8 de xuño 2022

XLIX Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Mércores, 8 de xuño de 2022  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Carlos Mena, contratenor

Concerto 1700

Daniel Pinteño, violín e dirección

 

 

 
 
 
 
 

 

 

Carlos Mena, contratenor

CONCERTO 1700

Daniel Pinteño, director e violín

Fumiko Morie, violín

Paz Alonso, violonchelo

Rodrigo Gutiérrez, óboe

Pablo Zapico, tiorba

Ignacio Prego, clave

 

 

 

BELLO PASTOR: Cantadas para castrado na Capela Real

JOSÉ DE NEBRA (1702-1768)

  • “Bello Pastor” Cantada ao Santísimo Sacramento

ARCANGELLO CORELLI (1653-1713)

  • Sonata para violín Anh. 35

JOSÉ DE TORRES (ca.1670-1738)

  • “Corre, flamante rayo” Cantada de Reis

GIOVANNI BONONCINI (1670-1747)

  • Sonata a tre Nº XI

ANTONIO LITERES (1673-1747)

  • “Si el viento” Cantada ao Santísimo Sacramento

 

 


Carlos Mena, contratenor

 Naceu en Vitoria-Gasteiz (1971); fórmase na prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis (SCB) de Basilea (Suíza) baixo a dirección dos seus mestres R. Levitt e R. Jacobs e cursa estudos medievais e obradoiros de ópera.

Como solista cantou baixo a batuta de mestres como Michel Corboz, Paul Goodwin, Mark Minkowsky, Rafael Frübeck de Burgos, Ottavio Dantone, Juanjo Mena, Gustav Leonhardt, Christoph Coin, Andrea Marcon o que o leva a cantar en festivais e salas de todo o mundo como Musikverein e Konzerthaus de Viena, Palais de Beaux Arts de Bruxelas, Concertebouw de Ámsterdan, Grosses Festspielehaus de Salzburgo, Philarmonie de Berlín, Suntory Hall e City Opera Hall de Tokyo, Osaka Shympony Hall, Zipper Hall e Schönberg Hall dos Ánxeles, Alice Tully Hall do MET de Nova York, Kennedy Center de Washington, Sidney Opera House, Concert Hall de Melbourne, Bellas Artes de Cidade de México, Teatro Colón de Bos Aires…

Os seus máis de 40 recitais gravados para Mirare, Sony Music, Harmonia Mundi, IBS, obtiveron numerosos premios como Diapasón D’Or do ano, CD Compact ao mellor disco do Renacemento, Clásica, 10 Repertoire, Choc de Le Monde de la Musique, Excepcional de Scherzo, ffff de Telerama.

No ámbito da ópera interpretou no Théâtre Royal de la Monnaie (Bruxelas) La Rappresentazione (Angelo Custode) de E. Cavalieri, Radamisto (Radamisto) de G. F. Haendel na Felsenreitshule de Salzburgo baixo a dirección de Haselboeck/Grazer, L’Orfeo (Speranza) na Innsbruck Festwoche e na Staatsoper de Berlín con Jacobs/Kosky, Il Trionfo (Disinganno) de Händel no Salzburger Pfingstenfestival, Europera 5 de J. Cage no Festival de Flandes, no Barbican Center de Londres protagonizou Ascanio in Alba de Mozart dirixido por F. Biondi, Oberon en A Midsummer Night’s Dream de B. Britten (Marin/Pizzi), O/A Seminarista na Viaxe a Simorgh de Sánchez-Verdú (López-Cobos/Amat) no Teatro Real de Madrid, Apollo en Death in Venice de Britten (Weigle-Decker) no Gran Teatro do Liceu e Paixón segundo San Xoán de Bach no Teatro Arriaga (Nielsen/Bieito).

Carlos Mena amosa tamén inquietude polo mundo do lied e o repertorio contemporáneo estreando obras de cámara, sinfónicas e óperas compostas para el de compositores como José María Sánchez-Verdú, Gabriel Erkoreka, Jesús Torres, Jesús Torres, Joan Magrané, etc… Traballa regularmente co compositor Alberto Iglesias en numerosos proxectos.

Foi artista residente do prestixioso Festival BOZAR de Bruxelas, do Centro Nacional de Difusión Musical e da Orquestra Cidade de Granada.

