XLIX SEMANA DE MÚSICA DO CORPUS – FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO 2022

21 de maio – Círculo das Artes – 20:30 h     

Accademia del Piacere & Fahmi Alqhai

Les violes du ciel et de l’enfer

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


25 de maio  – Círculo das Artes – 20:30 h

Trío Castelao

Sons de xuventude

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


26 de maio  –  Círculo das Artes –  20:30 h

Sofya Melikyan

Soños, xogos, fantasía… (Fauré, Franck, Mompou e Liszt)

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


28 de maio – Círculo das Artes –  20:30 h      

Orquestra Barroca Vigo 430

Lucie Horsch, frautas de pico  

Sophie de Bardonnèche, dirección

Concertos para frauta de Bach, Vivaldi e Sammartini

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


29 de maio – Círculo das Artes –  20:30 h

Ezgi Alhuda

Ensemble da Orquestra Sinfónica de Galicia

Massimo Spadano, director

Lieder e cancións de cámara. R. Strauss e G. Verdi

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


31 de maio – Conservatorio Prof. de Música Xoán Montes –  20:00 h

Jorge Jiménez

Rethinking Bach.    

As Variacións Goldberg transcritas para violín solo

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


2 de xuño – Círculo das Artes –  20:30 h

Patagonia Express Trío

Piazzolla: Ruta 100

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


4 de xuño – Círculo das Artes –  20:30 h

MUSIca ALcheMIca

Lina Tur Bonet, violín e dirección

A Beleza / Biber 1681

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


 8 de xuño – Círculo das Artes –  20:30 h

Carlos Mena

Concerto 1700

Daniel Pinteño, dirección

Bello Pastor: Cantadas para castrado na Capela Real

+info
Entrada gratuita ata esgotar localidades

 


 

Todos os concertos: entrada de balde ata esgotar as localidades

Entradas non numeradas. As localidades asignaranse por orde de chegada ao concerto.

 Descargar programa en pdf


  Organiza:


   

 

21 de maio 2022

XLIX Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 21 de maio de 2022  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Accademia del Piacere

 

 
 
 
 
 
 

 

Fahmi Alqhai, viola da gamba & dirección

Rami Alqhai,  viola da gamba

Johanna Rose, viola da gamba

Javier Núñez, clave

 

 

Programa:  LES VIOLES DU CIEL ET DE L’ENFER

Marin Marais (1656-1728)

  • Suite en re mineur (I livre de pièces à une et à deux violes)
  • Les Voix Humaines (II livre)
  • Couplets de folies (II livre)

Jean-Baptiste Forqueray (1699-1782)

  • Pièces à trois violes

Antoine Forqueray (1671-1745)

  • La Couperin [versión para clavicémbalo]
  • Chaconne. La Morangis ou La Plissay (III suite)

 Jean-Philippe Rameau (1683-1764)

  • Les Sauvages (Les indes galantes)

Accademia del Piacere

Fahmi Alqhai, dirección

LES VIOLES DU CIEL ET DE L’ENFER

 Cando en 1661 asume de forma efectiva o poder, Luís XIV non esqueceu os sucesos da Fronda que amargaron a súa nenez. Está por iso obsesionado coa orde e desexa por encima de todo controlar á algareira aristocracia do reino. Trala firma do Tratado dos Pireneos en 1659, Francia converteuse sen discusión na primeira potencia de Europa, e o rei non está disposto a renunciar ao futuro de grandeza que o novo contexto internacional lle augura. Por iso, por salvagardar a dignidade da súa maxestade nun entorno solemne e por ter baixo a súa man aos poderosos, decide trasladar a corte de París a Versalles, onde converterá o vello pavillón de caza que construíra décadas atrás o seu pai no máis suntuoso e impoñente palacio que puidese soñar xamais casa real ningunha.

Como se trataba ademais de impresionar ao visitante (sobre todo, se era estranxeiro), o rei non escatimou en gastos para atraer ata a súa nova residencia aos máis ilustres intelectuais e aos mellores artistas de Francia. Anos despois, no século de Luís XIV, Voltaire recordaría entusiasmado aquela confluencia de talentos:

É unha época digna da atención de tempos vindeiros aquela na que os heroes de Corneille e de Racine, as personaxes de Molière, as sinfonías de Lulli, novas para a nación, e (xa que aquí non se trata unicamente das artes) as voces de Bossuet e de Bourdaloue eran escoitadas por Luís XIV, Condé, Turenne, Colbert, e esta multitude de homes superiores. Non volverán os tempos en que un duque da Rochefoucauld, autor das Máximas, tras charlar con Pascal, se dirixise ao teatro de Corneille. Non houbo moitos xenios dende os fermosos días destes artistas ilustres; parece que a natureza descansou.

Neste fastoso ambiente, no que convivían a aristocracia de sangue e a da arte, había de se producir a finais do século XVII o encontro entre os dous máis grandes violagambistas que coñecesen os tempos. Marin Marais nacera en París en 1656, fillo dun humilde zapateiro, e formarase como neno de coro en Saint-Germain-l’Auxerrois antes de pasar uns meses xunto a Jean de Sainte-Colombe, o gran mestre da viola francesa. Aos 20 anos estaba xa en Versalles coma membro da Academia Real de Música e na corte faría toda a súa carreira artística. Antoine de Forqueray era tamén parisiense, pero pertencía a unha familia de músicos. Nacido en 1671, chegou a Versalles con só 17 anos para formar parte da Chambre du Roy, encandeando a todos co seu delirante virtuosismo e provocando frecuentes altercados polo seu carácter colérico.

