Ensemble Praeteritum – 27 de maio

XLVIII Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Xoves, 27 de maio de 2021  – Círculo das Artes de Lugo, 20:00 h

Ensemble Praeteritum

Pablo Suárez Calero, dirección

 

Morte e resurrección

 

 

Programa:

Arnold Schönberg (1874-1951) – Verklärte Nacht, opus 4 (1899) 

Richard Strauss (1864-1949) – Metamorphosen, TrV 290 (1945)


Ensemble Praeteritum

Ensemble Praeteritum é un conxunto instrumental creado polo violinista Pablo Suárez Calero en 2011. Un dos seus principais obxectivos é a busca da novidade na maneira de afrontar a música. Por medio de fortes contrastes dinámicos e expresivos, improvisacións, cadencias, recitativos, e unha busca constante de cores no son, o ensemble interpreta a partitura creando unha beleza especial e persoal destinada puramente ao goce do público.

Os integrantes do Ensemble Praeteritum estudaron en España, Alemaña, Italia e Bélxica con mestres da altura de Nicolás Chumachenco, Ana Chumachenco, Salvatore Accardo, Igor Oistrakh, Tabea Zimmermann, Franco Gulli, Agustin Dumay, Jordi Savall, Igor Ozim, José Miguel Moreno, Manuel Barrueco, Esko Laine, Cuarteto Casals, Heime Müller, Diemut Poppen e Günter Pichler. Dende a súa creación, actuaron en salas como a Fundación Juan March, Auditorio da Universidade Carlos III de Madrid, a galería de arte The Ballery de Berlín, La Nau, Capella de la Sapiència de Valencia. O Ensemble foi incluído dentro dos ciclos e festivais tales como o Festival Internacional de Música de Canarias, Festival de Música Sacra de Madrid, Red de Teatros da Comunidade de Madrid e Castela-A Mancha, Ciclo de música CICUS da Universidade de Sevilla, entre outros. En decembro de 2014, o Ensemble Praeteritum publica o seu primeiro traballo discográfico co selo QTV Classics, titulado Las Cuatro Estaciones de Antonio Vivaldi versión senza fine. Unha particular versión na que cada estación e movemento están enlazados entre si con cadencias ao violín ou á tiorba, resultando unha obra sen interrupción. En xuño de 2015, crea o seu primeiro festival na cidade de Alcalá de Henares: Festival de Música Praeteritum.

 Pablo Suárez Calero

Pablo Suárez nace en Madrid e estuda con Nicolás Chumachenco na Hochschule für Musik de Freiburg, con Salvatore Accardo na Accademia Walter Stauffer de Cremona e na Accademia Musicale Chigiana de Siena, e con Agustín Dumay en Bruxelas. Tiveron tamén unha grande influencia na súa formación: Gonçal Comellas, Víctor Martín, J. Ellermann, Franco Gulli e Igor Ozim.

Foi concertino invitado en Orchestre Philarmonique de Marseille, Orchestre National Bordeaux Aquitaine, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquesta de Cámara Reina Sofía, Helsinki Philharmonic Orchestra, Royal Danish Orchestra, Trondheim Symphony Orchestra e Island Symphony Orchestra, entre outras. Ofreceu numerosos concertos e recitais en España, Alemaña, Ucraína, Francia, Italia, Suíza, Reino Unido, Islandia, Canadá, Turquía, Finlandia e Noruega. Grava para Radio France, RAI Italia e Radio Televisión Española e colabora con artistas como Maurizio Pollini, Bruno Giuranna, Jean Jacques-Kantorow, Lawrence Foster, Christophe Rousset, entre outros. Publicaron recentemente as Seis Sonatas para violín solo de Eugène Ysaÿe co selo Solé Recordings. Pablo Suárez é na actualidade profesor de violín no Conservatorio Superior de Música de Aragón e director do Ensemble Praeteritum. Colabora co grupo La Tempestad, dirixido por Silvia Márquez. Toca un violín Nicola Gagliano, Nápoles 1780.