31 de maio 2022

XLIX Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Martes, 31 de maio de 2022  – Conservatorio Prof. de Música Xoan Montes, 20:00 h

 

Jorge Jiménez, violín

Rethinking Bach
As Variacións Goldberg transcritas para violín solo

 

 
 
 
 
 
 

 

 

 

Programa:

Johann Sebastian BACH

  • As Variacións Goldberg transcritas para violín solo

 


Jorge Jíménez

Jorge é un dos violinistas máis activos dos nosos días. É coñecido polo seu enfoque minucioso e emocionante, interpretando música no estilo e nos instrumentos para os que foi composta, dende a Idade Media ata o século XXI.

Fundador e director do conxunto español Tercia Realidad, é tamén concertino de ensembles como La Arpeggiata (Francia), The Hanover Band (Reino Unido), Forma Antiqva (España), La Risonanza (Italia), I Fagiolini (Reino Unido) e Laudonia Ensemble (Austria).

Jorge é concertino invitado habitual de orquestras como Capella Cracoviensis, Orquestra Sinfónica da Comunidade Valenciana, Orquestra do Principado de Asturias, Orquestra da Vlaamse Ópera, así como aparicións como director invitado da nova compañía de ópera con sede en Berlín Kiez Oper e a Academia Festival Bachowski Swidnica Orquestra en Polonia. Así mesmo, é invitado habitual como director musical e solista no Shakespeare’s Globe Theatre de Londres dirixindo a parte musical de obras como The Secret Theatre, estreando música de Alexander Balanescu e de Four Seasons con música de Max Richter.

Cos seus eclécticos programas a violín solo, Jorge realizou numerosas xiras por Europa, América do Sur e Canadá. Actuando en Istambul, Sevilla, Barcelona, Biecz, Swidnica, Krakow, Londres, Manchester, Berlín, Madrid, París, Varazdin, Montreal e Cochabamba.

Gravou para selos como Atlantic Records, Naxos, Hyperion, DLR-Capriccio, Lindoro, La Ma de Guido e Prometeo, e en 2022 presentará dous novos álbums: As Variacións Goldberg de Bach no seu propio e inédito arranxo para violín solo e Lunaris para GWK records (Alemaña).

Jorge toca un violín Ruggieri de 1680 da Fundación Jumpstart Jr. (Holanda) e un Michelangelo Bergonzi de 1780 xentileza de Jonathan Sparey (Reino Unido).

Rethinking Bach

As Variacións Goldberg transcritas para violín solo

En 1996 escoitei por primeira vez as Variacións Goldberg de Johann Sebastian Bach. O son da lendaria versión do pianista americano Glenn Gould, proveniente do meu humilde reprodutor de casetes, viviu dentro da miña cabeza dende entón.

Sen embargo, a extensa paleta de sentimentos que a peza producía en min, diluíase ante a realidade: un violinista nunca lograría tocar esta obra tan icónica.

Pero sempre nos queda soñar…

Ao longo da miña carreira funme dando conta que, aínda que o violín é un instrumento melódico por natureza, moitos compositores (especialmente Bach) escribiron para el dunha maneira que multiplicaba as súas posibilidades, facéndoo sonar case como un instrumento polifónico, como un clavicémbalo ou un órgano.

Aínda que nun violín non se poden «realmente» tocar máis de dúas melodías á vez, nos 6 Soli de Bach, ou nas famosas Sonatas e Partitas para violín solo, o compositor convértese nun mestre do ilusionismo: crea o efecto de que tres ou mesmo catro voces están soando ao mesmo tempo.

Finalmente, púxenme mans á obra: comecei a transcribir unha das pezas para teclado máis complicadas do século XVIII nunha peza para violín solo.

Foi unha loucura.

Imaxinen tratar de colocar todos os mobles do Palacio de Versalles nun fermoso pero diminuto ático do centro de París: un tería que elixir coidadosamente os mellores mobles e decoración, tratando de manter a mesma sensación dun espazo enorme nun máis pequeno.

Como escribiu Antoine de Saint-Exupéry: “Parece que a perfección non se alcanza cando non hai nada máis que engadir, senón cando non hai nada máis que quitar”.

A LENDA

As Goldberg son moito máis ca só música incrible.

Ao igual que coa Mona Lisa de Da Vinci, unha das cousas máis desconcertantes das Variacións Goldberg de Bach é o misterio que as rodea.

