1 de xuño 2024

51 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 1 de xuño de 2024  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Jonian Ilias Kadesha, violín e dirección

Orquestra Sinfónica Vigo 430

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Programa:

Felix Mendelssohn (1809-1847)

  • Sinfonía para corda nº 2 en re maior, MWV N 2

 

Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)

  • Concerto para violín e orquestra nº 5 en la maior, KV. 219

 

      ————————————-

 

 Antonio Vivaldi (1678-1741)

  • Concerto para violín e orquestra en re maior «Grosso Mogul», RV 208

 

Franz Joseph Haydn (1732-1809)

  • Sinfonía n.º 49 en fa menor «La Passione», Hob I/49

 

 


 

Jonian Ilias Kadesha

Jonian Ilias Kadesha semella un músico do Renacemento na diversidade e creatividade dos seus intereses intelectuais e a súa creación musical. Os seus estudos de filosofía e retórica inflúen na precisión estilística das súas interpretacións, xa sexa de música antiga ou contemporánea, e a súa rica imaxinación amósase tanto nos mundos sonoros que crea como nos proxectos en que participa como solista, intérprete-director e músico de cámara.

Como solista actuou en toda Europa, entre outras coa Orquestra de Cámara de Europa dirixida por Sir András Schiff, a Filharmónica Real de Liverpool con Jonathan Bloxham, Tapiola Sinfonietta e Ryan Bancroft e a Filharmónica de Eslovenia dirixida por Aziz Shokhakimov. Ofreceu recitais en salas como Wigmore Hall, Louvre, Filharmónica de Berlín e Salle Moliere Lyon.

Kadesha é un músico de cámara comprometido e colabora con músicos de renome como Martha Argerich, Steven Isserlis, Patricia Kopatchinskaja, Nicolas Altstaedt e Antje Weithaas. É cofundador do galardoado Trio Gaspard, que se presenta regularmente en festivais e salas de todo o mundo. Tamén é membro do Kelemen Quartet.

É cada vez máis solicitado polas principais orquestras de cámara como solista e director e traballou coas orquestras de cámara dos Países Baixos, Irlanda e Escocia, a Aurora Orchestra, a Manchester Camerata e os London Mozart Players. O seu achegamento ao canon orquestral clásico baséase na súa interpretación de música de cámara e, a miúdo, improvisa as súas propias cadencias e ornamentacións.

A curiosidade de Kadesha polo repertorio é ampla, como o demostran as gravacións que realizou para Linn Records, coa que firmou en 2021. O seu álbum debut en solitario incluíu a Partita en re menor de Bach xunto coa primeira gravación comercial de Ciaccona de Helena Winkelman e obras de Biber, Schnittke, Kurtág e Auerbach. A súa seguinte gravación lanzarase neste 2024 e inclúe a gravación da estrea do concerto para violín TYCHE de Giovanni Sollima con CHAARTS Chamber Artists. Co pianista Nicholas Rimmer gravou obras de Enescu, Ravel e Skalkottas para Cavi Music e co violonchelista Vashti Hunter un disco de repertorio para violín e violonchelo en colaboración con Deutschland Radio.

En 2017, Kadesha fundou e asumiu o cargo de director artístico do Caerus Chamber Ensemble, un conxunto de cámara flexible formado por destacados instrumentistas da xove xeración de músicos europeos.

Nacido en Atenas de ascendencia albanesa e grega, Kadesha estudou dende moi novo en Musikhochschule Wurzburg, seguido da Academia Kronberg, onde completou a súa mestría en 2020. Estudou con Antje Weithaas, Salvatore Accardo, Grigori Zhislin e Ulf Wallin. Estudou música de cámara con Hatto Beyerle en Hannover e participou en clases maxistrais con Ferenc Rados, Steven Isserlis, Ivry Gitlis, Leonidas Kavakos e Eberhard Feltz.

Kadesha toca o violín Guarneri de Gesu »ex-Moser» de 1743 grazas á cesión de Princess Collection.

