Réquiem de Mozart. Sábado 24 de marzo

Sábado, 24 de marzo

Circulo das Artes de Lugo, 20:00 h

Orquestra Vigo 430

Coro Rías Baixas

Vicent Alberola, dirección e clarinete

Delia Agúndez, soprano

Ana Jesús Sánchez, mezzo 

Diego Neira, tenor

Borja Quiza, barítono

Programa:

W. A. Mozart (1756-1791)  

Concerto para clarinete en La maior, K. 622

Misa de RÉQUIEM en re menor, K. 626

 


 Interesante análisis do Réquiem de Mozart  (Música y significado, Radio Clásica RNE): 
 El Réquiem de Mozart
                                                     

Vicent Alberola foi durante máis de 20 anos primeiro clarinete da Ópera de Madrid e a Sinfónica de Galicia. Durante a última década foi primeiro clarinete invitado coa Royal Concertgebow Orchestra, New York Philarmonic Orchestra, Lucerne Festival Orchestra, Mahler Chamber Orchestra e Orchestre Les Dissonances, coas que tivo a oportunidade de traballar con mestres como Claudio Abbado, Mariss Jansons, Riccardo Muti, Andris Nelsons ou Gustavo Dudamel. É director titular da Orquestra Vigo 430, Orquesta Sinfónica Gurska de Madrid e director invitado da Ópera de Perm. A súa vocación como director descubriríaa coa Xoven Orquestra de Galicia no ano 1996, agrupación da que fora 8 anos director titular. En 2003 foi nomeado director da Joven Orquesta de la Ópera de Madrid e coa Sinfónica de Madrid dirixiu no Teatro Real as óperas: Rita de G. Donizetti, La Boheme de G. Puccini, Don Giovani de W. A. Mozart, Persephone de I. Stravinsky, O Gato con Botas de X. Montsalvatge, Iolanta de P. I. Tchaikovsky, Macbeth de G. Verdi e máis recentemente L’Elissir d’Amore de G. Donizetti.

O Coro Rías Baixas presentouse en xaneiro de 2014 en Vigo coa finalidade de suplir a carencia de formacións corais que puidesen colaborar con orquestras, bandas e grupos de cámara no sur de Galicia. Suma xa máis de corenta actuacións en diversos ciclos ou festivais nos que interpretaron obras fundamentais do repertorio coral: Petite Messe Solennelle de G. Rossini, Requiem de L. Cherubini, Music for the Funeral of Queen Mary de H. Purcell, Misa en Re de A. Dvorák, Misa da Coroación de W. A. Mozart ou o Requiem de G. Fauré. Ademais, participou nun Mesías Colaborativo e actuou recentemente na ópera Rigoletto. Dentro do repertorio a capella o coro interpretou obras de todas as épocas da historia da música, de compositores como C. de Morales, T. L. de Victoria, W. Byrd, J. S. Bach, W. A. Mozart, F. Mendelssohn, entre outros e traballou coa Orquestra de Cámara Galega, Orquestra de Cámara Rías Baixas, Orquestra Sinfónica de Galicia ou Orquestra Sinfónica Vigo 430.

Delia Agúndez, nacida en Cáceres, é titulada superior de canto polo Conservatorio do Liceu, licenciada en Historia e Ciencias da Música e moi activa concertista. Actúa regularmente coas máis prestixiosas formacións especializadas en música antiga do panorama europeo e protagonizou algúns dos discos máis interesantes aparecidos nos últimos anos. Actuou xunto a orquestras como a da Radiotelevisión Española, a Orquestra de Cadaqués, a Orquesta Barroca Catalana, a Orquesta Clásica Santa Cecilia ou a Orquesta de la Capilla Real de Madrid. Ademais, colabora con ensembles como Pygmalion, Fiori Musicali, Musica Ficta & Ensemble Fontegara, a Capilla Real de Madrid, Cinco Siglos, Aquel Trovar ou La Bellemont.

Ana Jesús Sánchez, natural de Pontevedra comeza os seus estudos de canto no Conservatorio Superior de Vigo e obtén o título superior de canto coa profesora Patricia Blanco.

Fórmase na especialidade de Renacemento-Barroco na Schola Cantorum Basiliensis, recibindo clases de Gerd Türk, Richard Levitt, Andreas Scholl e Evelyn Tubb.

Realizou xiras e concertos con agrupacións como a Capilla Pieta dei Turchini, Arte Mínima, Academia de música antiga de Ambronay ou Capilla Peñaflorida, con directores como Antonio Florio, Joshua Rifkin, Richard Levitt, Jordi Savall, Fabio Bonizzoni ou Willian Christie.

É membro integrante e solista do ” Grupo de Música Antigua Martín Codax”, co que realiza concertos por gran parte da xeografía Europea e co cal gravou catro discos.

Recibiu o 2º premio no 2º concurso de Canto barroco Francesco Provenzale en Nápoles.

Diego Neira, nacido en Santiago de Compostela, obtivo o seu título de Grado Superior de Canto con Mención de Honra no Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Destacan os seus papeis como solista en programas do Renacemento e Barroco, como son o Jephte de Carissimi, Vespers a la Beata Virgine de Claudio Monteverdi, Membra Jesu Nostri de Buxtehude e o Mesías de Haendel. Así mesmo é protagonista en óperas como Bastián y Bastiana de Mozart, e A historia do Soldado de Stravinsky. Colaborou coa OSG, Real Filharmonía, Orquesta de la Radio Televisión Española, a Stavanger Symfoniorkester e a Orquesta de la Comunidad de Madrid. Debutou na pasada Tempada Lírica de A Coruña, co papel de Attalo na ópera rossiniana Ermione, dirixida por Alberto Zedda.

Borja Quiza, nacido en Ortigueira, estudou con Renata Scotto e Daniel Muñoz entre outros. Premio Opera Actual cantante revelación en 2009 e premio ao mellor cantante de Zarzuela dos premios líricos Campoamor en 2010. Protagonizou a película Io, Don Giovanni de Carlos Saura interpretando o papel de Don Giovanni. Actuou nos principais teatros internacionais baixo a batuta de: Jurowsky, López Cobos, Nagano, Petrenko, Rousset, Pons, Zedda, Inbal, Campanella… Hoxe, Borja Quiza converteuse nunha das figuras emerxentes da lírica internacional. No seu repertorio operístico destacan as súas participacións en Il Barbiere di Siviglia, Le Nozze di Figaro, Cosí fan Tutte, Don Giovanni, Die Zauberflöte, La Cenerentola, Belcore de L’Elisir d’Amore, Don Pasquale, Il Campanello, La Bohème, Madama Butterfly, Le Pêscheurs de Perles, Romeo et Juliette, Pelleas et Melisande, L`Heure Espagnole, etc. En Zarzuela cantou La Verbena de la Paloma, La Revoltosa, El Barberillo de Lavapiés, La del Manojo de Rosas, La Viejecita, La Viuda Alegre, La Canción del Olvido, La Corte de Faraón, etc. Realizou tamén unha ampla actividade concertística interpretando obras como os Rückertlieder de Mahler, a Misa da Coroación e o Réquiem de Mozart, Carmina Burana de Orff, A Paixón segundo San Mateo de Bach ou Messa di Gloria de Puccini.