29 de outubro – Sonor Ensemble

Programa:

Joaquín Turina (1882-1949) – Rapsodia sinfónica para piano e cordas
Román Alís (1931-2006) – Dúas cancións de “La Roda del Temps” op. 138
Javier Jáuregui (1974) – “Warm summer sun” Sobre poesía de Walt Whitman
Jesús Ángel León (1956) – Dúas Danzas arxentinas
Federico García-Lorca (1898-1936) / Arr. Federico Jusid (1973) – 
Cinco cancións populares españolas
Manuel de Falla (1876-1946) – Dúas Danzas de El Amor Brujo 
 

SONOR ENSEMBLE

Jesús Ángel León, violín I
Luminita Nenita, violín II
Virginia Aparicio, viola
José María Mañero, violonchelo
Laura Asensio, contrabaixo
Sebastián Mariné, piano
Javier Jáuregui, guitarra
Gudrún Ólafsdóttir, mezzosoprano
Luis Aguirre, dirección

Sonor Ensemble é un conxunto de cámara formado por profesionais de grande experiencia sinfónica e camerística. Todos os seus compoñentes actuaron en numerosas ocasións como solistas, interpretando os concertos máis representativos do repertorio para o seu propio instrumento.
Constitúese como un grupo instrumental aberto e flexible, axustándose o número de profesores aos requirimentos das partituras a interpretar.

Diversos compositores escribiron ou escriben na actualidade obras para Sonor Ensemble, o que proporciona unha idea da destacada política de estreas que esta formación de cámara emprendeu dende a súa fundación e iso, naturalmente, sen esquecer todas as obras fundamentais acumuladas durante trescentos anos de creación musical, abordándose desta maneira os períodos tradicionais do Barroco, Clasicismo, Romanticismo, etc, pero poñendo especial énfase nos grandes compositores do século XX e na creación contemporánea, constituíndose desta forma como un vehículo esencial para a expresión artística dos compositores de hoxe.

Dirixido dende a súa fundación por Luis Aguirre, o grupo actuou en máis de 200 concertos e festivais en España, Bulgaria, Finlandia, Suecia, Suíza, China, Rusia, Corea do Sur, Italia, Portugal, Arxentina, Francia, Islandia, Polonia e Cuba, tendo comprometidas novas actuacións en diversos países, o que fai do grupo un dos máis destacados embaixadores da música española.
Sonor Ensemble gravou para RNE, RTVE, Radio de Islandia, Radio de Polonia, Radio Nacional Portuguesa, Fundación Autor, Orpheus Classical e o seu propio selo independente.

Gudrún Ólafsdóttir, mezzosoprano

Descrita por Hilary Finch de The Times como “…unha cantante de grande intelixencia, dun carácter vivaz e un color vocal cativador”, a mezzosoprano islandesa Gudrún Ólafsdóttir, cantou en óperas e concertos por toda Europa e en América Latina en lugares como o Auditorio Nacional de Música de Madrid, o Teatro Real, o Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo, o Royal Festival Hall (Londres), Bozar Henry le Boeuf Hall (Bruxelas), o Coliseo de Bos Aires e a Sala Glinka da Filharmonía de San Petersburgo. Traballou como solista coa Orquestra Sinfónica de Islandia, Sonor Ensemble, a Orquestra da Comunidade de Madrid, a Orquestra Sinfónica Estatal de San Petersburgo e a Philharmonia Orchestra de Londres. Gañou numerosos premios en concursos internacionais de canto, incluíndo o Kathleen Ferrier Song Prize na Wigmore Hall en Londres, The Miriam Licette Scholarship no Royal Opera House Covent Garden e o Premio Joaquín Rodrigo en Madrid. Estudou canto no Conservatorio de Reikiavik e o seu máster na Guildhall School of Music & Drama de Londres. Gravou doce CDs para varios selos discográficos incluíndo Naxos e EMEC Discos.

