7 de xuño 2023

50 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Mércores, 7 de xuño de 2023  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Roberta Invernizzi, soprano
Ars Atlántica
Manuel Vilas, dirección

 

 

ROBERTA INVERNIZZI, soprano

ARS ATLÁNTICA

Rosalía Gómez Lasheras, piano romántico

Sara Ruiz, viola da gamba

Mariña García-Bouso, violín barroco

José Manuel Dapena, guitarra romántica

Manuel Vilas, arpa barroca, proxecto artístico e dirección

                                                                                                                                          MONTE/VERDI…A arte da redución operística. 300 anos de ópera italiana fóra dos teatros, de Claudio Monteverdi a Giuseppe Verdi

 

Gaetano Donizetti – Abertura de Don Pasquale.

Transcrición anónima para piano (París, c. 1848)

Vincenzo Bellini  – Casta Diva, cavatina de Norma.

Arranxo anónimo para voz e piano (Madrid, c. 1833)

  •  

Alessandro Scarlatti  – Crudo no, aura lieve ma infesta, aria de La Rosmene.

Versión reducida da época, autor anónimo

Antonio Vivaldi – Io son quel gelsomino, aria de Arsilda, Regina di Ponto.

Adaptación anónima para voz e continuo (principios do s. XVIII)

  •  

Giuseppe Verdi – Fantasía para guitarra sobre motivos da Traviata.

Julián Arcas (1832-1882)

Gioachino Rossini -Tu che accendi questo core, cavatina de Tancredi.

Arranxo para voz e guitarra por Ventura Maria de Ripa (ss. XVIII-XIX), (Madrid, c. 1818)

  •  

Niccolo Piccinni – Aria transcrita para violín da ópera La Cecchina.

John Walsh (Londres, 2º metade século XVIII)

Giovanni Paisiello – Begli occhietti, aria da ópera Don Chisciotte della Mancia. Arranxo de Manuel Vilas segundo prácticas da época (versión de Nápoles, 1769)

  •  

Antonio Cesti – Intorno all’idol mio, aria en versión reducida de L’ Orontea.

Anónimo do século XVII

Giuseppe Verdi – Oh nel fuggente nuvole, escena e aria de Attila.

Reducións anónimas para voz e piano (c. 1846)

  •  

Claudio Monteverdi – Lamento da ópera Ariadna.

Tocata-improvisación para arpa de Manuel Vilas                                                      

Tu sei morta da ópera Orfeo.

Ecco pur ch’a voi ritorno da ópera Orfeo.

Arias reducidas para soprano e baixo (manuscritos anónimos, s. XVII)

 

Monte/Verdi

A arte da redución operística. 300 anos de ópera italiana fóra dos teatros, de Claudio Monteverdi a Giuseppe Verdi.

O presente programa é unha aposta novidosa e heterodoxa. A ópera xa dende os seus comezos saíu dos teatros para formar parte da vida privada e pública da xente. As melodías dos seus personaxes non tardan en introducirse en salóns, fogares, festas, recepcións, banquetes, xardíns, desfiles, balnearios, igrexas, prostíbulos, salas de xogo, conventos, palacios, catedrais e demais ámbitos. A ópera causa furor e o público non se conforma con gozala só nos teatros, sería realmente un fracaso se se limitase só a este espazo; por esta razón pronto empezan a circular arranxos e adaptacións de mil e unha formas para que ninguén, ben sexa tocándoa un afeccionado tranquilamente na súa casa ou ben contratando a músicos, se quedase sen gozar dunha famosa aria ou calquera pasaxe que estivese de moda. Evidentemente, o arranxo, adaptación ou transcrición para un ou poucos instrumentos era un recurso obrigado para moitos destes ambientes, onde loxicamente dispor dunha orquestra era absolutamente inviable.

Neste recital presentamos un variado repaso por un fenómeno complexo, o da ópera italiana como parte da vida privada a través de 300 anos. De maneira sucinta adiantarei algunhas das curiosidades que presenta este programa, cun repertorio en ocasións moi coñecido pero en versións coetáneas aos seus orixinais que nos resultan realmente chamadoras. Aquí poderán escoitar cousas tan singulares como partes do protagonista do Orfeo de Monteverdi en versión para soprano; arias sen as longas introducións instrumentais dos seus orixinais, como a famosa Casta Diva de Bellini, e os exemplos de Vidaldi e Cesti, arranxos moi afastados no tempo pero con moito en común; unha aria para violín só sen acompañamento, unha práctica moi habitual no Londres do dezaoito e que hoxe se nos presenta como estrañísima, e un Rossini para voz e guitarra, adaptando a orquestra ao son e recursos deste instrumento.

