25 de maio 2024

51 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 25 de maio de 2024  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

NOTOS QUARTETT

Sindri Lederer, violín
Andrea Burger, viola
Philip Graham, violonchelo
Antonia Köster, piano

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Programa:

Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)

  • Cuarteto con piano nº 2 en mi bemol maior, KV 493

Bryce Dessner (1976)

  • El Chan

Johannes Brahms (1833-1897)

  • Cuarteto con piano nº 2 en la maior, op. 26

 


 

Notos Quartett

O Notos Quartett é un cuarteto con piano de referencia internacional no circuíto camerístico e un dos poucos conxuntos estables con esta formación. O público e os críticos alaban o seu “brillo virtuoso, profundidade e perfección técnica”, así como “o sentido do balance e a conxunción, que permite escoitar calquera detalle da composición”. (Fono Forum)

Dende a súa fundación no ano 2007, o Cuarteto Notos recibiu seis primeiros premios e numerosos premios especiais en concursos internacionais en Holanda, Italia, Inglaterra e China. Actúa habitualmente nas salas de concerto europeas máis importantes como a Filharmonía de Berlín, Konzerthaus Berlín, Wigmore Hall Londres, Concertgebouw Ámsterdan, Tonhalle Zurich, BOZAR Bruxelas, Teatro la Fenice Venecia e nos grandes festivais do Rheingau, Mecklenburg-Vorpommern e Montpellier Radio France, etc., realizando xiras en Rusia, Australia, Sudáfrica, China, Xapón e Hong Kong.

A súa visión consiste en interpretar as obras mestras coñecidas, revelar tesouros perdidos e esquecidos e defender as novas composicións para o xénero único do cuarteto con piano. Así, o Cuarteto Notos concede grande importancia á creación e interpretación da música contemporánea e realizou a estrea mundial de composicións dedicadas ao conxunto. Así, compositores como Beat Furrer, Bernhard Gander, Garth Knox e Bryce Dessner, entre outros, escribiron novos cuartetos con piano para o Notos.

Ata hoxe Notos Quartett gravou tres aclamados discos con Sony Classical. O seu álbum de debut Hungarian Treasures (2017) inclúe a estrea mundial do Cuarteto con piano op. 20 de Bela Bartok, un redescubrimento polo que o conxunto recibiu grandes eloxios internacionais. A súa segunda gravación está dedicada integramente ao gran romántico Johannes Brahms, co seu famoso Cuarteto para piano op. 25 en sol menor e un arranxo da súa Sinfonía n. 3 realizado por Andreas N. Tarkmann e escrito especialmente para o cuarteto. No seu terceiro disco Paris Bar, publicado en marzo 2022, figuran obras dos compositores Jean Françaix, Alexandre Tansman e László Lajtha, incluíndo a primeira gravación mundial do Cuarteto con piano de Lajtha.

Notas

 O concepto de música de cámara tal como na actualidade o entendemos estandarízase e instáurase a mediados do século XVIII. Na súa aspiración pola máxima perfección, os autores enfróntanse ao reto de combinar os instrumentos de forma harmoniosa e transparente, despregando un equilibrio tímbrico e tonal que capture a esencia de cada nota. Calquera elemento redundante será eliminado, cada nota escrita será escoitada. Así mesmo, prodúcese unha expansión na exploración das posibilidades técnicas de cada instrumento. Neste aspecto, é crucial o desenvolvemento do pianoforte, que permite que os instrumentos de tecla se emancipen do seu papel de acompañantes ou baixo continuo. Todo este proceso culmina coa emerxencia do período clásico, no cal a música de Mozart constitúe un exemplo preeminente. Os seus dous cuartetos con piano pertencen ao seu período maduro, sendo contemporáneos de obras de madurez como a Sonata para piano K.547 ou o Cuarteto K.465. Para Mozart, a aparición do pianoforte, co seu amplo rango tonal e as súas inéditas posibilidades dinámicas, resulta crucial. Non é sorprendente que nestes cuartetos, o piano desempeñe un papel protagonista na presentación e o desenvolvemento do material temático, pero ao mesmo tempo, a combinación co trío de corda constitúe unha oportunidade única para dar vida a un tratamento temático máis rico e da máxima expresividade.

