4 de xuño 2022

XLIX Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 4 de xuño de 2022  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

MUSIca ALcheMIca

 Lina Tur Bonet, violín e dirección

 

 

 
 
 
 
 

 

MUSIca ALcheMIca

Valerio Losito, violín

Oriol Aymat, violonchelo

Jadran Duncumb, arquilaúde

Marta Graziolino, arpa barroca

Diego Ares, clave

Lina Tur Bonet, violín e dirección

 

 

 

Programa:  A Beleza / Biber 1681

Dario Castello (1602-1631)

  • Sonata X en re menor

 Giovanni Girolamo Kapsperger (1580-1651)

  • Ballo primo (Libro quarto d’intavolatura di Chitarrone, 1640)

H.I.F. von Biber (1644-1704)

  • Sonata VI en Do menor, C 143 – 1681 (con scordatura)

———————————————– 

 Paolo Cima (c. 1570 – 1630)

  • Sonata Seconda

 Bernardo Pasquini (1637-1710)

  • Toccata con lo scherzo del cucco

 Dietrich Buxtehude (1637-1707)

  • Ciaccona

 Johann Paul von Westhoff (1656-1705)

  • Imitazione dil liuto

Andrea Falconiero (1585-1656)

  • Folías “feitas para a miña señora Doña Tarolilla de Carallenos”

 

 


A Beleza / Biber 1681

 Como eloxio do violín como instrumento solista ten moito que ver co que se deu en chamar Stylus Fantasticus, xénero que xorde no norte de Italia e que axiña se estende por Austria e Alemaña. Poucas veces na historia o compositor gozou de tanta liberdade para expresar os seus sentimentos e para desenvolver o seu enxeño como neste período. Por iso resulta tan cativadora esta música que, por desgraza, segue sendo unha gran descoñecida para boa parte dos melómanos.

O programa A Beleza/Biber 1681 inclúe obras diversas dese Stylus Fantasticus, do primeiro barroco e tamén Sonatas dun dos grandes virtuosos do violín e quen consolidou o seu protagonismo como instrumento solista, o bohemio H.I.F. von Biber. Unha combinación de música proveniente de dous dos focos máis activos nesta época: Italia e o centro de Europa. Trátase dunha recompilación do que se poderían chamar «as músicas máis belas que foron escritas», e nela intercálanse as famosas Folías, Passacaglie e Ciaccone con algunhas outras Bizzarrie ou obras que pretenden, cos seus simbolismos e sonoridades, asombrar e embelesar ao oínte. Imitacións doutros instrumentos, scordature de violíns afinados de diferente maneira, loucuras en forma de música case dionisíaca e passacaglie celestiais… Unha verdadeira exuberancia de sons para os sentidos dunha época que anhelaba, ante todo, conmover a alma e expresar ao máximo as paixóns humanas coa “música das esferas”.

Esta viaxe ao longo do século XVII mostra as pegadas da música cruzando fronteiras: xunto ao milanés Paolo Cima e o toscano Bernardo Pasquini encontramos a Dario Castello que traballou en Venecia e a quen se relaciona con Monteverdi. Estes italianos influíron enormemente na produción musical doutros países, incluso traballando intensamente neles, como é o caso de Andrea Falconiero, nacido no Nápoles do vicerreinado español e activo en España e Francia. Esta influencia pódese rastrexar en H.I.F. von Biber, un dos máis grandes e inspirados violinistas da historia, creador de gran cantidade de excelsas obras vocais e instrumentais, e que foi á súa vez mestre de músicos en Salzburgo. En Lübeck tamén encontramos a influencia doutro italiano, Corelli, en moitas obras do gran Dieterich Buxtehude, que alternan maxistralmente virtuosismo e desenvolvemento contrapuntístico. Tras séculos nos que a música do século XVII foi obviada e descoñecida, a recuperación nas últimas décadas da produción de magníficos compositores que, en constante experimentación e xogo, lograron expandir as capacidades expresivas e a fantasía de maneira desbordante, provocou unha auténtica paixón, quizais por algún tipo de similitude co acontecer e o sentir de hoxe. 

Nas notas do seu disco A Beleza escribe Lina Tur Bonet: “Fascinada dende o meu primeiro contacto co Stylus Fantasticus, quixen xuntar algunhas das músicas deste período máis belas que coñezo, nunha sorte de Vanitas que recorda o efémero, pero que tamén reivindica o importante da Beleza nos nosos días, como se cadra única salvación posible, como “lume de artificio cuxa contemplación nos inxecta a verdade”. Desexamos mostrar un órfico canto á natureza, e sobre todo a ese vínculo con ela que parecemos ter perdido. Este ramallete de músicas sobre o negro fondo do “século de ferro” representa as múltiples formas nas que a Beleza pode xurdir. Dende a antigüidade fálase de música mundana, esa que non oímos pero que subxace e sona da propia vibración dos corpos celestes, e a música humana, creada no noso mundo terreal e imperfecto, pero enormemente expresiva, un dos maiores logros da nosa especie. A arte en xeral era concibida como imitación e ata sublimación da natureza, unha natureza da que estamos cada vez más afastados, unha beleza que cada vez anhelamos máis por non ser xa algo sobreentendido nas nosas vidas, porque estamos esquecéndoa e maltratándoa. Oxalá puidese este disco ser un manifesto a favor da beleza e a preservación da natureza. Scheherazade contaba un conto cada noite para non morrer… creaba beleza para salvarse… quizais sexa máis necesaria hoxe ca nunca”.

 

Lina Tur Bonet, violín e dirección

Considerada pola prensa internacional polo seu virtuosismo combinado cunha musicalidade pouco común e a súa enerxía sobre o escenario, Lina Tur Bonet desenvolveu unha carreira versátil e persoal como violinista e directora.