 

 Orquestra Vigo 430

Comeza a funcionar no ano 2005, coa premisa de crear un núcleo de corda de calidade na cidade de Vigo para, xa a partir do 2009, abordar progresivamente repertorio sinfónico. Nos seus inicios foi coñecida como Ensemble Vigo 430 debido ao seu interese en potenciar precisamente ese núcleo de corda e no que a presenza das seccións de vento era mínima e os programas a abordar moi centrados na música para orquestra de cámara do clasicismo e o Barroco pero con incursións tamén na música contemporánea. A partir do 2009 comezan a incluírse repertorios para orquestra completa, centrándose as súas programacións dende ese momento neste tipo de composicións e pasando a configurarse un núcleo de ventos tamén estable. Cámbiase neste momento o nome a Orquestra Vigo 430 ao entenderse que responde mellor ao espírito e realidade da nova formación. No 2011 comezan a organizar os seus primeiros ciclos estables de música coa intención de configurar unha tempada musical.

Froito de todo este traballo é o recoñecemento recibido no 2014 ao ser galardoado o proxecto 430 cos Premios Martín Códax na categoría de Música Clásica e Contemporánea. A partir do 2015 comeza a súa andaina como orquestra residente do Auditorio Mar de Vigo e consolidando dende entón unha tempada de concertos anual xa baixo o patrocinio do Concello de Vigo. O seu obxectivo principal é dotar á súa cidade dunha formación orquestral profesional propia, constituída na súa maior parte polos máis brillantes expoñentes das novas xeracións de músicos galegos, así como por destacados músicos freelance do resto de España e do estranxeiro. Esta combinación entre o talento propio e a aportación foránea é unha característica que este proxecto considera esencial para a obtención do resultado artístico que se marca como obxectivo. A isto súmase as colaboracións con solistas e directores de prestixio internacional.

 

Notas

Entre os nacementos de Félix Mendelssohn (1809-1847) e Antonio Vivaldi (1678-1741) vemos que transcorre algo máis dun século ademais dunha grande evolución compositiva e estilística. Díse que Vivaldi é produto dunha serendipia mentres se estudaban os documentos legados por Mendelssohn: aparecen copias de composicións de Bach e, dentro destas, algúns concertos dun ata entón pouco coñecido Antonio Vivaldi.

A obra de Mendelssohn que nos trae este concerto é un traballo temperán, produto do talento precoz deste compositor que, ata o propio Wagner (esquecendo por un momento o seu antisemitismo) gabouno como o xenio máis grande nacido despois de Mozart. Entre os 11 e os 14 anos o mozo Mendelssohn chegou a escribir un centenar de obras de todo xénero: obras de cámara, teclado, sinfonías, concertos, lieder, coros sacros ou óperas… o estudoso deste compositor, Larry Todd, refire que o maior logro deste período inicial son as sinfonías para cordas concluídas en 1821. Durante estes anos, Mendelssohn asistía a leccións compositivas de Carl Friedrich Zelter, un mestre un tanto “apocalíptico” que só vía decadencia na música do seu tempo mentres cría con fervor que a grandeza residía no gusto barroco. Desta maneira, estes anos de aprendizaxe do mozo Mendelssohn supuxeron unha inmersión na linguaxe barroca, que non pasará inadvertida nesta obra con uso de baixo continuo, estrutura monotemática e fortspinnung (progresións derivadas dun tema sinxelo). Por suposto, só para orquestra de corda e sen instrumentos de vento, como reclamaba o gusto barroco. Nesta obra, un Mendelssohn de 12 anos fai un alarde de dominio do contrapunto nos seus tres movementos. Neste sentido o espectador poderá sentirse contrariado ao recibir unha obra barroca dun compositor romántico. O mesmo que recuperou gran parte da obra de J. S. Bach e estreou a súa Paixón segundo San Mateo, unha ironía, parafraseando ao propio Mendelssohn, que tivese que ser un xudeu o que recuperase a obra cristiá máis grande de todos os tempos.