A lenda de como se compuxeron as Variacións provén dunha biografía temperá de Bach escrita polo teórico da música Johann Nikolaus Forkel, que escribe:

“O nacemento desta obra témolo que agradecer ao exembaixador ruso ante o tribunal electoral de Saxonia, o Conde Kaiserling, quen a miúdo detíñase en Leipzig e levaba ao seu xove clavecinista Goldberg, para que Bach lle dera instrución musical. O Conde estaba a miúdo enfermo e tiña noites de insomnio. Neses momentos, Goldberg, que vivía na súa casa, tiña que pasar a noite nunha antecámara, e tocar para el durante o seu insomnio. … Unha vez o Conde mencionou en presencia de Bach que lle gustaría ter algunhas pezas de clave para Goldberg, que deberían ser dun carácter tan suave e belo para animalo un pouco nas súas noites de insomnio. Bach considerou que a mellor maneira de cumprir este desexo era a través de Variacións, cuxa escritura ata entón considerara unha tarefa ingrata debido á base harmónica repetidamente similar. Pero dado que neste momento todas as súas obras xa eran modelos sublimes da súa arte, así foi tamén con estas variacións. Curiosamente, Bach produciu unha soa obra deste tipo. A partir de entón, o Conde sempre as chamou as súas variacións. Nunca se cansaba delas, e durante moito tempo as súas noites de insomnio significaban: ‘Querido Goldberg, tócame unha das miñas variacións’. Bach se cadra nunca foi tan ben recompensado por unha das súas obras como por isto. O Conde obsequiouno cunha copa de ouro chea de 100 Louis-d’Ors. Sen embargo, aínda que o regalo fora mil veces maior, o seu valor artístico aínda non sería pagado”.

Forkel escribiu a súa biografía en 1802, máis de 60 anos despois de que se compuxesen as Variacións, e cuestionouse a súa veracidade.

Sen embargo, non hai algo misteriosamente atractivo nas lendas?

VOLTA Á CASA

A Aria é a peza da que xorden as 30 Variacións Goldberg. É como estar na casa, abrazando fortemente a alguén a quen amas mentres lle bisbas que todo vai ir ben…

Baséase nun “ground”, un conxunto circular de acordes harmónicos que nunca se deteñen, como se estiveran soando dende o principio dos tempos.

A partir de aí comezan as Variacións: un conxunto celestial de danzas, canons e, sobre todo, o mellor do contrapunto de Bach. Da mesma maneira que a Ciaccona de la Partita BWV 1004 de Bach divide en dous o icónico conxunto de Sonatas e Partitas para violín solo, a Variación 15 leva a primeira metade das Goldberg ao seu ecuador da maneira máis dramática: Melodías escuras, suspiros que caen nunha voz respondida por súplicas crecentes na outra, rica pero non demasiado ornamentada, todo unido nunha variación épica de tristeza inesquecible.

Cando chegamos ao final das Variacións, Bach envíanos de regreso á Aria, como cando regresas a casa despois dunha longa viaxe, a música resúltanos marabillosamente familiar e, sen embargo, despois da nosa viaxe a través das variacións, escoitámola cunha conciencia fresca e elevada.

Dezasete meses despois da morte da súa esposa María Bárbara, Johann Sebastian Bach volveu casar. A súa nova esposa foi a soprano Anna Magdalena Wilcke, quen, de maneira bastante inusual, continuou a súa carreira como cantante profesional despois de casar. Creou un fogar musical para eles onde toda a familia Bach adoitaba cantar e tocar con amigos e músicos que pasaban pola cidade de xira. Así foi que o novo fogar de Bach en Leipzig se converteu nun vibrante centro musical.

Os historiadores dixeron durante moito tempo que o interese compartido da parella pola música contribuíu ao seu feliz matrimonio. Anna Magdalena adoitaba axudar a Johann Sebastian como copista, transcribindo a súa música a man. Bach escribiu varias composicións dedicadas a ela, que figuran na célebre colección de Notenbüchlein für Anna Magdalena Bach.

Anos antes de que Bach publicara as Variacións Goldberg, a Aria aparece nun destes cadernos. Orixinalmente asumiuse que a Aria era un regalo para ela, pero podería ser un regalo de Anna Magdalena para o seu esposo?

En 2014, o estudoso de Bach Martin Jarvis, da Universidade Charles Darwin de Australia, presentou a revolucionaria teoría de que Anna Magdalena Bach podería ser a compositora real da Aria. Exames forenses dos cadernos apoiaron a teoría e dixeron que estaban seguros «dentro dun grao razoable de certeza científica» de que Anna Magdalena probablemente escribiu esta Aria, entre outras pezas, incluídas as suites para violonchelo. Estas afirmacións foron rexeitadas por unanimidade polos estudosos e intérpretes de Bach. Sen embargo, como notarían, son amante das boas historias e todos sabemos que detrás dun gran home adoita haber unha gran muller.

Jorge Jiménez, febreiro de 2022