Carlos Mena estudou dirección coral con profesores como Laszlo Heltay, Juanjo Mena, Eric Eriksson e dirixe actualmente a Capela Santa María da Fundación Catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz coa que deseñou a ópera Do divino e do humano con dirección escénica de Joan Anton Rechi en torno á figura de Juan de Hidalgo dirixíndoo no Teatro da Zarzuela de Madrid. Dirixiu a orquestras como a Cidade de Granada, Sinfónica de Galicia, Principado de Asturias, Sinfónica de Navarra, Sinfónica de Córdoba, Orquestra de RTVE, Sinfónica de Portugal, obras de Bach, Haendel, Telemann, Kodaly, Grieg, Vaughn-Williams, Debussy, Ravel, Iglesias…

Daniel Pinteño

Considerado pola crítica como unha das figuras emerxentes con máis proxección dentro do panorama historicista español. Daniel Pinteño nace en Málaga, comeza os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Murcia da man de Emilio Fenoy, finalizándoos posteriormente con Juan Luis Gallego no Conservatorio Superior de Música de Aragón.

Durante os seus anos de formación asiste activamente a clases maxistrais con solistas internacionais como Nicolás Chumachenco, Alexei Bruni, Mikhail Kopelmann, Alberto Lisy, Ida Bieler entre outros. Posteriormente trasládase a Alemaña onde prosegue os seus estudos de perfeccionamento co profesor Nachum Erlich, na Staatliche Hochschule für Musik Karlsruhe.

Dende o ano 2010 orienta o seu labor musical á interpretación do repertorio comprendido entre os albores da música para violín do século XVI ata a linguaxe romántica de mediados do século XIX con criterios históricos. Para iso, comeza a recibir clases de profesores como Enrico Onofri, Anton Steck, Hiro Kurosaki, Catherine Manson, Enrico Gatti, Sirka-Lisa Kaakinen Pilch, Margaret Faultless, Jaap Ter Linden, etc. Complementariamente cursa estudos de musicoloxía na Universidade da Rioxa e a Universidade Complutense de Madrid.

Estuda violín barroco no Conservatoire à rayonnement régional de Toulouse (Francia) co violinista suízo Gilles Colliard e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid baixo a tutela de Hiro Kurosaki.

A súa paixón pola recuperación do patrimonio musical español do século XVIII valéronlle o recoñecemento da crítica internacional. No ano 2019 recibe o apoio dunha Bolsa de estudos Leonardo para investigadores e creadores culturais que outorga a Fundación BBVA e coa que realizará un proxecto de recuperación e gravación do disco Antonio Literes (1673-1747): Sacred cantadas for alto dirixindo a Concerto 1700 xunto á voz do contratenor Carlos Mena.

Daniel Pinteño toca cun violín italiano anónimo de principios do século XVIII.

Concerto 1700

Fundado en 2015 polo violinista Daniel Pinteño, Concerto 1700 nace coa intención de interpretar obras que abarcan dende a etapa máis temperá do Barroco ata os primeiros escintileos do Romanticismo dunha maneira historicamente informada. Actualmente é un dos grupos relevantes do panorama historicista español grazas ao seu virtuosismo e fantasía tímbrica que a crítica gabou en varias ocasións.

Destaca o labor de recuperación do patrimonio musical esquecido, en especial de compositores e mestres de capela españois do século XVIII. Autores que, por un motivo ou outro, quedaron relegados na sombra do esquecemento, son agora rescatados e interpretados por este grupo respectando os canons musicais propios do seu momento.

Gañadores do Premio Circuítos FestClásica 2017 na categoría Música Antiga actuaron con grande éxito de público e crítica nos festivais máis importantes do ámbito nacional como a Quincena Musical de San Sebastián, Festival Internacional de Santander, Outono Musical Soriano, Festival de Música Española de Cádiz, Festival de Música Antiga de Aranxuez, Festival Internacional de Música de Úbeda e Baeza, entre outros. Tralo éxito dos seus dous primeiros discos lanzan en 2021 un álbum xunto ao contratenor Carlos Mena baixo o título Antonio Literes: Sacred Cantatas for alto con obras inéditas do compositor mallorquino Antonio Literes o cal obtivo o aplauso unánime da crítica, así como o nomeamento a mellor álbum de música barroca vocal nos premios ICMA 2022.

