25 de maio 2022

XLIX Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Mércores, 25 de maio de 2022  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Trio Castelao

 

 
 
 
 
 
 

 

Pedro Rodríguez Rodríguez, violín

Inés Picado Molares, viola

Raúl Mirás López, violonchelo

 

Programa: Sons de xuventude

Jean Françaix (1912 -1997)

  • Trio à cordes (1933)

Juan Durán (1960)

  • Metamorfose sobre un tema de Beethoven (2006)

Ludwig van Beethoven (1770-1827)

  • Trío para cordas en do menor Op. 9 Nº 3

Sons de xuventude

 Este programa é unha invitación a emprender unha viaxe da man do trío de corda polos diferentes mundos sonoros de tres célebres compositores, de tres países diferentes: o francés Jean Françaix, o galego Juán Durán e o alemán Ludwig van Beethoven. A idea que inspira este programa e nos vincula con el é a xuventude. Como dixo Kafka, “A xuventude é feliz porque ten a capacidade de ver a beleza. O que conserve a capacidade de ver a beleza nunca envellecerá”.

O programa comeza cun compositor probablemente menos coñecido para o público, pero sabemos será unha grata primeira experiencia para todos. Cando aínda era un novo estudante de piano e composición en París, Jean Français escribiu esta ledicia de Trio à cordes que parece saltar da páxina de puro entusiasmo, enerxía e positividade. Juan Durán, que non precisa de ningunha presentación, compuxo as súas Metamorfoses sobre un tema de Beethoven, en 2006, inspirándose no belísimo tema do segundo movemento da Sonata Nº 8 Patética que o xenio alemán escribira con 27 anos. Para pechar o concerto, e como non podía ser menos, escollemos o seu Trío para cordas Op. 9 nº 3 en do menor. No momento da publicación, o propio compositor consideraba os tres tríos que conforman o Op. 9 como as súas mellores obras ata o momento, e foron un momento significativo no seu desenvolvemento, xa que son os precursores dos seus monumentais cuartetos de corda que marcaron un fito na historia da música. Este último trío é todo enerxía, contrastes inesperados e o carácter apaixonado e tormentoso tan típico de Beethoven.

            Trío Castelao

 

TRIO CASTELAO

Pedro Rodríguez Rodríguez – Violín

Aclamado pola crítica polo seu “refinado lirismo” (Classical Voice of North Carolina) e a súa “exuberancia como líder” (The Boston Musical Intelligencer), Pedro Rodríguez é unha figura destacada entre as novas xeracións do panorama musical actual. Apaixonado pola música de cámara, Rodríguez foi membro fundador do premiado Vera Quartet. Recoñecido polo seu “exquisito son”, “asombrosa enerxía”, “precisión láser” e “pura diversión” (The Boston Musical Intelligencer), o Vera Quartet actuou en numerosas salas e ciclos de concertos en todo o mundo. As súas gravacións foron retransmitidas por Radio Clásica e NPR, onde foron presentados no popular programa de radio Performance Today, con máis dun millón de oíntes regulares.

Numerosos premios avalan a traxectoria artística de Pedro Rodríguez. Gañador das Astral Artists National Auditions 2018 co Vera Quartet, Premio Absoluto no Plowman Chamber Music Competition, Primeiro Premio no Yellow Springs Chamber Music Competition, Segundo e Terceiro Premio no M-Prize Chamber Arts Competition, St. Lawrence String Quartet Award no Wigmore Hall International String Quartet Competition e Primeiro Premio e Premio Especial ao mellor intérprete de corda no Concurso Nacional Intercentros Melómano, entre outros. O seu interese pola música do noso tempo permitíronlle colaborar frecuentemente con compositores do panorama internacional actual como Jennifer Higdon, Augusta Read Thomas, Bright Sheng, DavidLudwig ou Dai Fujikura, entre os que cabería destacar a estrea do Cuarteto Nº 2 de Richard Brodhead na Philadelphia Chamber Music Society (2019); a estrea no Festival de Aspen de Selene (Moon Chariot Rituals) de Augusta Read Thomas (2017); ou a colaboración coa internacionalmente aclamada intérprete de pipa, Wu Man, tocando o Concerto para pipa e cuarteto de corda do compositor Tan Dun (2017). Como solista, actuou con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Gaos ou Orquestra Chamartín, entre outras, en salas como o Auditorio Nacional de Madrid, Auditorio de Galicia, Teatro Colón, Teatro Rosalía de Castro ou Teatro Jofre. No ámbito da orquestra, a miúdo colabora con orquestras como a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias.

