Uri Caine – 24 de maio

XLVI Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Xoves, 24 de maio de 2018  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Uri Caine

piano

 Programa: 

The World of Yesterday: The (Lost) Soul of Europe

 

Uri Caine

 O pianista Uri Caine (Filadelfia, 1956) é un músico tan fantástico como inclasificable e un dos intérpretes máis versátiles dos últimos anos. De formación tanto clásica como jazzística, o seu traballo ten sempre un profundo compromiso coa busca de novas sonoridades e emocións, con novas lecturas contemporáneas fronte ao enorme peso da historia de música. Dende esa inspiración, Caine propón diálogos con obras de compositores como Bach, Beethoven, Wagner ou Mahler, nomes esenciais no imaxinario musical deste artista único, sendo capaz de condensar todas estas músicas nun discurso de notas improvisadas. Esta é só unha das razóns polas que cada un dos seus concertos é diferente e completamente inesquecible. Os seus concertos a piano solo son verdadeiras viaxes a través da historia da música onde poden confluír dende Scarlatti e Mozart, ata Thelonious Monk, Art Tatum, John Zorn e The Beatles cunha naturalidade asombrosa. Poucos músicos teñen a capacidade de converter un concerto de piano nunha odisea de sensacións repleta de referencias comúns cunha personalidade tan propia e co factor sorpresa como unha constante. O pianista de Filadelfia, malia que experimentou ao longo dunha dilatada traxectoria con todo tipo de ensembles, realmente non require de compaña ningunha para exhibir toda a súa intelixencia musical. Dende a humildade e o entusiasmo Caine bebe de maneira natural tanto no academicismo como no escepticismo e a descrenza nel mesmo. E así o pianista expresa a dose xusta de deferencia polos clásicos para proclamarse como unha figura de transición, como un músico na encrucillada, admirado e recoñecido tanto no ámbito do jazz como no da música clásica, se ben non de todo asimilado por ningunha das dúas escenas. E de aí o seu atractivo: Caine, grazas á mestizaxe, converte a súa música nalgo universal e aberto para todos os públicos porque realmente non pertence a ningún.

 
Uri Caine comeza a estudar piano con Bernard Peiffer e estudou máis tarde composición musical con George Rochberg e George Crumb na Universidade de Pensilvania ao mesmo tempo que tocaba polas noites nos clubs de jazz desta cidade. Dende que se traslada a Nova York Caine gravou máis de 20 discos como líder de grupo nos que destacan as deconstrucións das composicións de Mahler, Wagner, Beethoven, Bach e Schumann. 

Recibiu encargos de Vienna Volksoper, The Seattle Chamber Players, Relache, The Beaux Arts Trio, The Basel Chamber Orchestra, Concerto Koln e da American Composers Orchestra. Foi o director musical da Bienal de Venecia no 2003. Presentou a súa versión das Variacións Diabelli acompañado por orquestras tales como a Cleveland Orchestra, a Orquestra de Cámara de Moscova, a Orquestra da BBC e a Orquestra de Cámara Sueca. Entre 2006 e 2009 é compositor residente para a Orquestra de Cámara dos Ánxeles coa que estrea o seu concerto para dous pianos e Orquestra de Cámara con Jeffrey Kahane en maio do 2006. En 2009 foi nomeado para un Grammy Award polo seu The Othello Syndrome

Durante os últimos anos, Caine traballou en grupos dirixidos por Don Byron, Dave Douglas, John Zorn, Terry Gibbs e Buddy DeFranco e tamén podemos sinalar as súas colaboracións ao longo da súa carreira con músicos como Philly Joe Jones, Hank Mobley, Johnny Coles, Mickey Roker, Odean Pope, Clark Terry, Rashid Ali, Arto Lindsay, Sam Rivers, The Woody Herman BaNd, Annie Ross, the Enja Band, Global Theory e The Master Musicians of Jajouka. Recibiu axudas de Pennsylvania Council on the Arts, The National Endowment for the Arts e da Fundación Pew.

