18 de outubro – Real Filharmonía de Galicia

Maximino Zumalave, director 

Dmytro Choni, piano

Programa:

F Schubert: Abertura en re maior, D. 590 “En estilo italiano”

F. Chopin: Concerto para piano e orquestra nº 2, en fa menor, op. 21

F. Mendelssohn: Sinfonía nº 3 en la menor, Op. 56 “Escocesa”


Dmytro Choni

O xove pianista ucraíno Dmytro Choni foi o último gañador do Concurso Internacional de Piano de Santander Paloma O’Shea, na súa XIX edición celebrada en 2018. Choni foi galardoado co primeiro premio e medalla de ouro do certame.

Nacido en Kiev (Ucraína) en 1993, actualmente fórmase na Kunstuniversität de Graz con Milana Chernyavska. Foi galardoado en concursos como os de San Marino (San Marino, 2016), Ferruccio Busoni (Italia, 2017) ou Vladimir Horowitz (Ucraína, 2017). Tamén obtivo o primeiro premio no Concurso Internacional en memoria de Jurica Murai (Croacia, 2016), nos internacionais de Tucumán (Arxentina, 2016), Stefano Marizza (Italia, 2016) e Cidade de San Sebastián (España, 2017), así como o Premio Arturo Benedetti Michelangeli (Italia, 2017). 

Real Filharmonía de Galicia

Cincuenta músicos de diferentes nacionalidades achegan cada temporada a súa experiencia, formación, tradición musical, esforzo e ilusión para ofrecer ao público propostas sorprendentes. Coa orquestra colaboran de maneira habitual directores e solistas de recoñecido prestixio nacional e internacional, apostando por figuras consagradas e tamén por novos músicos que brillan no panorama musical. O seu director titular e artístico é o mestre Paul Daniel, Maximino Zumalave é o seu director asociado e Jonathan Webb o principal director convidado. Xestionada polo Consorcio de Santiago, nace en 1996 promovida pola Xunta de Galicia e ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia.

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. É fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. É director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela.

Con el actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu a importantes formacións tanto estranxeiras como españolas como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, Orquestra de Cámara Inglesa, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica do Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), Solistas Barrocos Ingleses, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras. Ademais, foi convidado a participar en xurados e presidir importantes certames e premios internacionais.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo…; coidando especialmente as primeiras audicións de xoves compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, de Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.

É Licenciado en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Bioloxía Mariña. En 1995 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. É membro da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e en 2016 foi distinguido co Premio da Cultura Galega.

 

26 de novembro – Zoar Ensemble

Programa:

L.v. Beethoven: Variacións sobre “La ci darem la mano” do Don Giovanni de Mozart, WoO 28, para óboe, clarinete e fagot (1796)

 W. A. Mozart: Trio para clarinete, fagot e piano en mi bemol “Kegelstatt”, KV498 (1786) – (adaptación de Eugene Jancourt)

W. A. Mozart: Quinteto para piano e ventos en mi bemol maior  KV452 (1784)


ZOAR

Oboe: David Villa

Clarinete: Antonio Suárez

Trompa: Benjamín Iglesias

Fagot: Álex Salgueiro

Piano: Alicia González

Zoar é un conxunto de cámara estable e activo que traballa dende 2009. Medrou á procura dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, un fermo compromiso coa nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade con voluntade de achegar a súa actividade a todos os públicos.

Entre as colaboracións con outros artistas compre destacar proxectos con Monicreques de Kukas, co escritor Manuel Rivas, ou o beatboxer Carlos Vidal ‘Lytos’ no proxecto Windbox. No 2014 foron convidados como solistas á Orquestra Gaos e no 2015 ao VintEnsemble.

O interese polo repertorio descoñecido, a recuperación do patrimonio musical esquecido e o compromiso coa nova creación levou ao conxunto a explorar máis aló do repertorio tradicional da música para conxuntos de ventos e a incorporar obras de compositores esquecidos, estreas de obras xa escritas pero nunca interpretadas ou gravadas, como neste caso Alevi dedeler raki masasinda do compositor e pianista turco Fazil Say, ou The Elephant and the Clown e La Fleur de Cayenne do recoñecido clarinetista Paquito d’Rivera. Ademáis teñen estreadas pezas de compositores como Gabriel Bussi, Juan Durán, José Luis Turina, Patrick van Deurzen así como encargas propias a Xabier Mariño, Óscar Álvarez, Federico Mosquera, Fernando Buide ou Óscar Navarro. A número de arranxos e adaptacións realizados polos propios membros da formación sobrepasa os 30.

Teñen actuado nos principais escearios galegos (Teatro Colón, o Teatro Rosalía o Centro Ágora ou o Palacio da Ópera na Coruña, o Teatro Jofre de Ferrol, o Círculo das Artes de Lugo, o Liceo de Ourense, o CGAC  e a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela) participando en acontecementos culturais da importancia como a entrega dos Premios da Cultura Galega, en sucesivas edicións das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, no LVI Festival de la Ópera de A Coruña, no ciclo Enclave de Cámara de Ourense, no Ciclo de Outono do Museo de Belas Artes da Coruña, no Ciclo de Concertos Benéficos da Real Academia Galega de Belas Artes e nas tempadas das sociedades filarmónicas de Lugo,  A Coruña e Vigo. Fóra de Galicia fixeron recitais no Pais Vasco, Cataluña, Portugal  e Arxentina. No 2016 foron finalistas aos III Premios ‘Martín Códax’ da Música.

En 2016 presentaron o seu primeiro cedé “No vento” con música de Juan Durán publicado por Ouvirmos. Veñen presentar no 2017 unha doble publicación, de cedé e partituras, coa integral da música do compositor betanceiro Carlos López García-Picos.