29 de outubro – Sonor Ensemble

Programa:

Joaquín Turina (1882-1949) – Rapsodia sinfónica para piano e cordas
Román Alís (1931-2006) – Dúas cancións de “La Roda del Temps” op. 138
Javier Jáuregui (1974) – “Warm summer sun” Sobre poesía de Walt Whitman
Jesús Ángel León (1956) – Dúas Danzas arxentinas
Federico García-Lorca (1898-1936) / Arr. Federico Jusid (1973) – 
Cinco cancións populares españolas
Manuel de Falla (1876-1946) – Dúas Danzas de El Amor Brujo 
 

SONOR ENSEMBLE

Jesús Ángel León, violín I
Luminita Nenita, violín II
Virginia Aparicio, viola
José María Mañero, violonchelo
Laura Asensio, contrabaixo
Sebastián Mariné, piano
Javier Jáuregui, guitarra
Gudrún Ólafsdóttir, mezzosoprano
Luis Aguirre, dirección

Sonor Ensemble é un conxunto de cámara formado por profesionais de grande experiencia sinfónica e camerística. Todos os seus compoñentes actuaron en numerosas ocasións como solistas, interpretando os concertos máis representativos do repertorio para o seu propio instrumento.
Constitúese como un grupo instrumental aberto e flexible, axustándose o número de profesores aos requirimentos das partituras a interpretar.

Diversos compositores escribiron ou escriben na actualidade obras para Sonor Ensemble, o que proporciona unha idea da destacada política de estreas que esta formación de cámara emprendeu dende a súa fundación e iso, naturalmente, sen esquecer todas as obras fundamentais acumuladas durante trescentos anos de creación musical, abordándose desta maneira os períodos tradicionais do Barroco, Clasicismo, Romanticismo, etc, pero poñendo especial énfase nos grandes compositores do século XX e na creación contemporánea, constituíndose desta forma como un vehículo esencial para a expresión artística dos compositores de hoxe.

Dirixido dende a súa fundación por Luis Aguirre, o grupo actuou en máis de 200 concertos e festivais en España, Bulgaria, Finlandia, Suecia, Suíza, China, Rusia, Corea do Sur, Italia, Portugal, Arxentina, Francia, Islandia, Polonia e Cuba, tendo comprometidas novas actuacións en diversos países, o que fai do grupo un dos máis destacados embaixadores da música española.
Sonor Ensemble gravou para RNE, RTVE, Radio de Islandia, Radio de Polonia, Radio Nacional Portuguesa, Fundación Autor, Orpheus Classical e o seu propio selo independente.

Gudrún Ólafsdóttir, mezzosoprano

Descrita por Hilary Finch de The Times como “…unha cantante de grande intelixencia, dun carácter vivaz e un color vocal cativador”, a mezzosoprano islandesa Gudrún Ólafsdóttir, cantou en óperas e concertos por toda Europa e en América Latina en lugares como o Auditorio Nacional de Música de Madrid, o Teatro Real, o Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo, o Royal Festival Hall (Londres), Bozar Henry le Boeuf Hall (Bruxelas), o Coliseo de Bos Aires e a Sala Glinka da Filharmonía de San Petersburgo. Traballou como solista coa Orquestra Sinfónica de Islandia, Sonor Ensemble, a Orquestra da Comunidade de Madrid, a Orquestra Sinfónica Estatal de San Petersburgo e a Philharmonia Orchestra de Londres. Gañou numerosos premios en concursos internacionais de canto, incluíndo o Kathleen Ferrier Song Prize na Wigmore Hall en Londres, The Miriam Licette Scholarship no Royal Opera House Covent Garden e o Premio Joaquín Rodrigo en Madrid. Estudou canto no Conservatorio de Reikiavik e o seu máster na Guildhall School of Music & Drama de Londres. Gravou doce CDs para varios selos discográficos incluíndo Naxos e EMEC Discos.

Luis Aguirre, dirección

Nado en Madrid, realiza estudos de piano, composición e dirección de orquestra no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, ampliando estudos no Guildhall School of Music and Drama (Londres), Hochschule für Musik und Darstellende Kunst “Mozarteum” (Salzburgo) e na Universidade de Indiana (EUA). Durante 1986 e 1987 foi Director Asistente da Orquestra Nacional de España e nas tempadas 1995/96 e 1996/97 asumiu a dirección titular e artística da Orquestra Pablo Sarasate de Pamplona.

Estreou en España os concertos 3 e 4 de violín de Alfred Schnittke coa Orquestra Sinfónica Portuguesa e Orquestra Sinfónica de RTVE respectivamente. Dirixiu entre outras a New Orchestra of Boston, Bournemouth Symphony Orchestra, Solistas do Metropolitan de Nova York, Sinfónica de Santa Fe (Arxentina), Filarmónica de Jalisco (México), The Nairobi Orchestra (Kenya), Sinfónica Nacional Portuguesa, Orquesta Nacional de España, Orquesta Sinfónica de RTVE, Sinfónica de Madrid e practicamente a maioría das restantes orquestras sinfónicas españolas. En decembro de 2015 recibiu a Medalla de Ouro Reis Católicos, Foro Europa, pola súa traxectoria profesional, contribución á creación contemporánea con encargos continuos a relevantes compositores e difusión da música española en xeral.

Sebastián Mariné, piano

Estudou Piano con R. Solís, Composición con R. Alís e A. Gª Abril e Dirección de Orquestra con I. Gª Polo e E. Gª Asensio no Conservatorio Superior de Música de Madrid, obtendo Matrículas de Honra en todos os cursos e Premio Fin de Carreira en Piano. Ao mesmo tempo, licenciouse en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid.
Actuou como solista coas Orquestras de RTVE, Sinfónicas de Madrid, de Sevilla, de Baleares, da Comunidade de Madrid, Cidade de Granada, de Valladolid, de Asturias, etc. Estreou os concertos para piano e orquestra escritos para el de Valentín Ruiz, Rafael Cavestany e Fernando Aguirre. Dende 1979 é profesor no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, así como tamén, dende a súa fundación en 1991, na Escola Superior de Música Raíña Sofía. Actuou como solista co Sonor Ensemble en diversos concertos en España e no estranxeiro.