Shoah – 31 de maio

XLVI Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Xoves, 31 de maio de 2010  – Centro Cultural O Vello Cárcere, 20:30 h

 

 Shoah para violín solo e Templo Sagrado

Escrita por Jorge Grundman

Vicente Cueva

Violín

 Jaime Arranz

Narrador


Friedl Dicker-Brandeis (1898–1944) encheu dúas maletas con preto de catro mil cincocentos debuxos realizados entre 1942 e 1944 polos nenos a quen daba clases clandestinas no gueto de Terezín. Fixo ver aos seus alumnos que o debuxo era unha forma de comunicarse e serviulles como unha clase de terapia. Eses debuxos son todo o que queda das almas de aqueles nenos. Eu tiven a grande oportunidade de que esas almas en conxunto me fixesen chorar e sentise a necesidade de escribir música para que nunca ninguén os esqueza (Jorge Grundman).

 

Jorge Grundman

 Jorge Grundman é un escritor de música clásica, Doutor en Artes pola Universidade Rey Juan Carlos, Máster Universitario en Creación e Interpretación Musical pola Universidade Rey Juan Carlos, Licenciado en Ciencias e Historia da Música pola Universidade da Rioxa, Enxeñeiro Técnico de Son e Imaxe pola Universidade Politécnica de Madrid e Diplomado Técnico en Informática pola Universidade Pontificia de Salamanca. Na actualidade é Profesor Titular da Universidade Politécnica de Madrid.

A súa música programouse ou foi difundida pola radio ou a televisión en numerosos países como Estados Unidos de América, Reino Unido, Australia, Alemaña, Francia, Suíza ou España e foi estreada en lugares tan representativos como o Carnegie Hall de Nova York, o Auditorio Nacional de Música de Madrid, o Teatro Nacional de Brasilia ou o Teatro da Zarzuela de Madrid.

Entre os intérpretes das súas obras encóntranse figuras tan relevantes como o Brodsky Quartet, Trío Arbós ou Ara Malikian e foi premiado en numerosas ocasións, sendo o único escritor de música español en recibir os premios Independent Music Awards na súa 12ª edición, ou o International Songwriting Competition na súa 13ª edición, o Boston Metro Opera Concert Award ou o Boston Metro Opera Director’s Choice entre outros. 

Entre as súas grandes obras encóntranse o oratorio para Cuarteto de Corda e Soprano A Mortuis Resuregere: The Resurrection of Christ, e a ópera homónima da obra da literatura universal de Miguel Delibes Cinco Horas con Mario. Ademais, recentemente estreouse na Sala Sinfónica do Auditorio Nacional a súa obra A Debt to Bach para Orquestra e Coro. As súas obras encóntranse editadas a nivel mundial por Music Sales Classical.

Vicente Cueva

Vicente Cueva é un dos violinistas españoles máis destacados da súa xeración e gañou ao público co seu son cálido, a súa honestidade no achegamento ao repertorio clásico e a súa frescura e dinamismo abordando a música actual. A súa dedicación á pedagoxía e ensinanza do violín dotouno dun gran prestixio e moitos dos seus alumnos forman parte das principais orquestras e conservatorios de España. Na actualidade é Profesor de Graduado Superior, Postgraduado e Máster na Escola Superior Katarina Gurska, é Concertino-Director da Orquestra de Cámara de España e dende 2010 Solista invitado da Orquestra Sinfónica de Bilbao B.O.S., labores que compaxina cunha incesante actividade de concertos que o levou aos teatros e salas de concerto de toda a xeografía española, Europa, Estados Unidos de América, Centro América e África. Tamén colaborou coa Orquestra Sinfónica de Euskadi O.S.E. como Axuda de Concertino. En 1992 forma o dúo de violíns Pablo Sarasate, co que gravou a integral dos Dúos de Bèla Bàrtok e a Sonata op. 56 de S. Prokofiev. En 1994 recibiu en Santiago de Compostela o Premio Luis Coleman de Música Española. En 1999 ingresa por oposición e como primeiro violín na Orquestra Nacional de España.

Comeza os seus estudos musicais baixo a tutela dos seus pais e ingresa no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. En 1995 trasládase a Barcelona, obtendo, coas máis altas cualificacións, as titulacións superiores de Violín e Música de Cámara, baixo a dirección de Agustín León Ara. Posteriormente amplía os seus estudos de Violín e Música de Cámara en Viena na prestixiosa clase de Klara Flieder. A súa dedicación e amor pola música de cámara levárono a fundar en 2012 o Habemus Quartet, único cuarteto de corda español dedicado á música contemporánea consoante e co que realizou gravacións para a Radio Televisión Española.

Gravou para o selo Non Profit Music a integral das Sonatas para violín e piano de Jorge Grundman co pianista Daniel del Pino, sendo nomeado ao Mellor Álbum Clásico nos Premios da Música Independente 2015.

