Judith Jáuregui
«Homeland«
- F. Chopin: Mazurkas op, 17 nº 1, 2 e 4, e op. 63 nº 3
- E. Grieg: Catro pezas líricas
- M. de Falla: Aragonesa e Andaluza (das Catro cancións españolas para piano)
- K. Varpadet: Das Seis danzas para piano (selección)
- H. Villa-Lobos: Valsa da dor para piano / Suite floral op. 97
- A. Ginastera: Danzas arxentinas para piano, op. 2
Homeland
Homeland é o título da última gravación de Judith Jáuregui e tamén o dun recital que versa sobre o amor ás orixes. A propia Judith explícanos: “Nunha hora viaxaremos por Europa con Mazurkas de Chopin, Pezas Líricas de Grieg e a Aragonesa e Andaluza de Falla, que pertence ás súas Cancións Españolas. Cruzaremos a Asia co gran compositor armenio Komitas Varpadet e as súas Danzas para piano. E remataremos na exuberancia de América Latina xunto ao brasileiro Villa-Lobos, coa súa Valsa da Dor e a súa Suite floral, ademais de Ginastera e as súas Danzas Arxentinas. É un programa orixinal, refrescante, que vai dende a intimidade ata a brillantez e moi fácil de descifrar emocionalmente.”
Judith Jáuregui, piano
Personalidade, refinamento e luz definen á pianista Judith Jáuregui. Descrita pola revista inglesa International Piano como a ‘intuición creativa’, ‘unha artista imaxinativa, unha intérprete sorprendentemente individual, que impresiona pola madurez da súa expresión’; para o medio alemán Piano News, ‘non é só o impecable da súa interpretación a que conta, se non a impresión de escoitar a unha pianista que verdadeiramente ten algo que dicir’.
Outras críticas recentes apuntan que na súa interpretación ‘todo é evocación, suxestión, dunha voluptuosidade feliz e danzante’ (Classiquenews), retratan o seu son como ‘simplemente fermoso: é un festival de polifonía e fluidez, sobriedade e elegancia e unha rara intelixencia do contraste e o matiz’ (Audiophile Magazine) e afirman que ‘escoitar a Judith Jáuregui é, por riba de todo, descubrir unha artista de primeira liña, que toca sen fronteiras e encontra a súa verdade nun forte poderío musical pero tamén nunha conmovedora introspección’ (Mediapart).
Nas últimas tempadas foi recibida con entusiasmo en salas e festivais de referencia internacional como el Auditorio Nacional de Madrid, o Palau da Música de Barcelona, o Auditorio Louvre de París, Flagey en Bruxelas, o Konzerthaus de Berlín, Suntory Hall de Tokio, NCPA de Pequín, o Teatro Mayor de Bogotá, Schloss Elmau en Alemaña, Murten Classics en Suíza, o Festival de Piano da Roque d’Anthéron en Francia ou o Festival Internacional de Música e Danza de Granada entre outros.
Colaborou con formacións como a Britten Sinfonia, a Orchestre National de Lille, a Orchestre National de Cannes, a Orchestre du Pays Basque, a Sinfonie Orchester Biel Solothurn, a Bayerische Kammerphilharmonie, a Neubrandenburger Philharmonie, PFK Prague Philharmonia, Das Neue Orchester Köln, Aarhus Symphony Orchestra, Slovak Sinfonietta, Rzeszow Philharmonie, a OFUNAM en México, a Filharmónica de Bogotá ou a Orquestra Simón Bolívar de Venezuela, ademais das principais orquestras españolas como a Orquestra Nacional de España, a Orquestra Sinfónica de Radiotelevisión Española, a Orquestra Sinfónica de Euskadi, a Orquestra Sinfónica de Castela e León, a Orquestra Sinfónica das Illas Baleares ou a Orquestra Sinfónica de Bilbao, tendo a oportunidade de traballar con directores como Jan Willem de Vriend, Gabriel Bebeselea, Kaspar Zehnder, Jean-Claude Casadesus, Andrey Boreyko, Diego Matheuz, Lina González Granados, Virginia Martínez, Víctor Pablo Pérez, Jaime Martín, Ramón Tebar, Jaume Santonja, Erik Nielsen, Günter Neuhold ou Marc Soustrot.
Nacida en San Sebastián, estivo unida a diversas culturas dende a súa infancia: de nai vasca e pai mexicano de nacemento e francés de adopción, Judith iniciouse na música na súa cidade natal para despois finalizar os seus estudos en Múnic, Alemaña, baixo a tutela do mestre ruso Vadim Suchanov.
Artista involucrada na música de cámara, as súas últimas alianzas foron co Gerhard Quartet, o Signum Quartet, as violinistas Ana María Valderrama e Soyoung Yoon e a violonchelista Nadège Rochat.
Entre os compromisos da tempada 2026-2027 destacan concertos xunto á Orquestra Sinfónica Nacional de México, a Moravian Philharmonic Orchestra e unha xira coa Franz Schubert Philharmonia con concertos en España e Francia nos que tocará e dirixirá concertos de Haydn e Mozart. Ademais visitará algunhas das principais salas españolas como o Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián, o Teatro Liceo de Salamanca ou o Auditorio Nacional de Madrid.
A súa discografía reflicte o seu amplo repertorio: dende o último álbum co Concerto de Grieg e as Noites nos Xardíns de España de Manuel de Falla xunto á Orquestra Sinfónica de Castea e León que recibiu un nomeamento aos prestixiosos Premios ICMA na edición de 2025 e o aplauso da crítica internacional, ao anterior dedicado a Robert e Clara Schumann, que lle valeu o nomeamento aos premios alemáns Opus Klassik, así como os cinco previos cos que se adentrou en autores como Liszt, Chopin, Debussy, Falla, Mompou, Szymanowski ou Scriabin.