25 de xaneiro – Orquestra Barroca Vigo 430

Orquestra Barroca Vigo 430
Pedro Castro, director, óboe e frauta
Magna Ferreira, soprano
Coline Ormond, violín I
Ángela Neto, violín II
Javier Escobar, viola
Isabel Figueroa, violoncello
Eva Euwe, violone
Marta López, clave

Programa:

A. Marcello: Concerto para óboe e orquestra en re menor
J. S. Bach: Cantata Weichet nur, betrübte Schatten BWV 202
G. Ph. Telemann: Suite para frauta e orquestra em la menor
J. S. Bach: Cantata Ich bin vergnügt mit meinem Glücke BWV 84

Pedro Castro

Pedro Castro naceu en 1977 en Oporto. Graduado na Escola de Música de Lisboa baixo a dirección de Pedro Couto Soares e o Real Conservatorio da Haia nos Países Baixos baixo a dirección de Sebastien Marq (frauta) e Ku Ebbinge (óboe barroco).

Actuou como solista con grupos como Al Ayre Español, Le Talens Liryques, Divino Sospiro, Capela Real, Orquestra Barroca da Casa da Música de Oporto, Orquestra Barroca de Sevilla, Quarteto Arabesco, A Imagem da Melancolía e Músicos do Tejo; traballando baixo a dirección de Eduardo López Banzo, Enrico Onofri, Christophe Rousset, Alfredo Bernardini, Jeremie Roher e Monica Hugget, entre outros nomes importantes na interpretación histórica.

Pedro Castro é profesor de frauta, óboe barroco e música de cámara na Academia de Música de Santa Cecilia, a Escola Superior de Música e Artes Escénicas e a Escola Superior de Música de Lisboa.

Magna Ferreira

Nacida en Estarreja, é licenciada en Canto na Escola de Música e Artes Escénicas e Máster en Educación Musical, da Universidade do Miño.

Foi membro do estudo House of Music Opera onde traballou con Peter Harrison (técnica vocal), Jeff Cohen, Giuseppe Frigeni, Cornelia Geiser, Graziela Galvanni e Lorna Marshall, entre outros. Como solista destaca a súa participación na estrea mundial de Canticum Canticorum de João Heitor Rigaud; a ópera de Ned Rorem As tres irmás; na estrea moderna de Joaz de Benedetto Marcello (como Athalia) e na estrea moderna do repertorio do Convento Ave María en Oporto (séculos XVIII e XIX). Cantou con diversas formacións, incluídos os grupos Udite Amanti, The Image of Melancholy, Remix Ensemble, Remix Orquestra, Orquestra Artave,  Orquestra Sine Nomine, Orchestra do Norte e Orquestra do Minho.

Actualmente é profesora de coro no Conservatorio de Música de Oporto, de canto no Curso de Música Antiga de ESMAE e no Curso de Dirección Coral da Universidade do Miño.

Notas ao programa

Concerto para óboe e cordas en re menor foi escrito por Alessandro Marcello a comezos do século XVIII e converteuse na súa obra máis famosa. É ademais un dos concertos para óboe máis interpretados dentro do repertorio oboístico barroco. No pasado atribuíuse erroneamente a outros dous compositores venecianos coma el: o seu propio irmán Benedetto Marcello e a Antonio Vivaldi.  Johann Sebastian Bach fixo popular a peza no seu momento ao escribir unha transcrición da obra para clave.

Alessandro Marcello publicou un número relativamente pequeno de cantatas de cámara, sonatas para violín e concertos. As cantatas estaban destinadas aos mellores cantantes de Venecia, incluída Faustina Bordoni, que estudou co seu irmán Benedetto. Probablemente sexa mellor coñecido polos seus concertos, particularmente un conxunto de seis obras publicadas baixo o título de La Cetra. Segundo os espertos, estes concertos son «inusuais polas súas partes solistas de vento, a súa concisión e o uso do contrapunto dentro dun estilo claramente Vivaldiano». Considerados como un «último baluarte do concerto clásico barroco veneciano», reflicten un singular  coñecemento e comprensión das diferencias da música francesa, italiana e alemá da época.

