17 de decembro – Real Filharmonía de Galicia

Concerto Extraordinario polo 75 aniversario da fundación da Sociedad Filarmónica de Lugo

Real Filharmonía de Galicia

Maximino Zumalave, director

Christian Gil-Borrelli, contratenor

Programa:

L. v. Beethoven: Abertura de Egmont, op. 84

G. F. Haendel: Cara sposa, amante cara (da ópera Rinaldo, HWV 7)

C. W. Gluck: Che farò senza Euridice (da ópera Orfeo e Eurídice)

W. A. Mozart: Cara, lontano ancora (da ópera Ascanio en Alba, K111)

W. A. Mozart: Sinfonía núm. 41 en do maior, KV. 551 “Xúpiter”

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992 – 1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Georghiu, as irmás Labèque,  A. de Larrocha, A. León Ara, G. Sandor, J. Soriano e F.P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, a Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquestra Ciudad de Granada, entre outras.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. No período 2010-2018 foi membro do Plenario, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e, dende 2014, formou parte da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e en 2016 recibiu o Premio da Cultura Galega.

Christian Gil-Borrelli

Inicia a súa carreira musical na Universidade de Santiago de Compostela, formando parte de varios grupos da escena musical local, onde estuda Medicina e Cirurxía. Tras licenciarse, Christian Borrelli trasládase a Madrid, onde comeza a súa formación académica de canto no Conservatorio Profesional Arturo Soria xunto á soprano María José Santos e o repertorista Miguel Huertas. En 2016, Christian Borrelli aparca a súa carreira de médico para dedicarse a tempo completo á música, ingresando na Escola Superior de Canto onde se forma da man de Cristina Gallardo-Domâs, Pilar Pérez-Íñigo e a repertorista Cristina Presmanes.

Finalmente instálase en Alemaña para estudar coa mezzosoprano María José Montiel na prestixiosa Universität der Künste Berlín. Así mesmo, recibiu formación vocal doutros contratenores como Xavier Sabata ou Philippe Jaroussky e tomou leccións de interpretación musical de directores de orquestra como Alberto Zedda, Eduardo López Banzo ou Miquel Ortega. Foi galardoado co 1º Premio do certame Compostela Lírica, o 2º premio do Concurso Internacional de Canto de Medinacelli e foi elixido polo director Gottfried von der Goltz para debutar o rol principal da ópera Alessandro (Händel) en Bamberg (Alemaña) xunto á Junge Deutsche Philharmonie. Ademais, formou parte da primeira xeración CRESCENDO, proxecto liderado polo Teatro Real que apoia a prometedores cantantes na súa emerxente carreira musical.

Neste breve período, Christian Borrelli conseguiu converterse nun dos contratenores españois con maior proxección. Ofreceu recitais e concertos en festivais e teatros de toda España, como o Teatro Real, o Auditorio Nacional de Madrid, a Programación Lírica da Coruña, o Palacio de Festivais de Santander, o Auditorio Alfredo Kraus das Palmas de Gran Canaria, o Festival Internacional da Catedral de León ou a Semana de Música Relixiosa de Cuenca. Cantou roles de ópera e oratorio barroco, tales como Solomon (Händel), Holofernes (Vivaldi) ou Orfeo (Gluck) e do repertorio sinfónico como Carmina Burana (Orff) ou Chichester Psalms (Bernstein). Ademais, creou o rol antagonista da ópera contemporánea María Soliña. A nivel internacional, Christian Borrelli actuou no Festival Monteverdi de Cremona e no Bachfest de Leipzig coa orquestra Al Ayre Español.

Moi activo no panorama da arte contemporánea, Borrelli creou diferentes proxectos musicais e performativos xunto a outros artistas como o pintor e deseñador español Okuda San Miguel, a cineasta californiana Isabelle Carbonell ou a artista visual austríaca Ines Doujak. Grazas á súa formación como médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública e a súa experiencia en investigación para a acción en saúde, xénero e diversidade, Christian Borrelli logrou dotar á súa produción artística dunha perspectiva social e científica, entre a que destacan KASHMIRI, baseado na vida e a obra de compositores LGBT, ou Orfeo + Euridice, unha revisitación da ópera de Gluck dende o prisma da violencia de xénero.