27 de maio 2023

50 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 27 de maio de 2023  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Orquestra Sinfónica Vigo 430

Vicent Alberola, director
Iria Folgado, óboe

 

Programa:

Juan Eiras (1977-)

  • Quaderno di state

Richard Strauss (1864-1949)

  • Concerto para óboe e orquestra en re maior, Op. 144

Dmitri Shostakóvich (1906-1975)

  • Sinfonía nº 9, Op. 70

 


 

Orquestra Vigo 430

 Comeza a funcionar no ano 2005, coa premisa de crear un núcleo de corda de calidade na cidade de Vigo para, xa a partir do 2009, abordar progresivamente repertorio sinfónico. Nos seus inicios foi coñecida como Ensemble Vigo 430 debido ao seu interese en potenciar precisamente ese núcleo de corda e no que a presenza das seccións de vento era mínima e os programas a abordar moi centrados na música para orquestra de cámara do clasicismo e o Barroco pero con incursións tamén na música contemporánea. A partir do 2009 comezan a incluírse repertorios para orquestra completa, centrándose as súas programacións dende ese momento neste tipo de composicións e pasando a configurarse un núcleo de ventos tamén estable. Cámbiase neste momento o nome a Orquestra Vigo 430 ao entenderse que responde mellor ao espírito e realidade da nova formación. No 2011 comezan a organizar os seus primeiros ciclos estables de música coa intención de configurar unha tempada musical.

Froito de todo este traballo de máis de quince anos é o recoñecemento recibido no 2014 ao ser galardoado o proxecto 430 cos Premios Martín Códax na categoría de Música Clásica e Contemporánea. A partir do 2015 comeza a súa andaina como orquestra residente do Auditorio Mar de Vigo e consolidando dende entón unha tempada de concertos anual.

Vicent Alberola

Vicent Alberola é un dos músicos españois máis recoñecidos a nivel internacional pola súa longa traxectoria como clarinetista e director de orquestra. Realizou os seus estudos con Walter Boeykens no Conservatorio Real de Amberes, Bélxica, e ao mesmo tempo con George Pieterson (Royal Concertgebouw Orchestra) e Larry Combs (Chicago Symphony Orchestra).

Durante máis de vinte anos, Alberola foi clarinete principal da Ópera de Madrid e a Sinfónica de Galicia. Na última década, foi invitado como clarinete solista pola Royal Concertgebouw Orchestra, New York Philharmonic Orchestra, Lucerne Festival Orchestra, MMCK de Tokio, World Orchestra for Peace (WOP), Radio Danesa de Copenhague e a Camerata de Berna, agrupacións coas que tivo a oportunidade de interpretar o gran repertorio sinfónico baixo a batuta de mestres como Claudio Abbado, Mariss Jansons, Riccardo Muti, Daniele Gatti, Daniel Harding, Andris Nelsons, Gustavo Dudamel e Alan Gilbert Nicola Luisotti, entre outros. Actualmente é clarinete principal da Mahler Chamber Orchestra e da orquestra Les Dissonances de París.

A súa vocación como director descubriríaa en 1996 coa Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, da que foi director artístico durante oito anos. En 2003 foi nomeado director da Orquestra Xuvenil da Ópera de Madrid e en 2007 director da Xove Orquestra Sinfónica de Soria.

Dirixiu outras grandes orquestras como o Ensemble MusicAeterna de Teodor Currentzis, un dos seus mentores na dirección de orquestra, e recentemente foi aclamado pola crítica tras dirixir a Mahler Chamber Orchestra no prestixioso Beijing Music Festival 2019.

En España dirixiu a Orquestra do Vallès, Orquestra Sinfónica de Valencia, Orquestra Sinfónica de Valladolid, Orquestra Sinfónica de Madrid, Xove Orquestra Nacional de España e Orquestra Xove de Galicia, entre moitas outras.