Tradicionalmente, e así aparece na maioría das fontes dispoñibles, asumiuse  que os dous cuartetos con piano de Mozart, a pesar do seu carácter accesible e desenfadado, recibiron o rexeitamento do público vienés pola súa presunta complexidade para a época. De feito, aínda que hipoteticamente xorden en 1785 como un encargo de seis cuartetos realizado polo editor e compositor Franz Hoffmeister, a serie reduciuse a dous. Incluso, chegouse a suxerir que o Cuarteto con piano nº 2, publicado por Artaria en 1787, exhibía un estilo máis moderado, como resultado do intento de Mozart por adaptarse ao gusto do público e ás demandas do mercado. Non obstante, o exhaustivo estudo de Rupert Ridgewell, Mitoloxía biográfica sobre a publicación dos Cuartetos con piano de Mozart, publicado no ano 2010, conclúe que o K.493 probablemente nunca foi destinado para a serie de subscricións de Hoffmeister, nin foi parcialmente editado por el. De acordo ás súas investigacións, o cuarteto foi composto para un encargo descoñecido antes de que Mozart vendese os manuscritos a Artaria a finais de 1786. É probable que o cuarteto fose concibido como unha peza complementaria ao Cuarteto nº 1 en sol menor de cara a unha interpretación pública de ambos os dous cuartetos en un só concerto, reflexo da preferencia de Mozart, na súa etapa vienesa, cara a participar como violista nos seus concertos de cámara.

O primeiro movemento, Allegro, ten forma de sonata e caracterízase polo seu ton brillante e enérxico, abríndose cun enérxico tutti que establece o ton de todo o movemento. Pero axiña o discurso musical divídese nun par de subconxuntos autosuficientes: o piano e o trío de cordas, xerándose un animado diálogo entre a rotundidade brillante e precisa do piano e a áspera calidez das cordas. O Larghetto constrúese sobre un adagio de forma ternaria, cunha contrastante sección central, plena de expresividade. O Allegretto é un rondó de ritmo moderado no que o trío de cordas goza dunha maior liberdade. Rebordante de solos, dúos e xogos contrapuntísticos, retoma a atmosfera do primeiro movemento, para culminar de forma brillante unha obra que demostra a mestría de Mozart na integración dos instrumentos e na exploración de combinacións musicais case inéditas no seu tempo.

Un salto temporal de vertixe, dende o clasicismo de Mozart ata o minimalismo de Bryce Dessner (1976), subliña como o cuarteto con piano mantivo a súa relevancia e versatilidade durante case 250 anos, evolucionando de forma continua, pero ao mesmo tempo preservando os seus caracteres esenciais. Dessner segue a estela dos minimalistas norteamericanos, dende unha posición moi persoal, fortemente enraizado no seu compromiso coa música rock, campo no que destacou como creador e guitarrista da banda The National. Estamos ante un creador que escapa a calquera clasificación convencional, encontrándose nun proceso incesante de transformación e expansión.

O Chan responde a un encargo da Britten Sinfonia e o Wigmore Hall no 2016. O compositor invítanos a entender mellor a súa obra, proporcionando unha descrición precisa e detallada do seu nacemento: “Esta peza foi composta como un regalo para o meu amigo e colaborador Alejandro González Iñárritu e a súa dona María Eladia Hagerman durante a estadía na súa casa de San Miguel de Allende en México en xaneiro de 2016. Enclavado nos canóns das aforas de San Miguel, O Charco do Enxeño é un charco de auga que foi fonte de lendas populares durante moitos séculos, así como a principal fonte de auga da zona. O Chan é o seu espírito gardián, un ser mítico do inframundo que habita nas misteriosas augas e amosa os seus terribles poderes a quen se atreve a achegarse. O estanque cambia de color ao longo do ano e aliméntase dun manancial que é unha das últimas fontes de auga natural da zona. A miña obra inspírase na beleza natural da cidade natal de Alejandro e no escondido poder da natureza nesta serena paisaxe.”