En xeral, hoxe parécenos que hai moita distancia entre Monteverdi e Verdi, pero, sinceramente, creo que hai moito máis en común do que normalmente pensamos. Demostrar isto é o que pretendemos, ademais de dar visibilidade a unha maneira de ver a música teatral á que se prestou moi pouca atención.

Manuel Vilas

 

Roberta Invernizzi

Nacida en Milán, estudou piano e contrabaixo antes de comezar os seus estudos de canto con Margaret Heyward. Especializada no repertorio barroco e clásico, é hoxe unha das máis eminentes solistas neste ámbito. Cantou na maior parte dos teatros máis importantes de Europa e os EUA, traballando con directores como Nikolaus Harnoncourt, Ivor Bolton, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Giovanni Antonini, Fabio Biondi, Antonio Florio, Rinaldo Alessandrini e Ottavio Dantone, colaborando regularmente con agrupacións como Concentus Musicus Wien, Accademia Bizantina, Il Giardino Armonico, Cappella de la Pieta dei Turchini, Concerto Italiano, Europa Galante, Ensemble Matheus, Orquestra Barroca de Venecia, Archibudelliy RTSI Lugano.

Cantou o papel de Armida no Rinaldo de Handel no Teatro alla Scala de Milán; Nerone na Agrippina de Haendel con Alan Curtis, no Teatro Real de Madrid; o rol titular na Satira de Cavalli no Teatro San Carlos de Nápoles; Olimpiade de Galuppi con Andrea Marcon e a Orquestra Barroca de Venecia no Teatro La Fenice; Ercole sul Termodonte de Vivaldi e Virtu degli Strali d´Amore con Fabio Biondi no Teatro La Fenice…

En recentes aparicións cantou os papeis principais de obras como a Misa en do menor e Davide Penitente de Mozart no Musikverein de Viena e no Styarte Festival con Harnoncourt; o papel titular de Sant´Elena al Calvario con Biondi no Festival de Salzburgo; Acis, Galatea e Polifemo no Festival de Salzburgo con Il Gardino Armonico; La Santissima Trinità de Scarlatti no Théâtre des Champs Elysées de París e en Palermo con Europa Galante; Trionfo del Tempo de Handel con Martin Haselböck e La Vergine dei Dolori no Teatro San Carlos de Nápoles con Rinaldo Alessandrini. En setembro de 2009 foi aclamada pola súa intervención no Orfeo de Monteverdi no Teatro alla Scala de Milán baixo a dirección de Rinaldo Alessandrini coa dirección escénica de Robert Wilson.

Participou en máis de 80 rexistros discográficos, moitos deles foron primeiras gravacións mundiais, para selos como Sony, Deutsche Grammophon, EMI/Virgin, Naïve, Opus 111, Symphonia, Glossa… Algunhas delas foron recoñecidas pola crítica especializada con premios como Diapason D’Or do ano, Choc du Monde de la Musique, Cinco Estrelas de Goldberg, Grammophone Awards e Deutsche Schallplatten Preis. O seu disco en solitario Dolcissimo Sospiro coa Accademia Strumentale Italiana gañou o recoñecido Midem Classical Awards e o Stanley Prize, premio este último que volveu recibir polo seu disco, tamén en solitario, dedicado ás Cantatas italianas de Hendel para Glossa como mellor gravación de música de Hendel do ano 2010.

Invernizzi ofrece clases maxistrais de canto na Scuola Civica de Milán e na Universidade de Viena.

Ars Atlántica

O ensemble Ars Atlántica, fundado en 2007 e dirixido polo arpista Manuel Vilas, dedícase á interpretación de música dos séculos XII ao XVIII con especial énfase en repertorio español, portugués, italiano e hispanoamericano, centrándose sobre todo en obras barrocas para voz e continuo e instrumentos melódicos e continuo e pola música de ambientes privados e reducidos. O disco de debut de Ars Atlántica supuxo a primeira gravación mundial das cantatas venecianas procedentes do palacio Contarini en Piazzola Sul Brenta (Padova) interpretada xunto á mezzosoprano Marta Infante, rexistro sonoro que recibiu excelentes críticas así como o galardón Prelude Award Music (Holanda) como un dos mellores discos de música antiga do ano 2010.

