21 de maio 2024

51 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Martes, 21 de maio de 2024  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Dianto Reed Quintet

María González Bullón, óboe
Ovidi Martí Garasa, saxofón
María Losada Burgo, fagot
Erick Steven Rojas Toapanta, clarinete baixo
María Luisa Olmos Ros, clarinete

 

 
 
 
 
 
 

 

IDENTIDADES

A maxia do “Duende”

Programa: 

Primo Ish- Hurwitz (2001)
3 Preludios ao Amor Bruxo (2022)

– I

Isaac Albéniz (1860-1909)
Suite Española Op. 47 (1886). Arr. Hugo Bouma.

– Asturias
– Granada
– Sevilla
– Castilla

Enrique Granados (1867-1916)
Doce danzas españolas (1892). Arr. Arjan Linker.

– Oriental

Primo Ish- Hurwitz (2001)
3 Preludios ao Amor Bruxo (2022)

– II

Canción tradicional
El Cant del Ocells. Arr. Arjan Linker

Amadeo Vives (1871-1932)
Doña Francisquita (1923). Arr. Hugo Bouma.

– Fandango

Tomás Luis de Victoria (1548-1611)
Jesu dulcis memoria. Arr. Dianto Reed Quintet.

Manuel de Falla (1876-1946)
A vida breve. (1905). Arr. Arjan Linker.

– Danza española

Xoán Montes Capón (1840-1899)
Negra sombra (1892). Arr. Max Knigge.

Primo Ish- Hurwitz (2001)
3 Preludios ao Amor Bruxo (2022)

– III

Manuel de Falla (1876-1946)
Amor Bruxo. (1915). Arr. Hugo Bouma.

 


 Dianto Reed Quintet

  Dianto Reed Quintet é un grupo de cámara formado por cinco rapaces músicos españois residentes en Ámsterdan que, tras formarse en diferentes conservatorios superiores de España e formar parte de diversas orquestras xoves nacionais e internacionais (JONDE, EUYO, NJO, jongNBE), coinciden realizando os estudos de máster no Conservatorio de Ámsterdan. O nome Dianto toma o seu significado da palabra caravel en esperanto.

Gañadores do Concurso Juventudes Musicales de España 106ª convocatoria de cámara (2023), do XV Concurso Nacional de Cámara Villa de Cox (2022), do Grachtenfestival Conservatorium Concours (2021), do Storioni Concours (2021) e galardoados co premio do público no Dutch Classical Talent (2023), Dianto Reed Quintet ofrece un novo enfoque ao tradicional concerto de música de cámara, transformándoo nunha experiencia máis interactiva coa audiencia. Nas súas actuacións xógase cos contrastes e o elemento sorpresa, ademais de incluír escenografía e coreografías que axudan a crear unha maior conexión entre o público e os músicos.

Recentemente foron galardoados co premio Ensemble Emergente FestClásica 2024, ademais de ser seleccionados como artistas AIEnRUTa-Clásicos este mesmo ano. Estes dous recoñecementos, xunto coa súa presenza no circuíto Red de Músicas por gañar a última edición do concurso de Juventudes Musicales de España, fan que Dianto Reed Quintet estea moi presente no panorama musical español: realizarán concertos por gran parte do territorio español e os seus festivais máis destacados durante o 2024.

Dende a súa formación en 2020 realizan numerosas producións, entre as que se encontran proxectos propios e colaboracións con entidades como NJO Muziekzomer (Países Baixos), Jeunesse Musik Erleben (Austria), Philharmonie Luxembourg (Luxemburgo), ademais do seu proxecto Identidades, a maxia do “Duende” no que combinan música, poesía de Lorca e unha detallada posta en escena. Tamén foron seleccionados para formar parte da Oorkaan-Jeunesse Academy, un programa no que, ademais de traballar aspectos musicais, instrúese aos músicos noutras áreas culturais como teatro, mimo e danza, e incluíu unha xira de concertos por Austria en xaneiro de 2024. No seu último proxecto propio estreado en febreiro de 2024, Pour la Postérité, Dianto relaciona mediante arte visual e música a obra de Picasso con compositores como Stravinsky, Falla e Satie, que traballaron xunto ao pintor a través do empresario Sergei Diaghilev e os seus Ballets Russes. Ademais do uso de proxeccións, Dianto aposta unha vez máis neste proxecto por unha posta en escena rica, variada e dinámica, que reforza o aspecto musical e establece unha maior conexión co público.

Dianto Reed Quintet realiza actuacións en diferentes teatros e salas de concertos europeas, entre as que se inclúen Kleinezaal de Het Concertgebouw, Tivoli Vredenburg, ou Philharmonie Luxembourg, entre outras, ademais de participar en festivais internacionais como Grachtenfestival, Internationaal Kamermuziekfestival Schiermonnikoog (Países Baixos), Summerwinds Münsterland (Alemaña), Gent Festival Oost-Vlaanderen (Bélxica) ou Festival Internacional de Panticosa Tocando o Ceo (España). Ademais, Dianto Reed Quintet participa en prestixiosos programas de televisión e radio, como o Podium Witteman para a televisión holandesa, ou De Klassieken e Spiegelzaal Avrotros, emitido dende Het Concertgebouw para a NPOradio4.

 

IDENTIDADES

A maxia do “Duende”

 Identidades: A maxia do “Duende” é a proposta de concerto de Dianto Reed Quintet para a tempada 23/24. Un programa baseado en música española, co que Dianto invita á audiencia a encontrar e sentir o Duende, un sentimento indescritible que só pode ser alcanzado a través da arte.

O Duende non é algo tanxible ou que se poida expresar con palabras, senón algo que hai que encontrar e experimentar. Asóciase comunmente a arte española, e intenta reflectir a maxia que xorde de forma natural durante unha representación. O Duende é un concepto que vai máis alá da razón, que apela directamente ás emocións que o artista evoca no público mentres actúa.

O principal obxectivo de Identidades é levar o Duende a cada espectáculo. A música abarca dende o Renacemento español ata a actualidade, pasando por compositores de recoñecido prestixio como Manuel de Falla, Granados e Xoán Montes, entre outros. A única peza non española do programa é a escrita por Primo Ish-Hurwitz, está inspirada no Amor Bruxo e consta de tres movementos que se irán intercalando durante todo o espectáculo, actuando como fío condutor durante todo o concerto e que desemboca nesta icónica peza de Manuel de Falla.

 Identidades preséntase combinando música e unha aposta en escena dinámica e coreografiada, intentando unha conexión directa co público. Ademais, recítanse fragmentos da conferencia Teoría e Xogo do “Duende” do poeta Federico García Lorca na que trata de describir, de maneira poética, a súa visión persoal do Duende.

 

          Dianto Reed Quintet