Javier Perianes – 26 de maio

XLVIII Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Mércores, 26 de maio de 2021  – Círculo das Artes de Lugo, 20:00 h

 

Javier Perianes

Amor e morte

 

Programa:

Ludwig Van Beethoven – Sonata para piano núm. 12 en la bemol maior Op. 26
Frédéric Chopin – Sonata núm. 2 en si bemol menor, Op. 35 “Marcha fúnebre”
Enrique Granados – Goyescas (Los Requiebros / El Amor y la Muerte)
Franz Liszt – Harmonías poéticas e relixiosas. Funerais

 


Javier Perianes

A carreira internacional de Javier Perianes levouno a actuar nas salas de concertos máis prestixiosas do mundo e coas principais orquestras, colaborando con directores como Daniel Barenboim, Charles Dutoit, Zubin Mehta, Gustavo Dudamel, Sakari Oramo, Yuri Temirkanov, Gustavo Gimeno, Santtu-Matias Rouvali, Louis Langrée, Juanjo Mena, Simone Young, Vladimir Jurowski, David Afkham, Pablo Heras-Casado, François-Xavier Roth, Daniel Harding e Klaus Mäkelä, e actuando en festivais como os BBC Proms, Mainly Mozart, Lucerne, La Roque d’Anthéron, Grafenegg, Primavera de Praga, San Sebastián, Santander, Granada, Vail, Blossom e Ravinia. Javier Perianes é Premio Nacional de Música 2012 e Artista do Ano 2019 dos International Classical Music Awards (ICMA).

A tempada 2020/21 inclúe debuts coa Orquestra sinfónica de Londres (xunto á que tamén realizará unha xira por España), Tonhalle Zürich, Orquestra da Academia Nacional de Santa Cecilia, Orquestra Aurora, A Filharmónica de Nederlands e Orquestra sinfónica NHK, así como o seu regreso coa Konzerthausorchester Berlin, Orquestra sinfónica de Cincinnati, Orquestra Nacional de Lille, Orquestra Sinfónica de Aalborg e a Orquesta Nacional de España.

Perianes ofrece habitualmente recitais por todo o mundo e tamén é un activo intérprete de música de cámara, colaborando regularmente coa violista Tabea Zimmermann e o Cuarteto Quiroga. Esta tempada realizará unha xira de recitais por Europa, Oriente Medio, Estados Unidos, Canadá e Sudamérica, co programa O amor e a morte.

De anteriores tempadas destacan actuacións xunto á Wiener Philharmoniker, Leipzig Gewandhausorchester, Royal Concertgebouw, Cleveland Orchestra, Czech Philharmonic, sinfónicas de Chicago, Boston e San Francisco, filharmónicas de Oslo, Londres, Nova York e Os Ánxeles, Orchestre de Paris, Rundfunk-Sinfonieorchester Berlin, Danish National, Washington National, Swedish e Norwegian Radio Orchestras, Philharmonia Orchestra e Yomiuri Nippon Symphony.

Artista exclusivo do selo harmonia mundi, os seus lanzamentos discográficos da tempada pasada inclúen o Concerto en sol maior de Ravel coa Orchestre de Paris e Josep Pons xunto ao Tombeau de Couperin e a Alborada do Gracioso; e Cantilena, un álbum xunto á violista Tabea Zimmermann que inclúe unha selección de obras españolas e latinoamericanas. A extensa discografía de Perianes abarca dende Beethoven, Mendelssohn, Schubert, Grieg, Chopin, Debussy, Ravel e Bartók ata Blasco de Nebra, Mompou, Falla, Granados e Turina. Nos seus dous últimos álbums Perianes rende homenaxe a Claude Debussy no centenario do seu pasamento co rexistro do seu primeiro libro de Preludios xunto ás Estampas e Les Trois Sonates – The Late Works, galardoado co Premio Gramophone de Música de Cámara 2019. Esta tempada Perianes volve ao estudo de gravación cun proxecto dedicado ás Sonatas núm. 2 e 3 de Chopin.