Traballou en moitos festivais de jazz incluíndo o North Sea Jazz Festival, Montreal Jazz Festival, Monterey Jazz Festival, JVC Festival, Festival de Jazz de San Sebastián, Newport Jazz Festival, así como de festivais clásicos tales como o Festival de Salzburgo, a Ópera de Múnic, o Festival de Holanda, o Festival de Israel e o ciclo Great Performers do Lincoln Center.

 

O Mundo de Onte: The (Lost) Soul of Europe

The world of Yesterday: The [Lost] Soul of Europe foi estreada na última edición do Festival de Música Sacra de Madrid (2017) respondendo a un encargo do propio festival. Baixo ese título, tomado prestado dunha das obras capitais de Stefan Zweig e da literatura do século XX, o concerto ofrece a certeira e aguda visión de Caine sobre a perda, esperemos que non irreparable, do que para el seguen representando os valores da cultura europea. Esa cultura que encarnaba o espírito común que anhelaba Zweig para todos os europeos e que hoxe, un século despois, parece estar aínda máis lonxe de alcanzar.

O mundo de onte: memorias dun europeo, a autobiografía do vienés, serve a Caine como suxestión conceptual, como inspiración para unha longa improvisación a medio camiño entre a música clásica, o jazz e a canción popular norteamericana. Agora, en 2018, revisitar a Zweig, posiblemente un dos intelectuais que mellor retrataron a convulsión e a angustia vital dos anos máis escuros do pasado recente, desafortunadamente ten máis sentido do que nos gustaría. Caine desta maneira pretende expresar o seu particular berro reivindicativo dende a música confiando no seu poder simbólico e cultural, no seu poder como xeradora de sentimentos e escenarios comúns.

Stefan Zweig escribiu que xamais se dera tanta importancia a si mesmo como para sentir a tentación de contar a historia da súa vida. Pero finalmente fíxoo nese libro titulado O Mundo de Onte. Son as súas memorias. Un relato limpo, cristalino, desolador da Europa de entreguerras onde Zweig conta como o seu mundo se lle derrubou non unha, senón dúas veces, sen aparente explicación. Aquilo levouno ao suicidio en Petrópolis (Brasil), en 1942, sen que vise indicio de solución para librarse das gadoupas do totalitarismo. Entre os recordos de Stefan Zweig da decadente e impoñente Austria que o viu derrubarse, hai pasaxes que dan unha idea do seu carácter catalizador. Non só a súa casa serviu de refuxio a eminentes homes de letras como Thomas Mann, James Joyce, Paul Valery, Franz Werfel ou Hugo von Hoffmasthal, senón tamén para os músicos cos que tratou en vida. Toda unha brillante xeración de creadores como Richard Strauss, Gustav Mahler, Bela Bartok, Ravel, Alban Berg ou Arturo Toscanini. Algúns deles, como o eminente director de orquestra italiano, lograron aportarlle esperanza: “Con el podíase volver crer no mundo, na humanidade”, escribe Zweig.

 

“É un libro asombroso, onde en cada momento, cando podes no teu interior desexar o mellor, en cambio, temes o peor. E agora, en Estados Unidos de América, acabado de chegar de Nova York, como estou, con Trump alí, resultoume esencial para entender”, afirmou Caine en Madrid antes da estrea. Entender que non hai que dar nada por sentado, que todo se revela fráxil, ameazado, inconsistente, volátil. As raíces xudías de Caine, proveniente de superviventes lituanos, revolvéronse trala chegada de Trump. “Eu crecín escoitando historias de inmigrantes, refuxiados e superviventes. Historias traumáticas para un neno pero que conformaron o meu país tal como é. Tamén entón sufriron para entrar e verse aceptados. Pero finalmente puideron labrar un futuro. Todo ese retroceso é o que empezamos a vivir agora de maneira incomprensible”.