11 de decembro – Os cuartetos con piano de Mozart

 

Noelia Rodiles, piano

Aitor Hevia, violín

Lara Fernández, viola

Fernando Arias, violonchelo

Programa:

F. Schubert: Trio para corda, D 471
W. A. Mozart: Cuarteto con piano nº1 en sol menor, K 478
F. Schubert: Momentos musicais D780 (núm. 1-3)
W. A. Mozart: Cuarteto con piano nº2 en mi bemol maior, K 493

Noelia Rodiles foi cualificada como “un dos máis sólidos valores do pianismo español, do pianismo internacional”. O seu último disco The Butterfly Effect (Eudora Records, 2020) mereceu, entre outros recoñecementos, o Melómano de Ouro e un nomeamento aos premios Grammy Latinos por unha das obras de encargo que inclúe. En 2015 publicou o seu primeiro traballo discográfico, con obras de Ligeti e Schubert (Solfa Recordings), que obtivo o recoñecemento de “Excepcional do mes” da revista Scherzo.

Como solista, tocou xunto a orquestras como a Orquestra da Comunidade de Madrid, a Sinfónica do Principado de Asturias, a Heinrich Heine de Düsseldof, a Filharmónica de Querétaro (México) ou The Soloists of London entre outras, baixo a dirección de mestres como Víctor Pablo Pérez, José Ramón Encinar, Michael Thomas ou Ramón Tébar.

Formada no conservatorio Julián Orbón de Avilés, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e a Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín, perfecciona os seus estudos na Escola Superior de Música Raíña Sofía, onde obtivo o premio á “alumna máis sobresaínte” nas cátedras de piano e música de cámara.

Aitor Hevia comeza os seus estudos de violín co seu pai J. Ramón Hevia e Yuri Nasushkin no Conservatorio Superior de Música de Oviedo, ampliando a súa formación con Keiko Wataya no Conservatorium van Amsterdam onde se diploma coa cualificación Cum Laude. O seu desenvolvemento como músico é moldeado baixo a tutela de eminentes pedagogos como Rainer Schmidt (Cuarteto Hagen), Hatto Beyerle (Cuarteto Alban Berg) e Walter Levin (Cuarteto LaSalle) en centros como a Escola Raíña Sofía de Madrid ou a Musikhochschule de Basilea.

A súa principal actividade concertística desenvólvea como violinista do Cuarteto Quiroga, recoñecido polas súas interpretacións audaces e renovadoras, actuando nas salas máis prestixiosas do panorama internacional.

Ademais da súa actividade camerística actuou de solista coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, foi concertino da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), integrante da Joven Orquesta de la Unión Europea (EUYO), concertino invitado da Orquestra Sinfónica de Tenerife e membro da orquestra Da Camera, tendo a oportunidade de traballar con mestres da altura de Carlo Maria Giulini, Sir Colin Davis, Bernard Haitink, Aarón Zapico, Jordi Savall, Pablo González ou Antonio Méndez, entre outros.

Lara Fernández é a violista do Cosmos Quartet, e en 2019 converteuse en profesora de viola e música de cámara no Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA). Foi Semifinalista no Concours de Genéve, Gañadora do Irene Steels Heidelberg International Chamber Music Competition, Joseph Joachim Chamber Music Competition en Weimar e a Carl Nielsen International Chamber Music Competition en Copenhague como viola do Cosmos Quartet, cuarteto membro da European Chamber Music Academy (ECMA), dirixido polos titores Hatto Beyerle e Johanes Meissl, actuando en importantes salas e festivais como o Royal Northern College of Music (RNCM), Levinsalen de la Norwegian Academy of Music, Festival Pau Casals de Prades, ou o Festival de Fiesole.

Estuda con Jensen Horn-Sin Lam e Elena Pochekina en Madrid, continúa a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Aragón con Avri Levitan, Cuarteto Quiroga e Keneddy Moretti; na Hochschule fur Musik «Hanns-Eisler» de Berlín estuda con Volker Sprenger e Eberhard Feltz e na Hochschule fur Musik, Theater und Medien de Hannover xunto aos seus compañeiros do Cosmos Quartet, estuda con Oliver Wille.

Fernando Arias é un dos representantes máis destacados da súa xeración no panorama musical europeo dende que en 2006 fose proclamado gañador, entre outros, do Concurso Permanente de Juventudes Musicales e do «Primer Palau» de Barcelona. En calidade de solista, os seus futuros e recentes compromisos inclúen actuacións cos concertos de Vivaldi, Haydn, Beethoven (tripla), Saint-Saëns, Schumann, Chaikovski, Shostakovich, Ibert ou Gulda. Está especialmente interesado na música de cámara, habitualmente como membro do Trío VibrArt xunto ao violinista Miguel Colom e ao pianista Juan Pérez Floristán ou compartindo escenario con artistas da altura de David Kadouch, Seth Knopp, Peter Frankl, Donald Weilerstein, Antje Weithaas, Anthony Marwood, Roger Tapping, Karl Leister, Brett Dean ou o Cuarteto Quiroga. Dende o curso 2017-18 é profesor da Cátedra de Violonchelo Aline Foriel-Destezet na Escola Superior de Música Raíña Sofía, na clase do profesor Jens Peter Maintz e, en 2019, conseguiu por oposición a praza de Catedrático de Violonchelo do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

Notas:

Os dous cuartetos de Mozart encarnan a complexidade dunha escritura camerística que a súa época tardou en entender e que é unha das probas máis evidentes da chegada á madurez definitiva do seu autor. En 1785, o editor Franz Anton Hoffmeister encargou a Mozart tres cuartetos para piano e cordas. O conxunto formouse engadindo ao trío con piano tradicional unha viola, un instrumento que Mozart adoitaba tocar cando el mesmo interpretaba música de cámara. A pesar da finalización do Cuarteto en sol menor, Hoffmeister cancelou o encargo. O editor pensaba destinar as obras a músicos afeccionados de Viena; pero o compositor, ao parecer, non. As esixencias técnicas dos intérpretes, por non mencionar a complexidade da música en si mesma, deron lugar a poucas vendas. Outro editor, Artaria y Cía., intentou reavivar o proxecto, pero o único resultado foi unha sola obra: o Cuarteto en Mi Bemol, K. 493.

Os dous cuartetos con piano están, hoxe en día, entre as obras de cámara máis populares de Mozart, e obras posteriores co mesmo patrón de Schumann, Brahms, Dvorak e Fauré convertéronse en pezas habituais nas salas de concertos.

Schubert, á súa vez, comezaba pero non concluía —nel ata os mínimos apuntes teñen un enorme interese— o seu Trío, D 471 aos dezanove anos nun intento por afirmar a súa emancipación creadora e vital. Por outra parte, os Momentos musicais constitúen nada menos que un dos cumios da súa obra pianística. O crecente contacto cos editores nos seus derradeiros anos de vida e a súa demanda dun repertorio pianístico non demasiado ambicioso e ilustrativo desembocou na creación dos Momentos musicales. Estas xoias pianísticas atraen aínda hoxe en día a moitos solistas pola súa beleza, claridade e profundidade. A modo de pequenas bagatelas, conquistaron ao público de entón e convertéronse nun grande éxito para os editores. Por desgracia, Schubert non tivo ocasión de gozar do súpeto auxe que experimentara a súa música pouco antes de finar aos trinta e un anos de idade.