17 de outubro – Real Filharmonía de Galicia

Maximino Zumalave, director 

Javier Franco, barítono

Programa:

R. Strauss: Guntram, op. 25, TrV 168: Preludio del acto I

J. Arriola: Seis poesías de A. Machado (nº 7, 8 y 9): El Cadalso. La aurora asomaba – La primavera besaba – Epílogo

J. Arriola: Tres textos cervantinos (nº 3): Marinero soy de amor

J. Guridi: Una aventura de Don Quijote

R. Strauss: Intermezzo, op. 72, TrV 246: Cuatro interludios sinfónicos

 


Real Filharmonía de Galicia

Cincuenta músicos de diferentes nacionalidades achegan cada temporada a súa experiencia, formación, tradición musical, esforzo e ilusión para ofrecer ao público propostas sorprendentes. Coa orquestra colaboran de maneira habitual directores e solistas de recoñecido prestixio nacional e internacional, apostando por figuras consagradas e tamén por novos músicos que brillan no panorama musical. O seu director titular e artístico é o mestre Paul Daniel, Maximino Zumalave é o seu director asociado e Jonathan Webb o principal director convidado. Xestionada polo Consorcio de Santiago, nace en 1996 promovida pola Xunta de Galicia e ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia.

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. É fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. É director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela.

Con el actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu a importantes formacións tanto estranxeiras como españolas como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, Orquestra de Cámara Inglesa, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica do Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), Solistas Barrocos Ingleses, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras. Ademais, foi convidado a participar en xurados e presidir importantes certames e premios internacionais.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo…; coidando especialmente as primeiras audicións de xoves compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, de Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.

É Licenciado en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Bioloxía Mariña. En 1995 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. É membro da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e en 2016 foi distinguido co Premio da Cultura Galega.

Javier Franco, barítono

Nacido na Coruña, estudou na Escuela Superior de Canto de Madrid e no Conservatorio Superior de Música del Liceu de Barcelona, asistindo a cursos de perfeccionamento con Alfredo Kraus e Renato Bruson. Na actualidade perfecciona a súa técnica vocal con Carlos Chausson. Ten gañado concursos internacionais como o “Viñas” de Barcelona, “Francisco Alonso” de Madrid, “Luis Mariano” de Irún ou o “Rocca delle Macie” de Siena (Italia).

A súa presenza é habitual en teatros como o Real de Madrid, Liceu de Barcelona, Palau de les Arts de Valencia, Teatro de la Zarzuela de Madrid, Auditorio Nacional de Madrid, Palacio da Ópera da Coruña, Campoamor de Oviedo, Comunale di Bologna, Verdi di Sassari (Italia) ou São Carlos de Lisboa. Ten colaborado con mestres do talle de Zubin Mehta, Jesús López Cobos, Guillermo García Calvo, José Ramón Tebar, David Parry, Donato Renzetti, Renato Palumbo, Steven Mercurio, Roberto Tolomelli, Reynald Giovaninetti, Miguel Ángel Gómez Martínez, Maurizio Benini, Pablo Mielgo…

Debutou cos roles operísticos máis representativos: Lucía de Lammermoor (Enrico), Un baile de máscaras (Renato), A bohemia (Marcello), A filla do rexemento (Sulpice), Fausto (Valentín), O barbeiro de Sevilla (Fígaro), As Villi (Guillermo), La Traviata (G. Germont), O segredo de Susana, O trobador (Conde de Luna), O Arame de Juan Durán, Carme (Escamillo), Rigoletto (Rigoletto), Don Giovanni (Don Giovanni), Maria di Rohan (Enrico), Luisa Miller (Miller), O elixir de amor (Belcore), Roberto Devereux (Nottingham), Don Pascual (Malatesta), Pallasos (Silvio), Aida (Amonasro), El retablo de Maese Pedro (Don Quijote), Madame Butterfly (Sharpless)…

O seu repertorio de zarzuela inclúe: Luisa Fernanda (Vidal), La tabernera del puerto (Juan de Eguía), La del soto del parral (Germán), Jugar con fuego (Marqués de Caravaca), La del manojo de rosas de Sorozábal (Joaquín), La rosa del azafrán de Guerrero (Juan Pedro), Los Gavilanes (Juan), El caserío (Tío Santi), Pan y Toros (Capitán Peñaranda), Katiuska (Pedro), Marina (Roque), La verbena de la Paloma (Julián)…

Entre os seus vindeiros compromisos destaca Fuenteovejuna no Campoamor de Oviedo, La tabernera del puerto en Las Palmas de Gran Canaria, O soño dunha noite de verán no Teatro de la Zarzuela, Madame Butterfly (Sharpless) en Palma de Mallorca, Los Gavilanes en Pamplona…