Luis Aguirre, dirección

Nado en Madrid, realiza estudos de piano, composición e dirección de orquestra no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, ampliando estudos no Guildhall School of Music and Drama (Londres), Hochschule für Musik und Darstellende Kunst “Mozarteum” (Salzburgo) e na Universidade de Indiana (EUA). Durante 1986 e 1987 foi Director Asistente da Orquestra Nacional de España e nas tempadas 1995/96 e 1996/97 asumiu a dirección titular e artística da Orquestra Pablo Sarasate de Pamplona.

Estreou en España os concertos 3 e 4 de violín de Alfred Schnittke coa Orquestra Sinfónica Portuguesa e Orquestra Sinfónica de RTVE respectivamente. Dirixiu entre outras a New Orchestra of Boston, Bournemouth Symphony Orchestra, Solistas do Metropolitan de Nova York, Sinfónica de Santa Fe (Arxentina), Filarmónica de Jalisco (México), The Nairobi Orchestra (Kenya), Sinfónica Nacional Portuguesa, Orquesta Nacional de España, Orquesta Sinfónica de RTVE, Sinfónica de Madrid e practicamente a maioría das restantes orquestras sinfónicas españolas. En decembro de 2015 recibiu a Medalla de Ouro Reis Católicos, Foro Europa, pola súa traxectoria profesional, contribución á creación contemporánea con encargos continuos a relevantes compositores e difusión da música española en xeral.

Sebastián Mariné, piano

Estudou Piano con R. Solís, Composición con R. Alís e A. Gª Abril e Dirección de Orquestra con I. Gª Polo e E. Gª Asensio no Conservatorio Superior de Música de Madrid, obtendo Matrículas de Honra en todos os cursos e Premio Fin de Carreira en Piano. Ao mesmo tempo, licenciouse en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid.
Actuou como solista coas Orquestras de RTVE, Sinfónicas de Madrid, de Sevilla, de Baleares, da Comunidade de Madrid, Cidade de Granada, de Valladolid, de Asturias, etc. Estreou os concertos para piano e orquestra escritos para el de Valentín Ruiz, Rafael Cavestany e Fernando Aguirre. Dende 1979 é profesor no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, así como tamén, dende a súa fundación en 1991, na Escola Superior de Música Raíña Sofía. Actuou como solista co Sonor Ensemble en diversos concertos en España e no estranxeiro.

23 de novembro – Trifolium

Trifolium

Carlos Gallifa, violín
Sergio Suárez, violín
Juan Mesana, viola
Javier Aguirre, violoncello

Programa:

J. P. Almeida Mota: Cuarteto Op. 4 nº 3 en sol menor
J. P. Almeida Mota: Cuarteto Op. 4 nº 5 en si menor
F. J. Haydn: Cuarteto Op. 74 nº 2 

 

 


Integrado por profesionais con ampla experiencia no campo da interpretación da música antiga, Trifolium pretende dar a coñecer o amplo repertorio camerístico dos séculos XVII, XVIII e principios do XIX, prestando especial interese ao patrimonio musical español.

Trifolium participou, entre outros, nos ciclos da Universidade de Salamanca, Universidade Autónoma de Madrid, Caixa España – Duero, Festival Antiqua de Bolzano (Italia), Festival Internacional de Música Antiga de Soto del Real, Ciclo Clásicos no Verán da Comunidade de Madrid, Festival Internacional de Arte Sacro da Comunidade de Madrid, Ciclo de Cámara e Solistas do Teatro Liceo de Salamanca e Días da Música do Centro Cultural de Belém (Portugal). Os seus integrantes colaboraron con numerosas agrupacións tanto orquestrais coma de cámara: Axivil, El Concierto Español, Il Rossignolo, Capilla Real de Madrid, Orquesta Barroca de la Universidad de Salamanca, Segréis de Lisboa, La Paix du Parnasse, Orquesta Barroca de Sevilla, Orquesta Barroca de Tenerife, participando en multitude de festivais tanto en España como no estranxeiro.

