3 de xuño 2023

50 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 3 de xuño de 2023  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

La Bellemont

 

La Bellemont

Armelle Morvan, soprano
Pavel Amilcar, violín
Sara Ruiz, viola da gamba
Leonardo Bortolotto, viola da gamba
María Alejandra Saturno, viola da gamba
Ismael Campanero, violone
Rafael Muñoz, laúde
Laura Puerto, órgano

 

Choralfantasie

Johann Sebastian Bach (1685-1750)

Fantasie und Fugue g-moll BWV 542*

Johann Sebastian Bach

Vater unser in Himmelreich BWV 737* & BWV 683a*

Johann Pachelbel (1653-1706)

 Christ ist erstanden PWV1204

Johann Sebastian Bach

 Ach Herr, lass deine lieber Engelein BWV 245 nº 68

Franz Tunder (1614- 1667)

 Ach Herr, lass deine lieber Engelein

Johann Sebastian Bach

An Wasserflüssen Babylon BWV 653 b*

Johann Pachelbel

 Die freuderfüllten Abendstunden PWV1612

Silvius Leopold Weiss (1686-1750)

Ciaccona*

Johann Christoph Bach (1642-1703)

Mein Freund ist mein

Johann Sebastian Bach

Passacaglia c-moll BWV 582*

* Transcrición de Rafael Muñoz


 

Choralfantasie

 O coral protestante nace da necesidade de crear un repertorio musical adecuado para os ritos da igrexa luterana: nun principio, estes corais foron melodías sinxelas en lingua vernácula (alemán) que servían como himnos para a congregación. A partir do século XVI, estas melodías son tamén harmonizadas, xeralmente de maneira sobria e a catro partes. Johann Sebastian Bach harmonizou cerca de 400 e o coral luterano está presente en gran parte da súa obra, de maneira especialmente relevante nas súas composicións para órgano. A beleza sinxela destas melodías corais e a perfecta adecuación do texto a elas esporearon a prodixiosa imaxinación de Bach para crear obras coas que poder comunicar o simbolismo dos versos, a miúdo dando forma ás liñas musicais e á harmonía de acordo co significado das palabras (un recurso expresivo chamado figuralismo ou tone painting). O músico alemán usou os corais de moi diversas maneiras, de forma máis explícita ou ben máis escondida, con diversas instrumentacións e en contextos compositivos variados; así, poden aparecer harmonizados a catro voces, citados melodicamente no transcurso dunha obra, ou tamén de maneira máis desenvolvida, xerando a estrutura formal e o material temático dunha composición. Nos 170 corais que compuxo para órgano están representados todos os tipos coñecidos no Barroco: preludio coral, fuga coral, coral ornamentado, coral variado, fantasía coral… a maioría dos cales foran establecidos por predecesores como Pachelbel, Bohm, Reincken ou Buxtehude. Ademais, habituado a reelaborar diferentes materiais propios, Bach tamén realizou adaptacións e arranxos de varias das súas composicións que incluían corais, para ser usadas en contextos distintos ao orixinal; por exemplo, os corais Schübler, que son transcricións para órgano de arias dalgunhas das súas cantatas.

            O programa Choralfantasie construíuse en torno a este tipo de composicións do  barroco alemán, inspirándose na práctica musical bachiana do arranxo. É por iso que o elemento vertebrador do concerto son as transcricións que realizamos de varias obras para órgano de Bach: por un lado, as monumentais Fantasía e fuga BWV542 e Passacaglia BWV582 enmarcando o programa e, polo outro, catro pezas que teñen ao coral e as súas distintas elaboracións como protagonistas. Estas obras de órgano transcribíronse para o chamado consort alemán, unha formación instrumental barroca tipicamente xermana que se caracteriza por combinar un ou varios violíns por violas da gamba. A este consort súmanse a voz e, para realizar o baixo continuo, un órgano positivo e un laúde. Con este tipo de transcrición, a melodía coral destaca con claridade, cantada pola voz co seu texto orixinal e as liñas contrapuntísticas que a acompañan poden ser fraseadas e articuladas con maior sutileza e independencia, en comparación coa versión orixinal para órgano, ao ser tocadas cada unha por un instrumento. 