Vicent Alberola dirixiu a Sinfónica de Madrid no Teatro Real nas seguintes óperas: Rita de G. Donizetti, La Bohème de G. Puccini, Don Giovanni de W. A. Mozart, Perséfone de I. Stravinski, O gato con botas de X. Montsalvatge, Iolanta de P. I. Chaikovski, Macbeth de G. Verdi e máis recentemente L’Elisir d’amore de G. Donizetti.

Foi invitado como profesor por todo o mundo e actualmente centra a súa actividade pedagóxica na Escola Superior de Música de Alto Rendemento de Valencia, cidade onde reside e é Director Artístico de MMCV (Music Masters Course Valencia).

Iria Folgado, óboe

Iria Folgado Dopico naceu en San Sadurniño, Galicia, en 1996. Inicia os seus estudos á idade de 9 anos no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño en Ferrol e cursa dous anos de Especialización Instrumental na Escola de Altos Estudos de Santiago de Compostela con Christina Dominik. Ao mesmo tempo, tomará clases regularmente co solista de óboe da Sinfónica de Galicia, Casey Hill. Realiza os seus estudos superiores de música na Hochschule für Musik Hanns Eisler co profesor Dominik Wollenweber, para a que recibiu unha bolsa de estudos por concurso, pola Deputación Provincial da Coruña en 2014 e 2017, coa bolsa Alexander von Humboldt Foundation en 2015 e coa bolsa de Excelencia Musical do Consorcio da Promoción da Música da Coruña en 2016 e 2018.

Formou parte como membro da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, EUYWO, Gustav Mahler Jungendorchester, NJO, Junge Deutsche Philharmonie. Colabora con orquestras profesionais como Staatsoper Hannover, Orquestra Sinfónica de Galicia, Spira Mirabilis ou como Hr-Sinfonieorchester Frankfurt. Participou en numerosos festivais como Zermatt Festival, Moritzburg Festival, Gustav Mahler Academy, Encontro de Música e Academia de Santander, Clasclas Festival e Pacific Music Festival en Xapón.

Participou no prestixioso concurso International Competition for Oboe of Japan en 2018, celebrado en Tokio e na Prague Spring International Music Competition 2019, alcanzando a semifinal.

Actualmente realiza o Máster de Interpretación Musical en Hochschule für Musik Hanns Eisler Berlín e Academista en Karajan-Akademie der Berliner Philharmoniker. Dende a tempada 2020-2021 é corno inglés solista na Konzerthaus Orchester de Berlín.

Juan Eiras

Natural de Vigo (1977), estudou piano e composición, realizando posteriormente estudos de posgraduado en Composición con José María Sánchez-Verdú, —Conservatorio Superior de Música de Aragón—, e un máster en Investigación Musical na Universidade Internacional da Rioxa (UNIR). Ampliou a súa formación cos compositores Antón García Abril, Albert Sardá, Christophe Havel, Arnau Bataller, Nacho de Paz, Héctor Parra, Philippe Hurel, Fabián Panisello, Agustín Charles, Alberto Posadas, Mauricio Sotelo, José Manuel López López, Ivan Fedele, Beat Furrer, Salvatore Sciarrino, Luis de Pablo, Sofía Gubaidulina e Helmut Lachenmann, entre outros.

Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos premios e recoñecementos, como o primeiro premio no III Concurso Internacional de Composición para Música de Cámara —Arturo Dúo Vital (2014, Fundación Botín), o primeiro premio no V Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica (2012, Xunta de Galicia e FGBMP), premio na Convocatoria para xoves compositores (2012, Plural Ensemble) ou o premio no III Concurso de Composición para Grupo de Cámara— Agustín Ramos (2018, Candelaria, Santa Cruz de Tenerife), entre outros.

Juan Eiras é un dos talentos galegos con maior proxección, incluído segundo o doutor e catedrático Roberto Relova “dentro da Xeración Sensible de novos compositores galegos». As súas obras foron interpretadas por algúns dos músicos e formacións máis prestixiosas, como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Vigo 430, o Taller Atlántico Contemporáneo, o Plural Ensemble ou OCAZ Enigma, entre outros.