Ars Atlántica e o seu director levan adiante o proxecto de gravación dos 100 tons humanos do chamado Manuscrito Guerra (2º metade s. XVII), que contén pezas vogais procedentes de obras teatrais do barroco español. A integral das pezas deste manuscrito reúnense en seis CDs dos cales xa saíron os volumes do 1º ao 5º na discográfica inglesa NAXOS, recibindo excelentes críticas e varios premios: disco excepcional da revista Ritmo (España, maio 2011), disco do mes da Musicweb internacional (EUA, decembro 2012) e premio á investigación e mellor disco (2017) outorgado pola Asociación de Grupos Españoles de Música Antiga (GEMA).

Ars Atlántica actuou nos festivais Via Stellae (Santiago de Compostela), En Claves (Huesca), Música Antigua Aranjuez, Semana de Música Antigua de Vitoria, Músika-Música de Bilbao, de Arte Sacro de Quito (Ecuador), de Música Española de Cádiz, Quincena Musical de San Sebastián, de Música Antigua de los Pirineos (FeMAP), Festival Internacional de Santander… así como no Real Coliseo de Carlos III (O Escorial), o Cuartel do Conde Duque (Madrid), o Teatro Principal de Santiago e, na súa formación a dúo, no Teatro da Zarzuela e no Museo do Teatro de Almagro (Cidade Real) durante a presentación da edición facsímile do manuscrito de música teatral da Confraría da Novena.

Ars Atlántica destaca pola peculiaridade das súas propostas, como Vivir la vida airada que recrea un serán na España do século XVII ou La palabra oculta, un peculiar recital poético-musical xunto á actriz e cantante Mónica de Nut composto por poesías e obras vocais creadas por monxas de clausura dos séculos XVI ao XVIII de España e América.

En maio de 2015 presenta, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, un recital sobre os gondoleiros e a música veneciana no século XVIII xunto ao tenor portugués Fernando Guimaraes. En total primicia presentou no Festival Via Stellae 2015 a ópera Rinaldo de Händel na súa versión reducida de 1711 e autorizada polo propio compositor. O mesmo ano ofreceu un programa de música medieval centrado na figura de San Francisco de Asís, presentouse xunto a Marta Infante no festival de música antiga de Gante (Bélxica) e recibiu o premio Festclásica, outorgado pola asociación de festivais españois.

Ars Atlántica colabora ocasionalmente co cuarteto vocal Vandalia, xunto ao que gravou o CD Hirviendo el mar, dedicado a tons polifónicos e teatrais do barroco español, e un novo disco dobre sobre o Cancioneiro da Sablonara (s. XVII), financiado pola Fundación BBVA. En 2019 presentou en xira polo norte de España un proxecto sobre a compositora veneciana Barbara Strozzi no seu 400 aniversario.

Manuel Vilas

Nacido en Santiago de Compostela, onde inicia a súa formación musical, estuda arpas antigas dos séculos XII ao XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi.

Colaborou con numerosos grupos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre Español, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Ensemble Elyma, Camerata Iberia, Coro da Comunidade de Madrid, Le Tendre Amour, Ludovice Ensemble, La Hispanoflamenca, Forma Antiqua, La Galanía, Musica Temprana, Private Musick, Vandalia, Ars Longa, La Trulla de Vozes, Orquesta Barroca de Sevilla, Coro Nacional de España, etc. nos máis importantes festivais en España, Europa e América.

Tamén ofrece concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana en concertos ofrecidos en Europa e América, ademais de  conferencias e cursos en diferentes países. Colaborou tanto como acompañante como solista en máis de 60 discos con diferentes grupos e discográficas. Participou en producións operísticas en París, Oviedo, Bilbao e Viena (L´incoronazione di Poppea de Monteverdi), Madrid, Potsdam, Xenebra e México (La Púrpura de la Rosa de Torrejón y Velasco), Múnic, Bilbao, Vigo e San Sebastián (L’Orfeo de Monteverdi), así como na recuperación da obra escénica Andrómeda e Perseo no Corral de Comedias de Almagro e nas representacións da zarzuela Salir el amor del mundo de Sebastián Durón no Teatro Arriaga de Bilbao. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española nos EUA e Cuba.