            O resto do programa complétase con obras de cámara con voz, interpretadas na súa instrumentación orixinal e compostas por organistas alemáns predecesores de Bach. Entre estes eliximos algúns dos que influíron de maneira máis notable no xove Johann Sebastian, como Johann Pachelbel ou o seu tío Johann Christoph Bach. Encontramos as formas musicais da aria, cantata e concerto sacro, todas inspiradas en modelos italianos e, neste caso, caracterizadas tamén por conter textos relixiosos relacionados co coral. Como forma derivada da danza, destaca a belísima chacona Mein Freund ist mein, pertencente a unha cantata de voda e preludiada nesta ocasión por outra chacona do célebre laudista S. L. Weiss.  Estas obras aportan diversidade ao concerto contrastando en tempo, textura ou afecto pero tamén aportan unidade e coherencia polas súas conexións coas de Bach en varios niveis: texto, tonalidade, ritmo, material temático, etc.

            A expresividade nobre e intensa deste repertorio, a súa capacidade para emocionar e a súa excelsa calidade musical fan que interpretalo sexa unha poderosa experiencia artística para o intérprete. Desexamos que tamén o poida ser para o oínte, gozando dunhas obras compostas nunha época na que a música era considerada un medio de comunicación artística profundo, ligada ao transcendental e consagrada á expresión dos afectos. 

 

La Bellemont

Tras 15 anos de traxectoria, La Bellemont situouse en España como un conxunto de referencia na interpretación da música barroca. Un nomeamento aos prestixiosos premios ICMA (International Classical Music Awards) e catro nomeamentos consecutivos como mellor grupo barroco nos premios GEMA de España avalan dita traxectoria. Os seus membros son colaboradores habituais en conxuntos españois e europeos de música antiga e desenvolven ademais unha intensa actividade pedagóxica. La Bellemont actuou en gran cantidade de festivais de Música Antiga, destacando nas últimas tempadas a súa actuación na capela do Palacio Real de Madrid dentro do FIAS (Festival Internacional de Arte Sacra) e no Palacio de Troia de Praga (Summer Festivities in Early Music, República Checa).

 La Bellemont naceu en 2007 coa vontade dos seus fundadores (Sara Ruiz, Rafael Muñoz e Laura Puerto) de lograr unha interpretación moi persoal do repertorio para viola da gamba e baixo continuo. Dous anos de intenso traballo sobre o son, a xestualidade e a articulación do conxunto concluíron nun primeiro álbum titulado La voix de la viole, dedicado a Marin Marais; a crítica eloxiou esta gravación (5 Diapasóns na revista Diapasón) e destacou a elegancia, o perfeccionismo, a forza expresiva e o pracer polo son per se da execución, calidades que se converteron no selo de identidade do grupo. O seu segundo álbum, Plaisir Sacré, dedicado á música relixiosa de François Couperin, superou as expectativas e foi nomeado aos premios ICMA. Así mesmo, Plaisir sacré foi galardoado co R (Recomendado) da revista Ritmo, co Melómano de Ouro da revista Melómano e co E (Excepcional) da revista Scherzo. La Bellemont reafirmou a súa admiración pola música de Couperin gravando as súas suites para viola da gamba e baixo continuo, no que será o terceiro rexistro discográfico do grupo. Tras un longo período centrado no repertorio barroco francés, La Bellemont ampliou o seu repertorio ao barroco alemán e, manténdose fiel á súa filosofía de proxectos a longo prazo, realizou varios programas centrados neste período, con especial atención á figura de J.S. Bach e os seus predecesores; é por isto que, tras o éxito colleitado co programa Choralfantasie, o grupo prepara un CD no que se ofrecerán varias transcricións para conxunto instrumental das obras para órgano de Bach. Actualmente, La Bellemont está así mesmo ampliando o seu repertorio con programas dedicados á música do seicento italiano e á música renacentista española, diversificando o seu persoal para iso cunha ampla variedade de conxuntos.