7 de decembro – Vicente Antequera, barítono / Óscar Oliver, piano

Programa:

F. Schubert: Winterreise (Viaxe de inverno)


Vicente Antequera, barítono

Nace en Valencia, onde realiza os seus estudos musicais obtendo o título superior de canto. Posteriormente completa a súa formación na Opera-Studio de Genève e na Scuola musicale di Milano con Bianca Maria Casoni. Durante ese período recibe leccións de mestres coma Francisco Valls, Ian Baar, Lorraine Nubar, Renato Bruson, Bonaldo Giaiotti, Carlos Chausson e Giulio Zappa para o repertorio de ópera en centros musicais como o Festival lírico internacional de Callosa d’en Sarriá, a Academia musical de Niza ou a Academia Chigiana de Siena entre outros e con Miguel Zanetti, Wolfram Rieger ou Dalton Baldwin en repertorio de cámara. É premiado nos concursos de Orvieto e Pavía (Italia), en cuxos festivais debuta a Bohème (Marcello) e Elisir d’amore (Belcore).

O seu repertorio comprende obras de diferentes épocas, dende o barroco ata a música contemporánea, levándoo esta a participar nos XX e XXI Festivais internacionais de música contemporánea de Valencia ENSEMS, onde estrea obras de Luis de Pablo ou Mauricio Sotelo entre outros. En 2013 protagonizou a estrea da ópera O versador de Josep Sanz Biosca. Ofrece variedade de recitais entre os que se encontran os realizados para o Círculo de amigos del Liceo de Barcelona e Amigos de la ópera de Madrid. Intervén no festival La huella de España na Habana, na capital cubana interpretando El retablo de maese Pedro de Falla con produción do Instituto valenciano de la música, participou na estrea absoluta de obras en España como Der Kaiser von Atlantis de Víktor Ullmann.

Óscar Oliver, piano

Nace en Massalavés (Valencia) en 1976. Aos 8 anos ingresa na Escolanía de Valencia onde comeza a estudar canto, órgano, violín e piano, sendo nomeado organista da Real Basílica de Valencia á idade de 13 anos. Máis tarde, gradúase no Conservatorio Superior de Valencia, coas máximas cualificacións, baixo tutela de Victoria Alemany e Adolfo Bueso, perfeccionándose máis tarde con Ramón Coll en Barcelona e con Ana Guijarro en Madrid. Tamén recibiu clases de Graham Jackson e Rita Wagner.

O seu interese pola música vocal e pola música de cámara levouno a colaborar cos máis destacados músicos e cantantes valencianos. Froito desta actividade camerística ofreceu recitais en cidades como Praga, Neuchatel, Laussane, Sión, Innsbruck, así como nas principais salas españolas invitado pola Universitat de València, Juventudes Musicales, Ibercaja, Amics del Liceu, a Fundación FIDAH e l’HAMU de Praga entre outros.

Winterreise

É certo, que o Winterreise de F. Schubert non require presentación e calquera análise que poidamos formular acerca do máis importante ciclo de lied que compuxese xamais, non fará máis que redundar no xa dito anteriormente por prestixiosos musicólogos. Se cadra sexa abondo para avaliar a magnitude da obra, resaltar a circunstancia de que Diestrich Fischer-Dieskau, para moitos o cantante de lied máis importante do século XX, deixounos un legado de cinco gravacións do ciclo en diferentes etapas da súa carreira e con diferentes pianistas, ou que o tenor Ian Bostridge non só o gravou en varias ocasións se non que é autor do libro sobre o ciclo, Anatomía de una obsesión, un título moi revelador. Trátase pois dun dos retos máis importantes para calquera cantante ou pianista, non só pola importancia da obra, senón pola dificultade que formula, e que obriga a un denso e oneroso estudo técnico e interpretativo.

As súas 24 cancións -para voz e piano- son dous conxuntos de 12 poemas de Wilhem Muller que Schubert musicou e uniu nunha soa obra (OP 89, D 911), escrita durante o derradeiro ano da súa vida. Disto dedúcese a súa ampla calidade evocadora, os cambios de tonalidade e a capacidade expresiva de cada un dos lieder. Neles relátase, sen unha liña argumental definida, o paseo dun camiñante a través dunha paisaxe invernal, xélida e sombría, sen se cruzar con ninguén excepto un zanfonista (Der Leiermann, o último lied), tras coñecer que a súa amada o rexeitou. A súa audición obriga a usar a nosas capacidade intuitiva e imaxinativa para poñernos na pel do personaxe e o seu paseo. A música e a letra van na mesma dirección e unha non sabe vivir sen a outra. Aínda que as letras describen a paisaxe e o que o camiñante sente, o contido da obra vai máis alá, pois intenta relatar unha crise existencial a través de momentos musicais. Moitas das cancións teñen ritmo “de camiñante”, segundo o propio Schubert describiu. Parece que o paso no camiño crece ou decrece en función do estado de ánimo do noso protagonista. Os cambios de acorde de maior a menor, de tonalidade entre cancións, de dinámica, etc., fan destacar a obra como un intento de realzar os sentimentos e vicisitudes que vive o noso despechado andante ao mesmo tempo que interioriza a súa historia.

Cada paso, cada paseo e cada nova paraxe lémbranlle a súa amada, os tempos vividos e a experiencia que ten que sufrir. De aí que cada nova canción varíe en canto a ritmo, sensación, intensidade e emoción, pois toda a historia é un vaivén interno, unha loita por superar o acontecido e continuar coa vida. Os tons menores evocan a mágoa, os maiores os recordos e a alegría, as ganas de volver. Esa analoxía co inverno, a estación da “morte”, do final para pasar a un inicio, resulta maxistralmente descrita por Schubert no seu último ciclo de cancións, en Viaxe de inverno.