551

 

Lembrando aos clásicos

Este programa revisita, cun enfoque historicista, obras do canon sinfónico, con Sergey Malov como director e intérprete de violoncello da spalla, unha sorte de instrumento máis pequeno, de son diáfano e hipnótico, do que é un gran virtuoso.

Mozart, tamén xenio precoz, compuxo a súa Sinfonía núm. 1 con só oito anos como exercicio de aprendizaxe. O Concerto para violín en sol menor de Bach chega a nós despois dun labor detectivesco de recuperación. O seu segundo movemento gravita sobre unha das melodías máis inspiradas do autor, que volve utilizar na Cantata 156.

O programa complétase co Concerto para violoncello en re maior de Boccherini, cheo de vitalidade e lirismo.

Pecha a Sinfonía núm. 41 “Xúpiter” de Mozart, escrita nunha etapa de máxima complexidade creativa e de enorme esixencia técnica. Se Mozart chegou a escoitala ou non, continúa sendo un misterio.

Sergey Malov

Natural de San Petersburgo, Sergey Malov está considerado un músico tan versátil como virtuoso: toca o violín, a viola, o violín barroco e o violoncello da spalla, instrumento co que probablemente o propio Johann Sebastian Bach tocou as súas suites para violoncello. O seu repertorio abarca dende a música barroca antiga ata Johann Sebastian Bach, dende os concertos para violín clásicos e románticos ata as estreas mundiais de música contemporánea. Nas súas interpretacións aborda intensamente cuestións de estilo e técnicas de interpretación de cada época.

Co violín, Sergey Malov gañou premios no Concurso Paganini de Xénova, o Concurso Mozart de Salzburgo, o Concurso Heifetz de Vilna e o Concurso Michael Hill de Auckland. Coa viola gañou premios no Concurso ARD de Múnic e no Concurso de Viola de Tokio.

Como solista de violín e viola actuou con orquestras como a Orquestra da BBC de Londres, a Orquestra Filharmónica de Londres, a Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera, a Orquestra Filharmónica Enesco, a Filharmónica de Auckland e a Orquestra Filharmónica de Tokio. As invitacións de tempadas anteriores tamén o levaron á Orquestra Filharmónica de Helsinqui, coa que interpretou o Concerto para violín de Sibelius nos aniversarios de Sibelius baixo a dirección de Klaus Mäkelä, ao Festival de Música Antiga de Innsbruck, a unha xira de recitais por Xapón e a unha xira coa Orquestra de Cámara de Württemberg Heilbronn. No verán de 2019 foi artista residente no Festival de Música de Turku en Finlandia.

Sergey Malov recibiu un premio especial no Concurso Bach de Leipzig e toca un violín barroco de Gioffredo Cappa da Fundación Jump Start Junior de Ámsterdan.

Como solista e director actuou con AKAMUS, Orquestra Barroca de Venecia, Orquestra Música Viva de Moscova, Camerata de Salzburgo, Orquestra Barroca Finlandesa, Orquestra Barroca de Sevilla e a Orquestra Barroca de Halle.

En setembro de 2017, Malov foi nomeado profesor da Musikhochschule de Zúric. As gravacións de Sergey Malov foron publicadas por DECCA, EASonus, Hänssler Profil, Alba e Pan Classics. O álbum Hommage á Ysaÿe foi lanzado en setembro de 2017 por SoloMusica. Na primavera de 2019 lanzou o seu álbum Paganini, no que gravou os seus 24 caprichos.

Os seus vídeos co violoncello da Spalla foron vistos máis dun millón de veces na Internet. Ademais das 6 suites para violonchelo de Bach, Malov interpreta un amplo repertorio de música solista e de cámara con este instrumento.