Estruturado en sete breves movementos, destaca polo seu estilo minimalista e pola integración de elementos tradicionais e modernos. Cada segmento reflicte diversos aspectos que comprenden dende o relaxante entorno acuático aos contornos máis ásperos e disonantes da rochosa paisaxe. O primeiro movemento introduce unha atmosfera evocadora e delicada que gradualmente se torna máis inquietante. Esta evoluciona no segundo movemento cara a unha quietude case absoluta, creando un espazo sonoro onde o tempo parece deterse. O terceiro movemento, bebe do legado de John Adams e Steve Reich, explorando estruturas repetitivas e patróns rítmicos que son fundamentais no minimalismo. O central cuarto movemento recupera a expresión máis íntima e persoal, pero só transitoriamente, pois o ligetiano quinto movemento desprega un torrente de ritmos sincopados e un clímax dramático e desafiante. Os dous últimos movementos son imaxe especular dos dous iniciais, derivando a obra cara a unha conclusión profundamente emotiva que transmite unha perdurable sensación de introspección e beleza.

Ao longo do século XIX, o cuarteto con piano non só retivo a súa popularidade, senón que inspirou a algúns dos compositores máis eminentes de cada época. Figuras destacadas como Beethoven, Mendelssohn, Schumann, Dvorak e Fauré, e ata mesmo o xove Gustav Mahler, enriqueceron este xénero coas súas innovadoras contribucións. No contexto desta rica tradición, os tres cuartetos con piano de Johannes Brahms consolidáronse como compoñentes cruciais da súa obra camerística, evidenciando a súa habilidade para fusionar técnica e emoción de maneira maxistral.

Cuarteto para piano e cordas n.º 2, en la maior, op. 26 foi escrito por xove Brahms na súa cidade natal de Hamburgo, no outono de 1861, na mesma época que o seu Cuarteto para piano n.º 1 op. 25. Un período frutífero no que bosquexa a súa Primeira Sinfonía e Un Réquiem alemán e conclúe as Variacións Haendel, Op. 24. Durante o verano de 1861, Brahms residira na vila da familia Rösing, nas aforas de Hamburgo, onde encontrou un estimulante ambiente para traballar nas súas composicións e gozar das veladas musicais, nas que tocaba o piano a catro mans con Elisabeth Rösing, dedicataria do op. 26. Co outono trasladouse de volta á casa paterna, onde recibiu a visita de Clara Schumann e a súa filla, o cal amainou a súa frustración por no ser nomeado director da Filharmónica de Hamburgo, feito que foi decisivo para a súa marcha a Viena, onde emprendería unha nova e frutífera etapa.

O Cuarteto en la maior, Op. 26, é polo tanto unha das últimas composicións, do Brahms de Hamburgo. Non se sabe exactamente cando se estreou, pero antes de ser presentado en Viena o 29 de novembro de 1862, polo cuarteto de Hellmesberger, debeuse tocar en privado cara a finais de novembro de 1861 en Hamburgo. Ábrese cun amplo pero equilibrado Allegro non troppo, o cal nace dun schubertiano tema. Tras el, sen repetición da exposición, introdúcense tres breves temas: o tema inicial do piano, un expresivo segundo tema e un terceiro cualificado por Brahms como grazioso. O Poco adagio é un dos movementos lentos máis sublimes e inspirados de Brahms. Constrúese sobre dous nostálxicos episodios que delimitan unha atemporal sección central. O Scherzo é inusualmente moderado na súa expresión, sendo curiosamente o trío a pasaxe máis enérxica. O Finale constitúe un excelente exemplo da vena melódica húngara que tan a miúdo recorre a produción brahmsiana. Numerosos cambios de ánimo e espírito, evocadores dos momentos máis desenfadados da música de Schubert, conducen a unha coda tan extensa como abraiante, onde se explora a fondo a variada e sofisticada paleta dinámica e tímbrica do cuarteto con piano.

       Pablo Sánchez Quinteiro