Notas ao programa

Pódese afirmar que os tres compositores da primeira metade do século XVIII en España foron: José de Nebra, Antonio Literes e José de Torres. Este trío de talentosos músicos desenvolveu o seu labor en torno á Real Capela de Madrid creando algunhas das obras sacras máis belas do século XVIII. Neste programa selecciónase algunha das súas mellores obras escritas para alto e consagradas ao ámbito relixioso da corte madrileña. Unha parte importante deste legado musical confórmano as Cantadas; sendo as dedicadas á veneración do Santísimo Sacramento as máis comúns entre as cantadas sacras do XVIII. Escritas en lingua castelá posúen unha clara influencia da panxoliña hispana, aínda que progresivamente irá absorbendo algunhas das influenzas italianas que chegaban á península ao longo do século XVIII.

Nacido en Madrid cara ao 1670, José de Torres, educouse no Colegio de los Niños Cantorcicos, institución ligada á Real Capela que ten como obxectivo a formación de futuros músicos, algúns da altura de Juan Francés de Iribarren. Xa dende 1683, cuns trece anos, Torres exerceu como un dos organistas da Real Capela, recibindo o nomeamento oficialmente en 1687. Despois do exilio de Sebastián Durón en 1706 por apoiar ao bando austracista durante a Guerra de Sucesión, encargóuselle a José de Torres (xunto a Antonio Literes, recoñecido intérprete de violón da Real Capela) a composición das obras sacras que se debían executar na Real Capela. As súas composicións mereceron o recoñecemento do Patriarca das Indias. Con todo, haberá que esperar a 1720, despois de finar Durón en 1716, para que Torres obteña de modo oficial o nomeamento de mestre. Poucos anos despois, trala morte prematura de Luís I en 1724, Torres tivo que compartir o maxisterio co italiano Felipe Falconi, unha rivalidade que seguramente serviu de revulsivo ao músico madrileño na renovación da súa música. Torres seguiu ao fronte da Real Capela ata a súa morte, acaecida en Madrid o 3 de xuño de 1738, sucedéndoo no cargo Francisco Corselli.

“Don Antonio Literes, compositor de primeira orde, e acaso o único que soubo xuntar toda a maxestade e dozura da música antiga co balbordo da moderna”. Con estas palabras facía referencia o Padre Feijoo, no seu Teatro crítico universal (1726), a un dos compositores españois máis importantes do século XVIII: Antonio Literes y Carrión. Nacido en 1673 na localidade mallorquina de Artá, Literes trasladouse cara a 1686 a Madrid, onde ingresou no Real Colegio de Niños Cantores, institución na que chegou a exercer como mestre de música interino entre 1692 e 1694. En 1693 foi nomeado «músico de violón» da Real Capela, cargo que ocupou ata a súa morte en 1747. A partir de 1709, tres anos despois de que o mestre Sebastián Durón se exiliara a Francia, encomendóuselle a Antonio Literes e a José de Torres a composición de música para a Real Capela, un labor que continuou realizando Literes tralo ascenso de Torres en 1720 ao maxisterio desta institución.

José de Nebra nace en Calatayud (Aragón) o 6 de xaneiro de 1702 e morre en Madrid o 11 de xullo de 1768. Criado nunha familia con múltiples vínculos musicais pronto o encontramos en Madrid e será en 1724 cando é nomeado organista da Capela Real. A partir de 1723 compón para os teatros públicos, aínda que será dentro da Capela Real onde encontramos as mostras máis significativas de música relixiosa que compoñen este programa.

A obra de Nebra permanece repartida por diferentes arquivos tanto nacionais como de ultramar. Un destes arquivos que custodia a obra do compositor aragonés é o arquivo da Catedral de Jaca (Huesca). Este ademais atesoura algunhas interesantes copias transcritas dunha triosonata e unha sonata para violín de Arcangelo Corelli que hoxe completan este programa de concerto.

Por último, a relación de Bononcini con España é ben coñecida e débese principalmente ao IX Duque de Medinaceli, Luís Francisco de la Cerda Aragón, para quen o músico traballou mentres exercía de embaixador de Roma e, máis tarde, durante a súa etapa como vicerrei de Nápoles. A súa música, ademais, chegou a ser publicada e traducida ao castelán pola Imprenta de Música en Madrid nos tempos nos que Nebra servía na capital madrileña.

Para este programa o contratenor Carlos Mena, un dos solistas máis destacados da escena barroca nacional, únese aos músicos de Concerto 1700 para ofrecer unha mostra do noso patrimonio musical sacro.