50 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo
Xoves, 25 de maio de 2023 – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h
Pierre Hantaï
Pierre Hantaï, clave
Programa: Lembrando a Gustav Leonhardt
J. S Bach (1685 – 1750)
Klavierbüchlein für Wilhelm Friedemann Bach (selección)
Praludium da Suite en sol menor, BWV 995 (Trans. Gustav Leonhardt)
Sarabande e Bourrée da Partita en si menor, BWV 1002 (Trans. Gustav Leonhardt)
Gigue e double da Suite en do menor, BWV 997
Partita en re menor BWV 1004 (Trans. Gustav Leonhardt)
G. F. Händel (1685 – 1759)
Suite en re menor nº 3, HWV 428
J. S. Bach (1685 – 1750)
Partita nº 1 en sol bemol maior, BWV 825
Pierre Hantaï
Nacido en 1964, empezou a estudar música aos once anos. Deu as súas primeiras clases de clave con Arthur Haas e perfeccionou a súa formación durante dous anos en Ámsterdan con Gustav Leonhardt. Tras fundar un grupo de cámara cos seus irmáns (Hantaï Trío), empezou moi pronto a dar os seus primeiros recitais e o seu nome pasou a ser coñecido grazas á obtención de diversos premios internacionais, converténdose nun dos principais clavecinistas de referencia mundial.
Membro e solista da Petite Bande, colaborou tamén en concertos orquestrais e de música de cámara con directores como Philippe Herreweghe, Jordi Savall e Sigiswald Kuijken. Como solista, ofrece regularmente recitais en Europa, Estados Unidos de América e Xapón.
A súa discografía está integrada por obras de Gilles Farnaby, John Bull, Girolamo Frescobaldi, Johann Sebastian Bach, Domenico Scarlatti, e Wolfgang Amadeus Mozart, e encóntrase recollida nos selos Astrée-Audivis, Opus 11, Musidisc e Virgin Veritas. Algunhas destas gravacións foron distinguidas con premios tan importantes como o Charles Cros ou o Gramophone Award.
Gustav Leonhardt finou o 16 de xaneiro de 2012 aos oitenta e tres anos de idade deixando tras de si un legado incomparable. Auténtico pioneiro como clavecinista e como impulsor do movemento de interpretación historicista, legou como solista e director unha extensísima discografía que percorre a literatura musical europea dende o século XVI ao XVIII, así como unha forma de facer que estivo sempre presidida polo rigor e por unha austeridade case ascética.
Leonhardt foi un grande da música e os seus discípulos non o esquecen. Un dos máis brillantes, o parisiense Pierre Hantaï, dedícalle esta homenaxe cun repertorio moi singular, xa que está dedicado case enteiramente a Bach, pero un Bach visto a través das mans e a mente do homenaxeado, pois trátase, fundamentalmente, de transcricións deixadas polo propio Leonhardt. O mestre visto polo mestre. Constitúe un feliz reencontro de dous referentes indiscutibles na historia do clave, baixo a titánica sombra de Bach. Pero, máis alá diso, é tamén unha exploración metainterpretativa ancorada nunha práctica, como a da transcrición para tecla de obras orixinalmente destinadas a outros instrumentos, na que o Kantor foi así mesmo un consumado mestre. Hantaï volve a Bach a través do nume de Leonhardt, un dos seus principais preceptores, é difícil idear mellor tributo.