Orquestra de Cámara da OSG – 3 de xuño

XLV Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Sábado, 3 de xuño de 2017  – Círculo das Artes de Lugo, 19:30 h

 

Orquestra de Cámara da OSG

 

Massimo Spadano, dirección

Clara Jelihovschi Panas, soprano

 

 

A Sinfonía nº 4 de Gustav Mahler

 

J. Brahms (1833-1897)

Serenata número 1 en re maior, op. 11 (selección)

 GMahler (1860-1911)

Sinfonía número 4 en sol maior (arrx. Spadano)

 


MASSIMO SPADANO, dirección.

Nacido en Lanciano Italia, membro fundador das orquestras barrocas Camerata Anxanum en Italia, coa que colaborou para a investigación e edición de varios volumes de música barroca italiana, e da Camerata Boccherini en España. Dende 1994, é concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia e dende 1995 é director musical e artístico da Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia. En 2015 foi nomeado novo director titular da orquestra Acadèmia 1750.

Como solista, concertino ou director traballou coa Academy of Ancient Music, Cristofori Ensemble, la Chambre Philarmonique, Concerto Italiano, Les Concert des Nations, L’Ensemble Baroque de Limoges, Orfeo 55, Ensemble Zefiro entre outros… nos festivais e máis famosas salas de Europa, Oriente Medio, Asia, América do Sur e EUA. Gravou para Harmonia Mundi, Auvidis Astrée gañando un “Choc Musique”, Deutsche Grammophone e Sony.

Toca cun Joseph Albani do 1695 e un Joseph Contreras do 1755.

 


Notas ao programa

Entre os numerosos exemplos de vidas artísticas entrecruzadas que a historia musical de Viena protagonizou, ocupa un lugar preeminente o que protagonizaron os dous grandes nomes da historia da música que conforman o programa desta noite: Johannes Brahms (1833-1897) e Gustav Mahler (1860-1911).

Brahms foi xa en vida considerado como o lexítimo herdeiro da gran tradición musical xermánica protagonizada por Bach, Mozart e Beethoven. A súa actitude como adorador das cinzas do pasado contrasta coa do xove e visionario Mahler; fervente militante wagneriano xa dende os seus anos de estudo no Conservatorio de Viena, no cal formou parte do círculo liderado polo iconoclasta Anton Bruckner.

Non é de estrañar que a primeira grande obra sinfónica coral de Mahler, A canción do lamento, terminada aos seus 20 anos de idade, fracasase no seu intento de recibir o prestixioso premio Beethoven da vienesa Sociedade de Amigos da Música, entre outros motivos, pola presenza ao fronte do xurado do propio Johannes Brahms.

O tempo e a admiración que Brahms sentía polo Mahler director de orquestra limaron as asperezas entre ambos os dous de tal forma que entre 1893 e 1896 se converteu nun costume estival que Mahler visitase a Brahms no seu retiro na egrexia cidade balneario de Bad Ischl, á que o xove compositor se desprazaba en bicicleta dende a veciña vila de Steinbach. Nunha destas ocasións, cruzando unha ponte sobre un turbulento arroio, Brahms lamentouse: “A música está esgotada. Nada novo pode ser xa composto”. No momento, Mahler, apuntando ás ondas, contestoulle ironicamente: “Mire, mire alí, Mestre! Acaba de pasar a última onda”. Brahms falecería meses despois. Mahler mantería viva a chama da súa música dirixíndoa en numerosísimas ocasións, pero ao mesmo tempo abriría camiños artísticos que Brahms nunca imaxinaría.

Johannes Brahms: Serenata nº 1, Op.11

Composición da obra: 1857-1858

Estrea da versión de cámara: 28 de marzo de 1859 en Hamburgo dirixida por Joseph Joachim.

Composta aos 25 anos de idade, a Serenata nº 1 de Brahms constitúe un primeiro acercamento do compositor á forma sinfónica. Deberían transcorrer, con todo, vinte anos máis para que este tomase forma definitiva coa severa Sinfonía nº 1 en do menor. Unha dilatada e frustrante xestación na que pesou moito a alongada sombra do legado beethoveniano. Non se aprecia, así a todo, esta opresión nesta xuvenil serenata. Trátase de música desenfadada, extravertida, rebordante de beleza e lirismo.

Partindo dunha versión primordial para noneto de ventos e cordas, Brahms estreou finalmente a obra como unha composición para orquestra de cámara. A súa estrea foi exitosa, tal como Brahms describe a Clara Schumann: “Onte a serenata foi estreada ante 1.200 persoas, entre as que ti non estabas. Deu a impresión de conectar co público. Os aplausos foron interminables ata o punto que tiven que facer aparición no escenario”. Sen dúbida, este éxito animou a Brahms a reescribir unha versión para grande orquestra, a cal foi estreada un ano despois. Para moitos, o carácter intimista e evocador da partitura queda parcialmente diluído neste formato sinfónico.

A obra está escrita orixinalmente en seis movementos. Escoitaremos nesta ocasión o primeiro e cuarto movemento.O allegro molto inicial non só se adhire á forma sonata, senón que ademais o seu carácter afirmativo responde ao modelo dun primeiro movemento sinfónico clásico. A referencia á pastoral beethoveniana está no aire en non poucos momentos. O cuarto movemento consta dun par de minuettos. Abre cun trío para dous clarinetes e fagotes ao que se unen a frauta e os pizicatti do cello. A sección central, chamada por Brahms Menuetto II, amosa un carácter melancólico. Trátase dunha expresiva melodía escrita para cordas e clarinete.