Inés Picado Molares – Viola

Dende o seu debut como solista no Festival Mozart coa Orquestra Sinfónica de Galicia, Inés veu desenvolvendo unha intensa carreira internacional que a levou a participar en importantes encontros musicais en España, EUA, China, Corea do Sur, Canadá, Vietnam, Arxentina. Durante a súa estancia en EUA especializouse no ámbito da música de cámara, obtendo co Vera Quartet, do que foi membro  fundador, importantes galardóns e participando en festivais da altura do Verbier Festival en Suíza ou Intimacy of Creativity en Hong Kong. Entre as súas aparicións como solista cabe destacar actuacións coa IU Philharmonic Orchestra, Orquestra Sinfónica de Galicia e Orquestra de Cambra de Menorca e recitais en salas como John F. Kennedy Center de Washington, Museo de S. Gregorio en Valladolid e Museo Lázaro Galdiano en Madrid entre outras. Durante a temporada 20/21 forma parte como membro titular da Euskadiko Orkestra, agrupación coa que continúa colaborando en calidade de Viola Principal. Inés foi distinguida co Premio á Excelencia Artística na Indiana University Jacobs School of Music 2014, Primeiro premio no Concurso de Viola Illa de Menorca- Fidah 2011, Terceiro premio no VIII Concurso Intercentros Melómano 2009 e Premio absoluto ao Mellor Intérprete de corda Melómano 2009. Na súa etapa de formación estudou no Conservatorio Superior do Principado de Asturias con V. Rekucki e Luís Magín, e na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid, coa profesora Diemut Poppen e Nils Mönkemeyer. Ampliou os seus estudos de posgraduado no Conservatorio della Svizzera Italiana en Lugano (Suíza) con Yuval Gotlibovich, completando posteriormente a súa formación na Indiana University Jacobs School of Music (EUA) baixo a tutela de Atar Arad e Mauricio Fuks. Como membro do Vera Quartet foi cuarteto en residencia tanto desta universidade como do afamado Curtis Institute of Music. O seu traballo sonou na Radio della Svizzera Italiana, Minnesota Public Radio Your Classical e Radio Televisión Hong Kong. Tamén formou parte do elenco da Orquestra Mozart dirixida por Claudio Abbado coa que gravou a Sinfonía nº 2 de Schumann co selo Deutsche Grammophon. Recentemente protagonizou o espazo Café Zimmermann de Radio Clásica en Radio Nacional de España.

Na actualidade, Inés Picado é profesora de viola no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol.

Raúl Mirás López – Violonchelo

Violonchelo Principal da Orquestra Sinfónica de Galicia, Raúl mantén unha intensa actividade concertística coma solista invitado en distintas orquestras e como músico de cámara, que continúa compaxinando co seu labor docente. Natural da Coruña, comeza a súa formación con Ilia Keilin. Gradúase en Musikene con Asier Polo e posteriormente realiza estudos de máster na Musik- Akademie Basel con Thomas Demenga e na Hochschule für Musik Rostock con Julian Steckel. A súa formación como músico de cámara supón unha grande influencia para el; traballou con mestres coma Rainer Schmidt, Walter Levin, Sergio Azzolini ou Anton Kernjak e estudou cuarteto de corda con Natasha Prishepenko na Universität der Künste Berlin.

Durante a súa traxectoria obtivo o apoio de institucións como a Fundación Pedro Barrié de la Maza, Fundación BBVA, a AIE, a Ad-Infinitum Foundation ou a Fundación Alexander von Humboldt e foi galardoado en competicións como o Concurs Mirabent i Magrans (1º Premio. Sitges, 2013), Concurso Juventudes Musicales de España (Premio Bärenreiter, 2010) ou o Certame Círculo de Artesáns de Galicia (2º Premio, 2008). Moi comprometido co labor pedagóxico, Raúl foi profesor de violonchelo no Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA). Desenvolve unha intensa actividade como músico de cámara, participando e actuando en diversos ciclos e festivais de España, Italia, Suíza ou Alemaña, tales coma o Zermatt Festival, Akademie Rutesheim, Gustav Mahler Academy, Montreux Festival ou Lucerne Festival. Ademais, é director artístico do Festival de Música de Cámara Son As Pontes. A súa carreira como solista levouno con orquestras como a Sinfónica de Tenerife, Orquestra Gaos, Sinfónica de Musikene, FRSinfonieorchester Rostock ou a Joven Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias, interpretando os concertos de A. Dvorak, E. Elgar, D. Shostakovich ou o Don Quixote de R. Strauss. Cunha grande experiencia orquestral, Raúl formou parte da OJSG, da JONDE e da Gustav Mahler Jugendorchester e foi academista da Rundfunk- Sinfonieorchester Berlin. Foi violonchelo solista da Sinfónica de Tenerife dende 2018 a 2021 e é invitado por orquestras como a Filarmónica de Gran Canaria, Orquesta de la Comunitat Valenciana, Sinfónica de Castilla y León, Sinfónica de Barcelona (OBC), Plural Ensemble, Mahler Chamber Orchestra, Philharmonia Orchestra ou Staatskapelle Dresden, actuando baixo a batuta de D. Slobodeniouk, A. Méndez, J. Mena, D. Gatti, D. Afkham, V. Jarousski, C. Davis, M. Janowski ou H. Blomstedt.

Dende 2020, Raúl é Violonchelo Principal da Orquestra Sinfónica de Galicia.