Cuarteto Alicerce – 2 de xuño

XLVIII Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Mércores, 2 de xuño de 2021  – Círculo das Artes de Lugo, 20:00 h

Cuarteto Alicerce

Rosana Orsini, soprano / Marco Brescia, clave

Jorge Montes, violín

Roberto Santamarina, violín

María José Pámpano, viola

Carlos García Amigo, violonchelo

 

 

 

 

 

 

 

Programa:

Luigi Boccherini  (1743 – 1805)

Stabat Mater, G.532 (1781)

 


Cuarteto Alicerce

 O cuarteto Alicerce é unha formación pioneira en Galicia na abordaxe do repertorio para cuarteto de corda procedente dos períodos Clásico e primeiro Romanticismo sobre instrumentos de época. Dende a súa creación en 2016, o obxectivo do cuarteto foi dar vida ás obras emblemáticas escritas para esta formación considerando as prácticas interpretativas e estilísticas do momento no que foron creadas e as particularidades dos instrumentos da época.

Formado por músicos que contan cunha ampla bagaxe artística e profesional nos eidos da música antiga, da música clásica e contemporánea, o cuarteto Alicerce participa en diferentes ciclos e festivais destacados coma De Lugares e Órganos (Santiago de Compostela), Música no Camiño (Ourense), Músicas Mesturadas (Lugo), Pórtico Sonoro (Redondela), II Ciclo de Música de la Ilustración (Utrera), Festival Internacional de Órgao Santo Tirso (Portugal)… colabora con destacados solistas coma Rosana Orsini, Nera Berraondo, José Manuel da Pena, Alberto Miguélez ou Marco Brescia e diferentes agrupacións coma Coro Cantábile ou Favola d’Arco, entre outros.

Rosana Orsini

Rosana Orsini naceu en Vitória (Basil) e graduouse en Canto Lírico pola Universidade Federal de Minas Xerais, trasladándose logo a Nova York, onde estudou con Lynn Owen na Manhattan School of Music (Máster en Canto). Dous anos máis tarde, Orsini mudouse a Londres, onde obtivo o Diploma de Posgraduado en Interpretación Vocal Lírica da Royal Academy of Music, onde estudou con Diane Forlano. No mundo da ópera, a cantante actuou nos papeis de Zerlina en Don Giovanni, Susanna en Le Nozze di Figaro, Despina en Così fan tutte de Mozart, Manon na ópera homónima de Massenet, Oscar en Il Ballo en Maschera de Verdi, Lauretta en Gianni Schicchi de Puccini, Leila en Les Pêcheurs de Perles de Bizet, Eumene en Vendado es Amor, no es ciego de Nebra e Venus en Il Ballo delle Ingrate de Monteverdi. Profundamente interesada na interpretación historicamente informada da Música Antiga, perfeccionouse con Antonio Florio no Conservatorio di San Pietro a Majella de Nápoles, Italia, e con Eduardo López Banzo no Curso Internacional de Interpretación Vocal Barroca de León, España. A Orsini actuou como solista ao fronte de diversas orquestras de Brasil, Estados Unidos de América, Portugal, España, Inglaterra, Italia, Eslovaquia e A República Checa, nos máis prestixiosos teatros e festivais internacionais de música tales como o Stavovské Divadlo (Praga – República Checa), Theatro Municipal do Río de Xaneiro (Brasil), Palácio das Artes (Belo Horizonte – Brasil), National Gallery of Art (Washington DC – EUA), Greenwich Museum (Nova York – EUA), Long Island Guitar Festival (Nova York – EUA), Aste Nagusia (Bilbao – España), Festival de Música Antigua de Panamá (Cidade de Panamá – Panamá), Espazos Sonoros (Galicia – España), Festival de Música Cidade de Lugo – Semana de Música del Corpus (España), Scarlatti Lab Barocco (Nápoles – Italia), Eurovia – Festival Internazionale di Venezia (Italia), Festival Internacional de Estoril / Lisboa (Portugal), etc. A soprano está en posesión dun doutorado entre a Universidade de París IV – Sorbonne e a Universidade NOVA de Lisboa. En 2017 e 2018, firmou a dirección artística das óperas barrocas postas en escena no marco do Festival Internacional de Música Colonial Brasileira e Música Antiga de Juiz de Fora (Brasil). Xunto ao organista Marco Brescia gravou o disco Angels and Mermaids: religious music in Oporto and Santiago de Compostela (Arkhé Music, 2016), así como o disco Sacred Belcanto (Castelpor, 2020), con Marco Brescia e o tenor Luciano Botelho.

Marco Brescia

Pianista, organista e clavecinista italiano de orixe brasileiro, Marco Brescia iniciou os seus estudos de piano coa súa nai, Denise Orsini, continuando con Sergio Magnani e Vera Nardelli. Obtivo o primeiro premio no X Concurso Nacional de Piano Arnaldo Estrella e o premio ao mellor pianista acompañante no VIII Concurso Nacional de Cordas Pro-Música, ambos en Brasil. En 2000 recibiu unha bolsa de estudos para o recoñecido Curso Internacional de Piano Escuela Superior de Música Reina Sofía, impartido por Russel Sherman, en Santander. O ano seguinte, asistiu ao Curso Internacional de Música Antiga de Daroca, tamén en España, baixo a dirección de José Luis González Uriol, interesándose cada vez máis polos instrumentos antigos de tecla. En 2013, finalizou un Máster en Interpretación de Música Antiga / Órgano Histórico (Escola Superior de Música de Catalunya / Universitat Autònoma de Barcelona), baixo a dirección de Javier Artigas, obtendo a prestixiosa Matrícula de honra, ademais dun Doutorado en Musicoloxía Histórica (Universidades París IV – Sorbonne / NOVA de Lisboa), coa obtención da mención máxima Très honorable à l’unanimité. Como intérprete, xa sexa ao órgano, ao clavicordio, ao clave ou ao piano, Brescia é regularmente invitado para actuar nos máis prestixiosos festivais e ciclos internacionais de concertos en Italia, España, Portugal, Francia, Inglaterra, Suíza, Alemaña, Hungría, Eslovaquia, Brasil, Perú e Panamá. Principal promotor e coordinador técnico da restauración crítica do órgano histórico Almeida e Silva (1787) en Diamantina, Brasil, foi galardoado coa Medalla de Honra Presidente Juscelino Kubitschek. Coa soprano Rosana Orsini, gravou o disco Angels and Mermaids: religious music in Oporto and Santiago de Compostela (Arkhé Music, Portugal, 2016), así como o disco Sacred Belcanto (Castelpor, Portugal, 2020), con Rosana Orsini e o tenor Luciano Botelho. O seu disco Zipoli in Diamantina: Complete organ works (Paraty, Francia, 2020) foi amplamente eloxiado pola prensa especializada internacional. Dende 2015 é director artístico do FIO – Festival Internacional de Órgano de Vila Nova de Famalicão e Santo Tirso, Portugal.