Orquestra SinfónicaVigo 430 – 31 de maio

XLVII Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Viernes, 31 de maio de 2019  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

Orquestra Sinfónica Vigo 430

Paolo Bortolameolli, dirección

Anastasia Kobekina, violonchelo

Programa:

Octavio Vázquez (1972-) – Hermes (2004)

Edward Elgar (1857-1934) – Concerto para violonchelo en mi menor, op. 85 (1919)

P. I. Chaikovsky (1840-1893) – Sinfonía nº 6 en si menor, Op. 74. “Patética”

 

Orquestra Vigo 430

A Vigo 430 comeza a funcionar no ano 2005, coa premisa de crear un núcleo de corda de calidade na cidade de Vigo para, xa a partir do 2009, abordar progresivamente repertorio sinfónico. Nos seus inicios foi coñecida como Ensemble Vigo 430 debido ao seu interese en potenciar precisamente ese núcleo de corda e no que a presenza das seccións de vento era mínima e os programas a abordar moi centrados na música para orquestra de cámara do clasicismo e do barroco pero con incursións tamén na música contemporánea. A partir do 2009 comezan a incluírse repertorios para orquestra completa, centrándose neste tipo de composicións as súas programacións dende ese momento e pasando a configurarse un núcleo de ventos tamén estable. Cámbiase neste momento o nome a Orquestra Vigo 430 ao entenderse que responde mellor ao espírito e realidade da nova formación. No 2011 comezan a organizarse os seus primeiros ciclos estables de música compostos por programacións de catro concertos coa intención de configurar unha tempada musical. No 2012 créanse as primeiras seccións para atender as necesidades do proxecto; así en setembro dará o primeiro concerto a Orquestra Xove, unha orquestra dirixida a rapaces e que pretende servir de canteira musical e formativa para aqueles músicos que aspiren a formar parte da agrupación principal. Deste modo comeza a denominarse a agrupación principal como Orquestra Sinfónica, diferenciándose así da Orquestra Xove.

No ano 2014 créase ademais a sección especializada en música antiga, a Orquestra Barroca.

Froito de todo este traballo de máis de dez anos é o recoñecemento recibido no 2014 ao ser galardoado o proxecto 430 cos Premios Martín Códax na categoría de Música Clásica e contemporánea. A partir do 2015 comeza a súa andadura como orquestra residente do Auditorio Mar de Vigo.

Paolo Bortolameolli, director

O director chileno Paolo Bortolameolli é o actual director asistente de Gustavo Dudamel na Filharmónica dos Ánxeles,  unha sorte de Olimpo musical que tivo no seu podio a figuras como Zubin Mehta ou Esa-Pekka Salonen.  Iniciou os seus estudos de dirección en Santiago de Chile e logo debutou o 2013 no Municipal á fronte da Orquestra Filharmónica de Santiago. Continuou a súa carreira dirixindo en distintos teatros de América Latina, España e Estados Unidos de América. Foi semifinalista no Concurso Mahler o 2016 e director invitado da Orquesta Joven de las Américas no ano 2017 ata que en xullo dese ano se confirmaba que Paolo Bortolameolli era nomeado director asistente da Orquestra Filharmónica dos Ánxeles.

Ten un Máster en Música en Condución Orquestral da Yale School of Music, e tamén se formou no Peabody Institute, onde estudou baixo a guía de Gustav Meier e Markand Thakar. Traballou con renomeados mestres, como Helmutt Rilling, Marin Alsop e Gustavo Dudamel, entre outros, e estudou con Bernard Haitink, Pavo Järvi, Leonid Grid e Peter Oundjiam.

Anastasia Kobekina, violonchelo

Anastasia Kobekina, un dos talentos máis prometedores da súa xeración, tivo o seu debut con orquestra á idade de seis anos; dende entón presentouse con grandes orquestras como Moscow Virtuosi, Kremerata Baltica, Vienna Symphony Orchestra, Sinfonía Varsovia, Orquestra do teatro Mariinsky, a Orquestra Sinfónica de Toulouse e moitas outras, baixo a dirección de Krzysztov Penderecki, Heinrich Schiff, Vladimir Spivakov e Valery Gergiev.

Na pasada tempada fixo o seu debut coa orquestra Konzerthaus de Berlín, a Orquestra Sinfónica MDR e a Orquestra Sinfónica de Wuppertal.

Unha das principais actividades e gran paixón desta xove violonchelista é a música de cámara participando en numerosos festivais con artistas como Gidon Kremer, Yuri Bashmet, Vladimir Spivakov e Andras Schiff.

En 2015, ganou o primeiro premio no Concurso TONALi en Hamburgo, Alemaña, e en setembro de 2016 obtivo o segundo premio no Concurso George Enescu en Bucarest.

Nacida nunha familia de músicos, recibiu as súas primeiras leccións de violonchelo á idade de catro anos na súa cidade natal, Ekaterinburgo, a capital dos Urais. Completou os seus estudos na Escola Central de Música en Moscova e logo foi invitada a estudar na famosa Academia Kronberg en Alemaña con Frans Helmerson. Actualmente, Anastasia está estudando na Universidade de Artes de Berlín na clase do profesor Jens Peter Maintz.

Anastasia actúa cun violonchelo de Giovanni Baptista Guadagnini que data de 1743.