Cuarteto Quiroga – 18 de maio

XLVI Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Venres, 18 de maio de 2018  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Cuarteto Quiroga

Aitor Hevia, violín

Cibrán Sierra, violín

Josep Puchades, viola

Helena Poggio, violonchelo

 

 

Programa

B. Bartók (1881-1945) –  Cuarteto de corda nº 2, Op. 17, Sz. 67

F. Schubert (1797-1828) – Cuarteto para corda en Re menor, D. 810, A morte e a rapaza

 

Cuarteto Quiroga

O Cuarteto Quiroga, cuarteto residente no Palacio Real de Madrid, responsable da súa Colección Palatina de Stradivarius decorados, está considerado hoxe como un dos grupos máis singulares e activos da nova xeración europea, internacionalmente recoñecido entre crítica e público pola forte personalidade do seu carácter como grupo e polas súas interpretacións audaces e renovadoras.

O grupo naceu coa vontade de render homenaxe ao gran violinista galego Manuel Quiroga, un dos instrumentistas máis importantes da nosa historia musical. Formado con Rainer Schmidt, Walter Levin e Hatto Beyerle (cuartetos Hagen, LaSalle e Alban Berg, na Escola Reina Sofia, a Musikhochschule de Basilea e a European Chamber Music Academy (ECMA), na súa personalidade musical influíron tamén mestres como György Kurtág, Ferenc Rados, András Keller, Eberhard Feltz e Johannes Meissl.

Galardoado nos máis prestixiosos concursos internacionais para cuarteto (Bordeos, Paolo Borciani, Pequín, Xenebra, París, etc.), é habitual das salas máis importantes do escenario camerístico internacional (Wigmore Hall London, Philarmonie Berlin, Frick Collection e Lincoln Center Nova York, Invalides París, Auditorio Nacional Madrid, Heidelberger Frühling, National Gallery Washington DC, Concertgebouw Ámsterdan, Da Camera Os Ánxeles, Martinu Hall Praga, Nybrokajen Estocolmo, Stadtcasino Basel, Mozarteum Salzburg, etc.). En 2007 recibiu o Premio Ojo Crítico de RNE e en 2006 a Medalla de Ouro do Palau de Barcelona. Comparte escenario con músicos da altura de Martha Argerich, Javier Perianes, Richard Lester, Vladimir Mendelssohn, Alain Meunier, David Kadouch, Darío Mariño, Enrique Bagaría, Carles Trepat, e membros dos cuartetos Alban Berg, Hagen, Meta4, Casals, Doric, Arcanto, Galatea e Ardeo, entre outros.