Marais e Forqueray chocaban en todo. O primeiro era un artesán con aspiracións de ascender na escala social e a clara vontade de deixar testemuño da súa arte, o que documentan principalmente os seus cinco libros de viola editados entre 1686 e 1725. O segundo, un altivo revolucionario da improvisación, que se xactaba de non ter escrito xamais unha nota. Marais presentábase como o herdeiro de toda unha tradición que fixera da viola un dos instrumentos máis nobres da Francia da súa época: as súas danzas e as súas pezas de carácter agrupadas por tonalidades en forma de suites estenderon o gusto polas edicións dedicadas ao instrumento nas primeiras décadas do setecentos. Forqueray desprezaba ata tal punto a letra impresa que se as súas pezas sobreviviron foi grazas ao seu fillo Jean-Baptiste, que as publicou postumamente en 1747. En Marais alentaba o espírito clásico. En Forqueray, o do exceso.

Ningún dos dous puido evitar en calquera caso o declive da viola, que era xa moi acentuado en 1740, o ano en que Hubert le Blanc publicou o seu famoso tratado en defensa do instrumento no que recordaba os anos gloriosos en que as rodas artísticas parisienses eran un formigueiro de chismes e noticias en torno a eses dous grandes prodixios enfrontados, o doce Marais, “que tocaba como un anxo”, e o furioso Forqueray, “que o facía como un diaño”. Trescentos anos despois, o duelo continúa…

Pablo J. Vayón

  

ACCADEMIA DEL PIACERE

 A valentía dos seus innovadores proxectos e a forte personalidade artística do seu director fixeron de Accademia del Piacere o grupo de vangarda da música antiga española e un dos punteiros en Europa, grazas á súa concepción da música histórica como algo vivo, cheo de emocións que os seus músicos interiorizan como propias e transmiten ao espectador.

Nas súas gravacións para Alqhai & Alqhai e Glossa, Accademia del Piacere revelou novos matices en repertorios fundamentais da música histórica como o Seicento italiano, a música española do Renacemento (Rediscovering Spain) ou a escénica do Barroco hispano (Cantar de Amor, dedicado a Juan Hidalgo), e recibiu por iso recoñecementos como o Choc de Classica (Francia), o Prelude Award (Holanda) e o premio GEMA ao Mellor Grupo Barroco español en 2016. Accademia e Alqhai sorprenden ademais visitando territorios artísticos alleos ao historicismo, como nas idas e as voltas, xunto ao cantaor flamenco Arcángel, Giraldillo á Mellor Música da Bienal de Flamenco de Sevilla 2012.

Accademia del Piacere actuou nos escenarios máis prestixiosos da música clásica europea e mundial, como a nova Elbphilharmonie de Hamburgo, el Konzerthaus de Berlín e o de Viena, a Philharmonie de Colonia, a Fundação Gulbenkian de Lisboa, o Auditorio Nacional de Madrid e outros moitos de Holanda, México, Colombia, Francia, EUA, Xapón, Bélxica, Alemaña, Suíza, España, etc.

FAHMI ALQHAI

Fahmi Alqhai é hoxe considerado un dos máis importantes intérpretes de viola da gamba do mundo, e un dos maiores renovadores da interpretación da música antiga, grazas á súa concepción arriscada, persoal e comunicativa do achegamento aos repertorios históricos.

Nacido en Sevilla en 1976 de pai sirio e nai palestina, formouse en Sevilla e Suíza (Schola Cantorum Basiliensis e Conservatorio della Svizzera Italiana de Lugano) cos profesores Ventura Rico, Paolo Pandolfo e Vittorio Ghielmi. Traballou para conxuntos e directores de primeiro nivel (Jordi Savall, Ton Koopman, Pedro Memelsdorff, Uri Caine…).

Focalizada xa a súa carreira cara á súa vertente solista e o seu conxunto, Accademia del Piacere, Fahmi Alqhai dirixiu innovadoras gravacións para Glossa (Rediscovering Spain, Cantar de Amor…) que recibiron importantes recoñecementos a nivel mundial, mesmo fóra do ámbito das músicas históricas, como o Giraldillo á Mellor Música da Bienal de Flamenco de Sevilla 2012 por Las idas y las vueltas – o seu cuarto CD -, xunto ao cantaor Arcángel, e o Giraldillo 2016 á Innovación por Diálogos, xunto a Rocío Márquez.

En 2014 Alqhai presenta o seu primeiro CD a solo, A piacere, cuxa renovadora concepción da viola da gamba recibe unha excelente acollida en toda Europa. Para a revista británica Gramophone é un disco «extraordinario» que «leva a viola da gamba a un novo terreo de gozoso potencial», e «un feliz tributo a todo o que a viola puido ser, e pode aínda ser». Con el xira por Xapón e EUA, tras dirixir a Accademia del Piacere nas salas de concerto máis importantes do mundo, como o Konzerthaus de Viena e o de Berlín, a nova Elbphilharmonie de Hamburgo, a Philharmonie de Colonia (Alemaña), a Fundación Gulbenkian de Lisboa (Portugal), o Auditorio Nacional de Madrid (España) e moitos outros escenarios de Holanda, México, Colombia, Suíza, Francia, Italia… En 2016 presenta o seu traballo máis persoal como solista, The Bach Album, para o selo Glossa, Disco Excepcional para Scherzo.

Dende 2009 é director artístico do FeMÀS, Festival de Música Antiga de Sevilla.