O seu repertorio abarca máis de 400 anos de música, sempre cos instrumentos orixinais de cada época. Dende moi nova traballou con moitas das agrupacións máis recoñecidas da música barroca, romántica e contemporánea (Les Musiciens du Louvre, Les Arts Florissants, Mahler Chamber Orchestra e Orchestra Mozart Bologna baixo a dirección de Abbado, Harding, Gardiner, Clemencic, Minkowski, Christie, Currentzis, Gatti…), actuando en Sidney Opera, Lincoln Center, Bunkamura Hall, London Proms ou Berliner Philharmonie. Foi premiada en varios concursos internacionais como o Premio Bonporti.

Na actualidade, Lina recorre o mundo actuando como solista en salas e festivais como o Wigmore Hall London, Styriarte Graz, Musik Before 1800 New York, San Diego Early Music Festival, ORF Vienna, Concertgebouw Ámsterdan, Musashino Hall Tokyo, Residenzwoche Múnic, Early Music Saint Petersburg, Varna Festival, en Israel ou na Universidade de Yale, e como músico de cámara en Musikverein e Konzerthaus Viena e a Filharmónica de San Petersburgo.

Foi invitada como concertino polo Il Complesso Barocco, Orquestra do Liceo de Barcelona, Orquestra Nacional de España, Hofkapelle Múnic, Bach Consort Wien, Clemencic Consort, Concerto Köln, Palau de les Arts e Orqueste d’Auvergne, e como directora da Orquestra do Festival de Montreal, a Orquestra Barroca de Xerusalén, Vila Musica de Mainz e a Orquestra Vigo 430, entre outras moitas.

As súas gravacións como directora e solista (música de Vivaldi, Biber, Corelli, Jacquet de la Guerre, Bartok, Bach, Handel, Beethoven e música do Seicento) tiveron una grande acollida internacional, sendo elixidas mellor versión pola BBC, referencial para Gramophone, mellor versión para Radio France Musique e para Scherzo, recomendadas polas radios alemás Bayerische Ründfunk, Kulturradio Berlin e Südwestfunk. Obtivo numerosos galardóns de revistas de música, entre outros o prestixioso Diapason d’Or. O seu CD coas últimas Sonatas de Beethoven foi galardoado con 5* da Radio de Berlín.

Grava e interpreta música inédita de Vivaldi, Pisendel, Matteis, Leonardo Leo, Boxberg, Boccherini, Reynaldi, Montali e Brunetti, así como pezas contemporáneas escritas para ela. Elixida como artista especial  no Festival de Montreal en 2017 para interpretar a integral de violín solo de J.S. Bach, tocou todas as Sonatas do Rosario de Biber en España, Viena e Tokyo, así como concertos para violín e orquestra dende Vivaldi ata Bartok.

Durante a tempada 21-22 goza dunha dobre residencia no CNDM como intérprete individual e con MUSIca ALcheMIca que a levará a realizar xiras por España e Italia -incluíndo tres concertos no Auditorio Nacional de Madrid- cun repertorio que abarca dende o século XVII ata estreas absolutas de obras actuais escritas para ela.

Lina Tur Bonet é fundadora e directora da agrupación MUSIca ALcheMIca e docente na Escola Raíña Sofía de Madrid e na ESMUC de Barcelona.

 

MUSIca ALcheMIca

MUSIca ALcheMIca é un ensemble creado pola violinista Lina Tur Bonet durante a súa estadía en Viena, que debutou en Vila Musica Mainz e no Festival de Potsdam coa ópera Alessandro de Handel, dirixida por Alan Curtis.

O grupo, cuxa actividade se reparte entre Europa, América e Asia, conta sempre con músicos de primeira fila mundial como Marco Testori, Kenneth Weiss, Mauro Valli, Alexis Kossenko, Andy Ackerman, Giangiacomo Pinardi, Marco Ceccato ou Dani Espasa e nace da idea de interpretar músicas de todos os tempos, así como abordar proxectos multidisciplinares e pedagóxicos.

As gravacións de MUSIca AlcheMIca foron cualificadas como “mellor versión” no caso do op. V de Corelli pola BBC; “referenciais” as Sonatas do Rosario de Biber para a Revista Gramophone; “recomendados” os seus inéditos de Vivaldi pola Bayerische Rundfunk, SWR ou a Kulturradio Berlin; varias veces 5* e DIAPASON d’OR para La Bellezza… o que leva ao ensemble a actuar por toda Europa (Early Music Sant Petersburg, Potsdamer Festival), América do Sur e Tokyo. Foi gravado en vivo para a televisión xaponesa NHK, retransmitido en toda Asia, rescatando música inédita de Vivaldi, Pisendel, Matteis e compositores do clasicismo español. Tamén gravou música de Legrenzi, Biber, Bach e Haendel para a radio austríaca ORF. Os seus rexistros discográficos inclúen os cinco premiados CDs para Pan Classics.

MUSIca AlcheMIca actuou en Musashino Hall Tokyo, Brecize Festival, Potsdamer Festspiele, Early Music San Petersburgo, Festival Pórtico de Zamora, Roma, Teatro Cervantes de Londres, Música Antigua de Zaragoza, Música Sacra Madrid, Auditorio de Valladolid, Música Antigua de Álava, Brunnenthal Festival, Sala da Radio ORF de Viena, Teatro Carlos III do Escorial, FeMAP, Kartause Mauerbach Viena, Festival de Mahón, Festival de Chiquitos en Bolivia, e nos Festivais de Música Antiga en Santiago de Chile, Lima e Panamá.