A recente aparición do traballo discográfico de Trifolium sobre os cuartetos de Luigi Boccherini para o selo Lindoro foi recibida con excelentes críticas pola prensa especializada – disco excepcional da revista Scherzo (xuño 2018) e 5 estrelas nas revistas Ritmo e Melómano – supoñendo unha novidosa aportación baseada nunha lectura moi persoal do universo cuartetístico deste compositor.

JOAO PEDRO ALMEIDA: UN MÚSICO ILUSTRADO EN TERRAS LUCENSES

Da pléiade de músicos que acudiron ao Reino de España á chamada da Corte dos Borbóns no século XVIII – Francisco Corselli (1705-1778), Gaetano Brunetti (1744-1798), Luigi Boccherini (1743-1808) – acaso sexa o de Joao Pedro Almeida Mota (1744 – 1817) o caso máis paradigmático e misterioso.

Se ben Corselli, nacido en Italia, vinculouse á corte de Felipe V e Bárbara de Braganza,  Boccherini, mantívose fiel ao seu contratante o infante Luís Antonio de Borbón, irmán de Carlos III e Brunetti, tamén de orixe italiana, permaneceu ao servizo de Carlos IV ata o final dos seus días, Almeida iniciou a súa carreira en España de forma independente en terras galegas.

Da vida de Joao Pedro Almeida pouco se soubo ata datas recentes, a pesar do inxente da súa obra, ben coñecida na corte española e portuguesa da súa época. Nacido en Lisboa en 1744, cidade na que comezou a súa vida musical como neno cantor, a súa biografía vai ter un carácter fronteirizo entre España e o seu país de orixe. O seu primeiro posto de importancia será como Mestre de Capela na catedral de Lugo durante oito anos (1775-1783), tras  traballar na catedral de Santiago de Compostela (1771) e Mondoñedo (1772). Despois dunha década como Mestre de Capela na catedral de Astorga trasladarase a Madrid, á Capela do Real Colexio de Nenos Cantores, o que facilitará o seu contacto coa Corte de Carlos IV. O máis enigmático destes anos será a súa propia identidade, confundida ata épocas recentes con outro compositor, Carlos Francisco Almeida,  autor de varias coleccións de música de cámara supostamente nacido en Burgos e que co tempo se descubriu que se trataba de Joao Pedro de Almeida. Foi el mesmo o que inventou unha biografía falsa ao instalarse no noso país? A este respecto todo son conxecturas; o único certo é o enorme legado musical de gran calidade que Almeida deixou no noso país.

Os cuartetos de corda de Joao Pedro Almeida (36 obras das que se conservan 25) supoñen a contribución máis ampla debida a un compositor na Península Ibérica despois das obras que Luigi Boccherini e Gaetano Brunetti dedicaron ao xénero.  O propio Luigi Boccherini, nunha carta enviada o 13 de xullo de 1797 dende Madrid ao seu editor Pleyel en París, recomenda vivamente a este a publicación de música dun colega seu que residía en Madrid (Almeida), autor dunha importante colección de cuartetos de corda nos cales hai “moi boas virtudes, entre elas o estilo moderno e a moi boa distribución de voces e cuxo estilo é unha mestura de Pleyel, o propio Boccherini (sic) e Haydn”. É así que Pleyel publicou en París unha colección de seis cuartetos do músico portugués. Ao parecer Almeida recibiu de forma continuada encargos da Real Capela e os seus cuartetos estaban dirixidos ao entorno do rei Carlos IV, consumado violinista que executaba entre os seus músicos a voz de segundo violín. Almeida gozou dos favores do rei e formaba parte do seu entorno, como demostran as dedicatorias de varias das súas obras compostas para o círculo real. Coa invasión napoleónica de 1808 e a desaparición da Real Capela, a prolífica carreira compositiva de Almeida verase truncada dada a pouca afección de Fernando VII pola música, véndose obrigado durante os seus últimos anos á tarefa de tradución de tratados musicais.