O quinto e último concerto para violín de W. A. Mozart (1756-1791) foi alcumado “o turco” polo seu rondó final, no que intercala unhas seccións onde cambia de compás para engadir unha turquerie, o que vén traer ritmos marcados con escalas de gusto oriental. Estas seccións podían ser acompañadas de percusión para alimentar este elemento que, sen dúbida, tivo que resultar sorprendente para o público que acolleu a súa estrea en Salzburgo en 1775. Mentres o escribía tería en conta quen o ía estrear, Gaetano Brunetti, o seu compañeiro violinista da corte do Arcebispo Colloredo. Iso fixo que o segundo movemento sufrise algúns cambios posteriores, xa que Mozart non estaba moi consonte con ese “gusto a Brunetti”. Resulta entón unha obra xuvenil, fresca, lixeira e con sitio para o lucimento do solista. Mozart era tamén un gran violinista e coñecía de sobra as posibilidades deste instrumento grazas ao seu pai Leopold, un gran pedagogo do violín. Pode ser que por este último motivo Mozart abandonase a escritura do concerto para este instrumento que, á forza, lle recordaba ao escrutinio do seu pai e á tiranía do Arcebispo… e a aqueles anos agoniantes nun Salzburgo que a Mozart lle urxía abandonar.

A principios dese mesmo século XVIII, outro gran violinista veneciano lle dedicaba páxinas de protagonismo ao instrumento, nun concerto que se chamou Il Grosso Mogul (RV 208), un título seguramente engadido con posterioridade e por algún editor como estratexia publicitaria. O Gran Mogol foi, historicamente, un emperador da India que levou o Imperio Mogol ao seu máximo apoxeo e co mesmo nome bautizaron a un gran diamante encontrado no século XVII na India e que logo foi tallado en Venecia, recordemos, unha cidade-república que reunía comercios de Oriente e Occidente.

O caso é que a escritura deste concerto resulta endiañada para o solista, que en ocasións se verá obrigado a realizar movementos case atléticos para lograr o efecto proposto por Vivaldi. Nas cadencias será onde residan as pasaxes máis retadores para o violinista. Neste momento vital de Vivaldi o seu traballo como profesor, intérprete e compositor absorbía toda a súa enerxía e, seguramente con óperas xa en proxecto, desbaldiu toda a súa creatividade teatral neste Grosso Mogul, propoñendo música moi efectista e electrizante que nos pode evocar unha enerxía próxima ao mesmo rock&roll ou… barock&roll, permítanme a chanza.

Que unha sinfonía de F. J. Haydn (1732-1809) se subtitule La Passione en pleno século XVIII resulta case unha contradición, xa que sabemos que naqueles anos non se permitía música instrumental en Pascua. Pero calquera oínte poderá entender intuitivamente o título ao escoitar os primeiros compases dun primeiro movemento grave, solemne e doloroso. Toda a sinfonía está escrita en fa menor, unha tonalidade que podemos encontrar en variedade de seccións de Stabat Mater de distintos autores… e esta tonalidade mantense durante todos os movementos, excepto un cálido raio de fa maior que se asoma no trío de minueto. Ata a súa estrutura nos trae aromas a cirio pascual… escrita en forma da antiga sonata da Chiesa (sonata de igrexa): catro movementos rápido-lento-rápido-lento. Enredado nos lamentos da orquestra, asoma o terrible espírito do Sturm und Drang como elemento tormentoso de gusto da época do compositor. En resumen, aínda que Haydn non é responsable do título que se lle impuxo a esta sinfonía, parece que está ben buscado. Resulta sorprendente a profundidade e introspección que nos suxire esta música en contraposición con tantas obras danzarinas, pegadizas e un tanto indolentes que nos encontramos na produción do chamado “pai da sinfonía”.

               Teresa Adrán