Cantata BWV 202 de J. S. Bach, foi destinada a un banquete de vodas, hai quen di que ao seu propio enlace con Anna Magdalena en 1721. Esta cantata é un himno á primavera, que reflicte toda a alegría de vivir do Bach de Cöthen: o das Sonatas para violín e os Concertos de Brandenburgo. A aria inicial pinta as melancólicas sombras do inverno esvaecido e celebra enseguida a desaparición do vento e a xeada. Con medios reducidos, apenas un óboe, dous violíns, viola e continuo, Bach convértese aquí no máis delicado pintor impresionista. A segunda aria, Febo corre con rápidos corceis, é unha vívida descrición do veloz movemento. Nesta sección, Bach reduce o acompañamento aos instrumentos do continuo con lucimento do violonchelo. Na terceira aria, un descoñecido libretista fala das brisas da primavera e de Cupido ao axexo polos campos; o compositor traduce a escena cos mínimos medios posibles: apenas un violín que dialoga coa soprano nos termos propios dunha sonata de cámara. O procedemento repítese na cuarta aria, esta vez cun óboe en lugar do violín. Elementos de danza dan a este movemento o brillo e a vivacidade que Bach require para expresar as palabras dun texto que compara os praceres do amor cos deleites de Flora, a deusa das flores e dos xardíns. Na breve canción con que termina a cantata, empréganse os mesmos instrumentos da aria inicial. Trátase dunha gavota cuxa alegría corresponde aos votos que fai o libretista pola felicidade da parella.

Suite para frauta de pico, corda e continuo en la menor, TWV 55:a2, coñecida co sobrenome do segundo movemento, Les Plaisirs, é sen dúbida unha das máis célebres para o instrumento. Telemann mostrou unha notable predilección pola frauta na súa produción e boa mostra disto son as 12 Fantasías para frauta soa ademais de sonatas e concertos para este instrumento. Esta suite é un brillante exemplo da mestura dos estilos francés e italiano, da que Telemann era un absoluto dominador, presenta esa alternancia entre paisaxes puramente afrancesadas –a abertura inicial tan alla francese, a Réjouissance ou a Polonaise conclusiva–, con outros italianizantes –Air al italien–. Amosa unha escritura realmente virtuosística para a frauta de pico, nun fermoso diálogo en igualdade de forzas coa corda, que depara ademais momentos de grande expresividade.

Ich bin vergnügt mit meinem Glücke, BWV 84 (Estou contento coa miña sorte) é unha cantata de igrexa escrita por Johann Sebastian Bach, durante o seu primeiro ano como Thomaskantor en Leipzig, para o terceiro domingo antes da Coresma, coñecido como Septuaxésima, estreada o 9 de febreiro de 1727. Esta obra é unha das escasas pezas ás que o propio Bach chamou cantata no seu momento. Como observa Klaus Hofmann, as reflexións do texto encóntranse dentro do espírito do comezo da Ilustración: «loanza da frugalidade, da modestia coa que Deus nos asignou a nós, da satisfacción, da falta de envexa cara aos demais». A linguaxe xa non é o «pathos retórico da poesía barroca», senón «a radicalización e a arte da imaxinería. A linguaxe é sinxela e concisa. É máis racional que figurativa».

Os movementos presentan diferente instrumentación e carácter. A primeira aria é lenta e pensativa, acompañada por todos os instrumentos, reminiscencia do movemento lento dun concerto para óboe. O primeiro recitativo é secco, o outro acompañado pola corda. A segunda aria é danzable e acompañada por dúas partes obbligato de óboe e violín. Mediante unha vívida figuración no violín e unha versión lixeiramente simplificada no óboe expresan o texto «ein fröhlicher Geist, ein dankbares Herze, das lobet und preist» (un espírito feliz, un corazón agradecido, que da loanzas). Hofmann observa que a aria representa un «idilio pastoral cunha rústica escena musical – un tributo á utopía da Ilustración da sinxela e feliz vida do campo».