Dende hai anos encóntrase centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal como se facía na época. Deste proxecto ata este momento saíron varios discos compactos: un para o selo Naxos dedicado ás toadas de Sebastián Durón coa soprano Raquel Andueza, outro coa mezzosoprano Marta Infante titulado Tonos al arpa para o selo Enchiriadis e un terceiro cos tons de José Marín xunto ao tenor Felix Rienth.

Foi invitado polo festival de Flandres (Bélxica) e o Conservatorio da Haia (Holanda) para impartir clases maxistrais sobre arpas antigas ibéricas. Foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da catedral de Valencia.

Vilas é así mesmo pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, s. XVIII), a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV e, recentemente, presentou no Festival de Música e Musicoloxía Iberoamericana de Montevideo o seu estudo sobre a arpa no vicerreinado do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstol de Huachacalla (Oruro, Bolivia, s. XVIII).

Foi invitado a representar a España no VI Festival Mundial da Arpa na cidade de Asunción (Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país. Foi profesor de arpa medieval e renacentista nos cursos de música medieval de Morella (Castellón). Ademais é profesor colaborador na Escola de Música Medieval e de Tradición Oral de Madrid.

Entre os seus máis recentes proxectos están a gravación, financiada pola Fundación BBVA, de 24 tons do Cancioneiro da Sablonara (principios do s. XVII) xunto ao ensemble Vandalia e a presentación na American Society of New York do seu traballo sobre o himno católico cuzqueño dos séculos XVI ao XIX.

Os seus próximos traballos discográficos serán: The Guerra Manuscript, Vol. 6, xunto a Lidia Vinyes-Curtis para o selo Naxos; Chantador de joi d`amor, sobre a figura do trobador Bernart de Ventadorn xunto á cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo para o selo Etcétera e Compendio numeroso, o primeiro monográfico dedicado ao arpista Diego Fernández de Huete (ss. XVII-XVIII) para o selo Arkhé Music.

9 de xuño 2023

50 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Venres, 9 de xuño de 2023  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG)

Dima Slobodeniouk, director

 

 

Programa:

Franz Schubert (1797-1828)

  • Sinfonía incompleta, D. 759 

Steve Reich (1936-)

  • Triple Quartet (versión para orquestra de corda)

Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)

  • Sinfonía nº 29 en la maior, K. 201 (186a)

 

 


 

Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG)

Creada en 1992 polo Concello da Coruña, cidade en cuxo Palacio da Ópera ten a súa sede, a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube.

A OSG, cuxo director titular dende a tempada 2023-2024 é Roberto González-Monjas e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña dende a súa creación en 1998. Ademais, a súa presenza nacional e internacional foi constante, con concertos nas mellores salas en España e con varias xiras por Alemaña e Austria. En 2007 realizou unha xira por América do Sur —con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo—, a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.

Tanto para os seus concertos internacionais como para os seus programas de abono, a OSG conta con solistas como Anne-Sophie Mutter, Isabelle Faust, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Grigory Sokolov, Frank Peter Zimmermann, Maria Joao Pires, Elisabeth Leonskaja, Dmitri Sitkovetsky, Stefan Dohr, Alica Sara Ott, Gil Shaham, Sarah Chang, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Mischa Maisky, Javier Perianes ou Christian Lindberg entre outros moitos.

Con ela cantaron Bryn Terfell, Ewa Podles, Plácido Domingo, Juan Diego Flórez, Simon Estes, Leo Nucci, Alfredo Kraus, Teresa Berganza, Mattias Goerne, María Bayo, Ainhoa Arteta, Mirella Freni, Ann Murray, Amanda Roocroft, Ildar Abdrazakov, Hildegard Behrens, Eva Marton, Giuseppe Giacomini, Philip Langridge, Carlos Chausson, Raúl Giménez, Isabel Rey, Carlos Álvarez, Ana María Sánchez ou Giuseppe Sabbatini, e sempre baixo a batuta de mestres como Gutavo Dudamel, Lorin Maazel, Eliahu Inbal, Neville Marriner, Michail Jurowski, Ton Koopman, Guennadi Rozdestvenski, Libor Pesek, Maurizio Pollini, Christoph Eschenbach, James Judd, Stanislaw Skrowaczeski, Richard Egarr, Daniel Harding, Jesús López Cobos, Osmo Vänskä, Alberto Zedda, Yoav Talmi, Raymond Leppard, Carlo Rizzi, Josep Pons, John Nelson, Gianandrea Noseda, Ron Goodwin ou Manfred Honeck entre outros.