 Gustav Mahler: Sinfonía nº 4

Composición da obra: veráns de 1899 e 1900 en Bad Aussee e Maiernigg.

Estrea: 25 de novembro de 1901 en Múnic dirixida polo compositor.

A historia dos arranxos de cámara das sinfonías de Gustav Mahler iníciase na fin da Primeira Guerra Mundial. Nesa época, Arnold Schoenberg decide fundar a Sociedade para Interpretacións Musicais Privadas, a cal debería ter como misión a presentación de partituras contemporáneas baixo as máximas esixencias interpretativas. Os limitados medios económicos da sociedade dificultaban a interpretación das obras sinfónicas baixo a súa forma orixinal, polo que estas eran ofrecidas en arranxos camerísticos especialmente elaborados para a ocasión. As interpretacións estaban guiadas pola ausencia de calquera concesión, tanto cara ao público como cara á crítica, pola planificación dun amplo número de ensaios e pola programación repetida das mesmas obras ao longo de varios concertos.

Durante as súas tres tempadas activa, a Sociedade adaptou dúas obras orquestrais de Gustav Mahler: Os Lieder eines fahrenden Gesellen arranxados por Arnold Schoenberg e a Cuarta Sinfonía, transcrita por Erwin Stein. Schoenberg comezou igualmente a traballar nunha transcrición da Canción da terra, pero nunca chegou a completala.

Tras o fracaso económico da sociedade –debido principalmente á hiperinflación vienesa-, estes arranxos, así como a filosofía e os valores que os inspiraran, caeron en desuso. Afortunadamente, grazas á recuperación da música de Mahler que se iniciou nos sesenta e se consagrou nos oitenta, foi redescuberto o arranxo de Erwin Stein e, incluso, a versión de Schoenberg da Canción da terra chegou finalmente a ser completada por Reiner Riehn (1983).

Esta recuperación permitiu comprobar como estes arranxos de cámara, ao permitir unha realización máis transparente da partitura, confiren unha nova luz ao contrapunto e á escritura polifónica das obras. Por outra parte, interpretar as sinfonías de Mahler cun ensemble reducido permite darlles vida dende unha perspectiva moito máis matizada e sutil, tipicamente característica do mundo da música de cámara. Ao mesmo tempo, resulta sorprendente comprobar como a natureza sinfónica da obra permanece intacta nestes arranxos. Isto xustifícase en parte polo carácter camerístico de moitas pasaxes da partitura orixinal, pero tamén pola irredutible grandeza e transcendencia desta música. Non hai apenas perdas, e, con todo, si moito que gañar nestas versións, ata o punto de que nos ofrecen unha nova e reveladora perspectiva da esencia destas sinfonías.

Por sorprendente que pareza, a estrea da Cuarta sinfonía representou para Mahler o maior fracaso de toda a súa produción sinfónica, máxime se se teñen en conta as altas expectativas que o compositor depositara nunha partitura que en comparación ás súas sinfonías previas resultaba moito máis breve, fora escrita para unha orquestra moito máis liviá, e facía gala dunha linguaxe moito máis accesible, claramente enraizada no clasicismo vienés. De feito, a obra foi estreada con anterioridade á hipertrófica e problemática Terceira –que porén foi recibida con grandísimo éxito.

Este optimismo citado levou a Mahler a deseñar unha longa xira polas principais cidades alemás na que a obra sería dirixida por el mesmo –na súa estrea muniquesa–, Felix von Weingartner –en Frankfurt, Núremberg, Karlsruhe e Stuttgart- e Richard Strauss en Berlín. A incomprensión do público e da crítica converteu este periplo nunha auténtica tortura. Para colmo de males, Richard Strauss, que debería dirixir a presentación da obra en Berlín, desmarcouse de tan dubidoso proxecto no último momento.

O Bedächtig –moderado– que abre a obra esconde tras o seu carácter livián e desenfadado unha complexa estrutura na que sorprende a presentación de ata sete temas diferentes na introdución do movemento. Baseándose no seu desenvolvemento, Mahler crea un xovial discurso sonoro que culmina en sucesivos clímax. Sobre un deles fai aparición unha chamada da trompeta que é idéntica á que abre a Quinta sinfonía. Na conclusión do movemento, unha evocadora frase retida da trompa parece pór o punto final, pero repentinamente fai aparición o tema máis animado da introdución para pechar o movemento de forma lapidaria e vertixinosa.

O segundo movemento é un scherzo no que unha danza macabra –na que o concertino ha de usar un violín alternativo, afinado un ton máis alto–, contrasta con dous tríos de carácter fantástico. O terceiro movemento, Ruhevoll, é un dos movementos máis populares de Mahler pola súa irresistible beleza. Iníciase cunha serenísima melodía das cordas, a cal é sometida a continuas variacións. Estas culminan cun rapsódico clímax en fortissimo.

Mahler recupera para o movemento final un lied composto en 1892: Das himmlische Leben. As mesmas preguntas sobre o máis alá que xeraron as súas sinfonías previas fan a súa aparición, pero nesta ocasión son respondidas dende unha óptica infantil. A naíf descrición dun bucólico paraíso terreal no que crecen xigantescos espárragos, e os anxos amasan pan, require unha cantante de “expresión infantil e alegre, absolutamente desprovista de parodia.” Cando a súa voz se apaga, a música vaise disolvendo gradualmente nun celestial letargo. A nostalxia cara a un harmonioso e utópico pasado que percorre toda a obra dá paso neste final a unha sublime exaltación da idade da inocencia.

Pablo Sánchez Quinteiro