Raquel Andueza & La Galanía – 22 de maio

XLVIII Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 22 de maio de 2021  – Círculo das Artes de Lugo, 20:00 h

 

Raquel Andueza & La Galanía

 

Raquel Andueza, Soprano
Jesús Fernández Baena, tiorba
Pablo Prieto, violín
David Mayoral, percusión

 

Programa:

Folle é ben che si crede - Tarquinio Merula (1595 - 1665)
La asencia - Anónimo (século XVII)
Marizápalos - Anónimo (século XVII) 
Zarabanda del catálogo - Texto: Anónimo (S. XVII) Reconstrución: Álvaro Torrente
Alma mía -  Antonio Cesti (1623 - 1699)
Soan ruinato, appasionatto - Benedetto Ferrari (1603 - 1681)    
Chacona - Anónimo (século XVII)
Sé que me muero, de amor - Jean Baptiste Lully (1632 -1687) 
Vuestros ojos - Anónimo (século XVII) 
Arrojome las naranjas - Texto: Anónimo (S. XVII). Reconstrución: Álvaro Torrente
Disserratevi abissi - Antonio Cesti 
Pasacalles - Anónimo (século XVII)
Si dolce é el tormento  - Claudio Monteverdi (1567 - 1643) 
Jácara de la Trena - Texto: Francisco de Quevedo (século XVII). Reconstrución: Álvaro Torrente


Raquel Anduez & La Galanía

Birthday party!

 Con motivo do seu décimo aniversario, Raquel Andueza e La Galanía pediron aos máis de 15.000 seguidores das súas redes sociais que fosen eles os que confeccionasen o programa deste concerto, elixindo as obras favoritas do seu repertorio habitual. As máis votadas foron as que conforman esta fantástica proposta chea de claroscuros barrocos, coas obras máis apaixonadas, divertidas, pícaras, dramáticas, amorosas, sensuais e belas que interpretaron nestes dez anos.

Raquel Andueza, unha voz que se converteu en indispensable no panorama da música antiga internacional, propón coa complicidade da Galanía un concerto en torno á lírica amatoria do primeiro barroco español e italiano. Un programa que, tomando a paixón como urda, desenvólvese como un auténtico diálogo amoroso: música en estado puro.

 La Galanía

 La Galanía é unha das formacións especializadas máis importantes do panorama musical español actual. Fundada no ano 2010 por Raquel Andueza e Jesús Fernández Baena, a súa finalidade é interpretar música barroca, tanto do século XVII como do XVIII, en base a uns coidados principios historicistas e apostando por colaborar cos mellores músicos tanto españois como doutras nacionalidades, todos eles especializados neste repertorio. Os seus membros forman parte de orquestras e grupos prestixiosos a nivel mundial, como Hespèrion XXI, Al Ayre Español, Orquesta Barroca de Sevilla, Private Musicke, Orchestra of the Age of the Enlightment, L’Arpeggiata, etc. Como eixe central do grupo contan coa soprano Raquel Andueza, a cal é invitada regularmente aos auditorios e festivais máis importantes do mundo.

La Galanía fixo o seu debut con grande éxito na Catedral de Pamplona co Stabat Mater de Pergolesi, e rapidamente comezaron a estar presentes nos máis prestixiosos auditorios e festivais do mundo: París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Frankfurt, Utrecht, Praga, Bucarest, Viena, México DF, Nápoles, Granada, Minneapolis, Roma, Cidade de Panamá, Vancouver, Berna, Chicago, Londres, Hong Kong, Moscova, Tokío, Nova York, Bogotá, Nagoya, etc.

En xaneiro de 2011 saíu á luz o seu primeiro proxecto discográfico, Yo soy la locura, para o seu propio selo discográfico, Anima e Corpo, álbum que dende a súa saída ao mercado foi un éxito de crítica e vendas, e que recibiu de maneira unánime o premio Festclásica, outorgado pola Asociación Española de Festivais de Música Clásica. Os seus traballos discográficos posteriores, Alma Mia (unha recompilación das arias de ópera e cantatas de Antonio Cesti), Pegaso (unha colección de salmos e motetes de Tarquinio Merula) e Yo soy la locura 2 (música española do século XVII), así mesmo, están obtendo as mellores críticas e premios da prensa. En decembre de 2016 publicaron o seu novo álbum, Miracolo d’Amore (arias e dúos de óperas de Francesco Cavalli) xunto ao contratenor Xavier Sabata.

 Raquel Andueza

 Nacida en Pamplona, inicia a súa formación musical aos seis anos. Posteriormente, despois de recibir unha bolsa de estudos do Goberno de Navarra e o Concello de Londres, amplía estudos na Guildhall School of Music and Drama de Londres, onde obtén o Bachelor of Music con mención honorífica e recibe o premio School Singing Prize. Pouco máis tarde coñece o mestre Richard Levitt, quen foi o seu referente ata que Lisa Paglin e Marianna Brilla se converteron nas súas preparadoras vocais.

Colaborou asiduamente con diversas formacións: La Colombina, L’Arpeggiata, Orquesta Barroca de Sevilla, Gli Incogniti, La Tempestad, Al Ayre Español, El Concierto Español, Private Musicke, La Real Cámara, Hippocampus, B’Rock, Orphénica Lyra, etc. En 2010 funda, xunto ao tiorbista Jesús Fernández Baena, o grupo La Galanía, sendo galardoados en 2014 como Mellor Grupo Barroco pola Asociación de Grupos Españois de Música Antiga.

Actúa como solista nos principais festivais e auditorios de todo o mundo (París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Utrecht, Nova York, Praga, Frankfurt, Bucarest, Tokío, Viena, México, Nápoles, Granada, Minneapolis, Berna, Panamá, Chicago, Londres, Hong Kong, Moscova, Bogotá, Nagoya, México, Vancouver, etc.) e en 2012 fai o seu debut no neoiorquino Carnegie Hall e nos Proms londinienses.

Foi dirixida por directores como William Christie, Fabio Biondi, Emilio Moreno, Pablo Heras-Casado, Jacques Ogg, Monica Huggett, Eduardo López-Banzo, Christina Pluhar, Richard Egarr, Ottavio Dantone, Christian Curnyn, Sir Colin Davis, José Ramón Encinar, etc.

Raquel está moi concienciada na saúde vocal e a súa faceta docente é cada vez maior; é invitada para impartir conferencias e cursos de canto no Teatro Real de Madrid, así como nas universidades de Burgos, Alcalá de Henares, Bogotá, Complutense de Madrid, Cidade de Panamá e no AMUZ de Amberes, así como en distintos conservatorios superiores e festivais de música (Xixón, Pamplona, As Palmas de Gran Canaria, etc.). Dende 2018 imparte clases no seu propio estudio de Pamplona.

Así mesmo, colabora en bandas sonoras de películas, curtametraxes e series de televisión, como Exodus (Ridley Scott, 2014), Carlos (TVE1, Oriol Ferrer, 2015), Isabel (TVE1, Javier Olivares, 2012), Atraco (Eduard Cortés, 2012) , Tous les soleils (Philippe Claudel, 2011), Disección de una tormenta (Julio Soto Gúrpide, 2010).