Na súa discografía para selos como Deutsche Gramophon, Sony, BIS, EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts figuran nomes como os de Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, Iván Martín, Manuel Barrueco —con quen foi nomeada ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—, María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons ou Ewa Podles entre outros.

A OSG converteu a súa canle de YouTube no máis visto do sector en España e un dos máis visitados a nivel europeo: con máis de cen mil subscritores os vídeos da OSG superan os trece millóns de visualizacións no último ano dende un total de 227 países. O éxito internacional da súa canle e as retransmisión en streaming HD iniciadas na tempada 2014-2015 supuxeron o seu nomeamento ao Classical: Next Innovation Award 2015.

A OSG foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega das Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.

A OSG está financiada polo Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

 

Dima Slobodeniouk, director

 Dmitri «Dima» Slobodeniouk (Moscova, 1975) foi o director titular da Orquestra Sinfónica de Galicia dende 2013 ata a presente tempada, e dende o 2016 da Sinfonia Lahti. O seu estilo caracterízase pola fusión das tradicións musicais da súa Rusia natal e de Finlandia, onde está afincado.

Entre 1980 e 1989 estudou violín na Escola Central de Música da súa cidade natal con Zinaida Gilels e J. Chugajev, proseguindo os seus estudos no Conservatorio de Moscova dende 1989, no de Middle Finlands e na Sibelius-Akatemia de Helsinki, con Olga Parhomenko.​ Aos 16 anos, trasladouse a Finlandia, e en 1994 iniciou os seus estudos de dirección orquestral, e participou nas clases de Atso Almila en 1996 e en 1998, e continuou despois na Sibelius-Akatemia cos mestres Leif Segerstam, Jorma Panula e co propio Atso Almila. ​Tamén, estudou con Ilja Musinin e Esa-Pekka Salonen.

Entre o 2005 e o 2008, foi director titular da Oulu Sinfonia, á que dirixiu en concertos e producións operísticas, como Les Cuentes d’Hoffmann, Don Giovanni ou Orfeo ed Euridice, de Christoph Willibald Gluck. Na tempada 2009-2010, debutou coa Orquestra de París, e dirixiu tamén orquestras como a Orchestra della Svizzera Italiana de Lugano (Suíza), a Orchestre Philharmonique de Monte-Carlo (Francia), a City of Birmingham Symphony Orchestra e a Philharmonia Orchestra de Londres no Reino Unido, a Cincinnati Symphony Orchestra (Estados Unidos de América), a Oslo-Filharmonien e a Bergen Filharmoniske Orkester de Noruega, a Orquestra de París, a Orquestra Filharmónica de Holanda ou a Koninklijk Concertgebouworkest de Ámsterdan (Países Baixos). ​

Obtivo gran recoñecemento pola súa colaboración con compositores contemporáneos. Como froito desta colaboración, no 2009 presentou, sendo director artístico do Festival de Música Korsholm, as obras de Sebastian Fagerlund, nunha gravación realizada coa Göteborgs Symfoniker para o selo BIS Records. Tamén, estreou obras de Miriam Tally e Olli Kortegangas, e dirixiu á Stavanger Symfoniorkester con obras de Steve Reich. ​ En maio do 2010, volveu dirixir, na Kungliga Operan de Estocolmo, a ópera Tosca, de Giacomo Puccini, despois de debutar na ópera sueca con Ognenny angel, de Serguéi Prokófiev.

O 2 de novembro do 2012, debutou á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) cun concerto no Palacio da Ópera da Coruña. O 13 de febreiro do 2013 foi presentado como director titular da OSG, cargo no que sucedeu a Víctor Pablo Pérez. O nomeamento de Slobodeniouk pola orquestra galega supuxo un impulso á presencia da OSG no ámbito internacional, así como unha aposta pola renovación do repertorio e a captación de novos públicos. O 4 de outubro do 2013, presentouse coa orquestra coruñesa como director titular.

Dende setembro do 2016, compaxina os postos de director artístico na Orquestra Sinfónica de Galicia e na Sinfonía Lahti en Lahti, Finlandia.