Vicente Cueva interpreta co violín Stradivari “Auer” de 1691 prestado polo Groupe Canimex.

 

Shoah

A miúdo e tras un suceso lutuoso, realízase un acto de homenaxe na súa memoria. A miúdo esa homenaxe inclúe a música como vehículo de comunicación emocional. Tamén a miúdo se elixe música para ser interpretada por un único solista. Un violonchelista ás veces. Outras, un violinista. A miúdo, para este tipo de actos, utilízase música que foi escrita no Barroco. E moito máis a miúdo elíxese música de Bach. Finalmente, da forma máis xeral, elíxense movementos das súas partitas.

O que a gran maioría descoñece é que no Barroco aínda a música non chegara á súa máxima expresión de emotividade, polo menos, tal e como a coñecemos agora. Tamén resulta descoñecido, para a gran maioría, que unha partita está formada por un conxunto de danzas. Alemanda, corrente, zarabanda, bourrée, giga, gavota ou chacona, son algunhas desas danzas que se encontran entre as partes dese tipo de suite. É obvio que Bach non escribiu esas danzas co fin de emocionar. Moito se escribiu sobre a Chacona en Re menor. Nalgún momento, entre 1718 e 1720, especulouse que Bach puxo as súas notas no pentagrama tras volver dunha viaxe e encontrar que a súa muller, María Barbara, finara. Pero o mestre entre mestres non escribía a música como vehículo emocional para o goce da arte senón como parte da súa función cívica ou relixiosa, como organista luterano. A súa música transmite emocións indescritibles e cheas de sensibilidade, pero que non alcanzan a expresividade que séculos máis tarde chegaría á música co Romanticismo. Non se trata dunha limitación, senón dun estilo e un modo de escritura con finalidades diferentes. E Bach xamais chegaría a imaxinar a barbarie que esperaba á humanidade no século XX.

E aínda que se baixe o tempo dunha zarabanda ou dunha gavota, parece máis ben un despropósito utilizar música de danza como forma de elevar a espiritualidade da alma cara á lembranza. Pero fíxose. Interpretouse. E seguirase interpretando nese entorno rodeado da tristura que todo o abrangue. Porque, entre outras cosas, e aínda que a súa música transcende a espiritualidade e está feita á gloria de Deus, a maioría dos entristecidos encóntranse prestando atención aos seus recordos.

Agora ben, eu sentín a necesidade de escribir música que honrase directamente a Memoria das Vítimas do Holocausto porque crin que podería invocar o seu recordo dende a emoción. Non se trata, pois, de intentar que un violinista demostre todo o seu virtuosismo inaccesible ao sentimento da tristeza e da evocación. Non se trata, pois, dunha partita no sentido estrito dunha suite de danzas. Non gardan os movementos nin sequera a mesma tonalidade. Non alternan un movemento rápido con outro lento. Non se trata, tampouco, de elevar a escritura violinista a cumios soñadas por Ysaÿe. Nin moito menos.

Ter a sorte de dispoñer do Stradivari “Auer”, de 1691, que nos foi cedido polo Grupo Canimex grazas ao Sr. e á Sra. Dubois, creado cando Bach vivía e do que foi propietario Leopold Auer, quen foi o dedicatario orixinal do Concerto de Violín de Tchaikovski e que foi un dos máis grandes pedagogos do violín ruso, fixo que a obra que van escoitar teña aínda máis significado emocional para min como humilde escritor de música. Ter tamén o luxo de poder escribir a obra tendo ao seu carón ao violinista Vicente Cueva, levou a mesma á categoría de interpretable, algo polo que Auer rexeitou estrear a obra de Tchaikovsky, cualificándoa de “intocable”. Eu non son violinista. Tchaikovsky tampouco. E se Tchaikovsky e Brahms necesitaron a un violinista para facer a súa obra interpretable, con moita máis razón necesiteino eu para esta partita. Dito dende a sinceridade e a humildade máis absoluta.

Probablemente, ao escribir estas liñas, nos encontremos ante a obra para violín solo de máis longa duración da historia da humanidade. Isto non a fai mellor que a peor danza que escribise o Mestre, pero si que tende a elevar a un gran nivel de dificultade o que un violinista se enfronte a máis de cincuenta e seis minutos por diante para levar a máxima espiritualidade. Tantos minutos de violín nu poderían levar ao desafecto a calquera oínte, por moito que este queira irmandarse espiritualmente en comuñón coa alma dos desaparecidos. E por se fose pouco superar tanto tempo de execución, o feito de conter o estado de tristura durante todo ese tempo, non é algo que se poida levar sen preparación psicolóxica, técnica e física.

Procurei que Bach estivese presente durante a escritura da miña obra de forma subliminar. Como tamén intentei que a música xudía se albergase no meu corazón e se mesturase coa miña forma de escribir música. Non se trata, pois, dunha suite de danzas. Senón dunha suite de recordos de feitos infames.

     Jorge Grundman