50 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo
Venres, 9 de xuño de 2023 – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h
Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG)
Dima Slobodeniouk, director
Programa:
Franz Schubert (1797-1828)
- Sinfonía incompleta, D. 759
Steve Reich (1936-)
- Triple Quartet (versión para orquestra de corda)
Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)
- Sinfonía nº 29 en la maior, K. 201 (186a)
Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG)
Creada en 1992 polo Concello da Coruña, cidade en cuxo Palacio da Ópera ten a súa sede, a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube.
A OSG, cuxo director titular dende a tempada 2023-2024 é Roberto González-Monjas e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña dende a súa creación en 1998. Ademais, a súa presenza nacional e internacional foi constante, con concertos nas mellores salas en España e con varias xiras por Alemaña e Austria. En 2007 realizou unha xira por América do Sur —con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo—, a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.
Tanto para os seus concertos internacionais como para os seus programas de abono, a OSG conta con solistas como Anne-Sophie Mutter, Isabelle Faust, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Grigory Sokolov, Frank Peter Zimmermann, Maria Joao Pires, Elisabeth Leonskaja, Dmitri Sitkovetsky, Stefan Dohr, Alica Sara Ott, Gil Shaham, Sarah Chang, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Mischa Maisky, Javier Perianes ou Christian Lindberg entre outros moitos.
Con ela cantaron Bryn Terfell, Ewa Podles, Plácido Domingo, Juan Diego Flórez, Simon Estes, Leo Nucci, Alfredo Kraus, Teresa Berganza, Mattias Goerne, María Bayo, Ainhoa Arteta, Mirella Freni, Ann Murray, Amanda Roocroft, Ildar Abdrazakov, Hildegard Behrens, Eva Marton, Giuseppe Giacomini, Philip Langridge, Carlos Chausson, Raúl Giménez, Isabel Rey, Carlos Álvarez, Ana María Sánchez ou Giuseppe Sabbatini, e sempre baixo a batuta de mestres como Gutavo Dudamel, Lorin Maazel, Eliahu Inbal, Neville Marriner, Michail Jurowski, Ton Koopman, Guennadi Rozdestvenski, Libor Pesek, Maurizio Pollini, Christoph Eschenbach, James Judd, Stanislaw Skrowaczeski, Richard Egarr, Daniel Harding, Jesús López Cobos, Osmo Vänskä, Alberto Zedda, Yoav Talmi, Raymond Leppard, Carlo Rizzi, Josep Pons, John Nelson, Gianandrea Noseda, Ron Goodwin ou Manfred Honeck entre outros.
Na súa discografía para selos como Deutsche Gramophon, Sony, BIS, EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts figuran nomes como os de Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, Iván Martín, Manuel Barrueco —con quen foi nomeada ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—, María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons ou Ewa Podles entre outros.
A OSG converteu a súa canle de YouTube no máis visto do sector en España e un dos máis visitados a nivel europeo: con máis de cen mil subscritores os vídeos da OSG superan os trece millóns de visualizacións no último ano dende un total de 227 países. O éxito internacional da súa canle e as retransmisión en streaming HD iniciadas na tempada 2014-2015 supuxeron o seu nomeamento ao Classical: Next Innovation Award 2015.
A OSG foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega das Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.
A OSG está financiada polo Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
Dima Slobodeniouk, director
Dmitri «Dima» Slobodeniouk (Moscova, 1975) foi o director titular da Orquestra Sinfónica de Galicia dende 2013 ata a presente tempada, e dende o 2016 da Sinfonia Lahti. O seu estilo caracterízase pola fusión das tradicións musicais da súa Rusia natal e de Finlandia, onde está afincado.
Entre 1980 e 1989 estudou violín na Escola Central de Música da súa cidade natal con Zinaida Gilels e J. Chugajev, proseguindo os seus estudos no Conservatorio de Moscova dende 1989, no de Middle Finlands e na Sibelius-Akatemia de Helsinki, con Olga Parhomenko. Aos 16 anos, trasladouse a Finlandia, e en 1994 iniciou os seus estudos de dirección orquestral, e participou nas clases de Atso Almila en 1996 e en 1998, e continuou despois na Sibelius-Akatemia cos mestres Leif Segerstam, Jorma Panula e co propio Atso Almila. Tamén, estudou con Ilja Musinin e Esa-Pekka Salonen.
Entre o 2005 e o 2008, foi director titular da Oulu Sinfonia, á que dirixiu en concertos e producións operísticas, como Les Cuentes d’Hoffmann, Don Giovanni ou Orfeo ed Euridice, de Christoph Willibald Gluck. Na tempada 2009-2010, debutou coa Orquestra de París, e dirixiu tamén orquestras como a Orchestra della Svizzera Italiana de Lugano (Suíza), a Orchestre Philharmonique de Monte-Carlo (Francia), a City of Birmingham Symphony Orchestra e a Philharmonia Orchestra de Londres no Reino Unido, a Cincinnati Symphony Orchestra (Estados Unidos de América), a Oslo-Filharmonien e a Bergen Filharmoniske Orkester de Noruega, a Orquestra de París, a Orquestra Filharmónica de Holanda ou a Koninklijk Concertgebouworkest de Ámsterdan (Países Baixos).
Obtivo gran recoñecemento pola súa colaboración con compositores contemporáneos. Como froito desta colaboración, no 2009 presentou, sendo director artístico do Festival de Música Korsholm, as obras de Sebastian Fagerlund, nunha gravación realizada coa Göteborgs Symfoniker para o selo BIS Records. Tamén, estreou obras de Miriam Tally e Olli Kortegangas, e dirixiu á Stavanger Symfoniorkester con obras de Steve Reich. En maio do 2010, volveu dirixir, na Kungliga Operan de Estocolmo, a ópera Tosca, de Giacomo Puccini, despois de debutar na ópera sueca con Ognenny angel, de Serguéi Prokófiev.
O 2 de novembro do 2012, debutou á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) cun concerto no Palacio da Ópera da Coruña. O 13 de febreiro do 2013 foi presentado como director titular da OSG, cargo no que sucedeu a Víctor Pablo Pérez. O nomeamento de Slobodeniouk pola orquestra galega supuxo un impulso á presencia da OSG no ámbito internacional, así como unha aposta pola renovación do repertorio e a captación de novos públicos. O 4 de outubro do 2013, presentouse coa orquestra coruñesa como director titular.
Dende setembro do 2016, compaxina os postos de director artístico na Orquestra Sinfónica de Galicia e na Sinfonía Lahti en Lahti, Finlandia.