Il Combattimento – 5 de xuño

XLV Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Luns, 5 de xuño de 2017  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Il Combattimento

Orquestra barroca

 

Teleamnn & Telemann 

250 aniversario de G. P. Telemann (1681-1767)

 

Programa:

G. P. Telemann (1681-1767)

Ouverture a 5 en fa maior, TWV 44:7 (Melante)

 Concerto para 2 violas, orquestra e continuo TWV 52:G3

 Aria Komm, o Schlaf (da ópera Germanicus

Concerto para violin, violonchelo, trompeta e cordas, TWV 53-D5

Ouverture-Suite para 2 frautas, orquestra e continuo TWV 55:e1 (Tafelmusik)

Concerto para corno da caccia, 2 violíns, 2 violas e baixo continuo, TWV 51:D8

Cantata Der Weiberorden

Concerto para 3 trompetas, timbais e cordas TWV 54:D4 

 

 


Il Combattimento

Il Combattimento é un grupo de música antiga radicado na cidade de Lugo que abarca a música dende a Idade Media ata o clasicismo, utilizando instrumentos de cada época (algúns deles construídos por eles mesmos), nun proceso de recuperación do patrimonio musical pretérito.

Este grupo viu a luz en setembro de 2012 no Museo Provincial de Lugo, e dende entón participaron en distintos festivais e ciclos como Espazos Sonoros, Pórtico Sonoro, In Spiritum… percorrendo parte da xeografía galega e portuguesa.

Esta será a segunda vez que estarán no Festival Cidade de Lugo, neste caso en formación de orquestra barroca na que confluirán intérpretes de diferentes nacionalidades, e coa que renderán homenaxe a G. P Telemann no 250 aniversario da súa morte.

 

Roberto Santamarina, violín barroco

María José Pampano violín barroco

Annina Wöhrle, violín barroco

Benito Buíde, violín barroco

Elena Vázquez, violín barroco

Pablo Gastaminza, violín barroco e viola barroca

Diego Segade, viola barroca

Sara Franco, viola barroca

Juan Carlos Amigo, violonchelo barroco

Alfonso Morán, contrabaixo barroco

Marco Brescia, cravo 

Alejandro Salgueiro, fagot barroco

María Ruiz, traverso

Ricardo Rodríguez, trompa natural e trompeta natural

José Padilla, trompeta natural

Abraham Cupeiro, trompa natural, trompeta natural e traverso

Carlos Vázquez, timbais barrocos e frauta de bico

Rosana Orsini, soprano

 


 

Telemann & Telemann

             Durante o transcurso da súa vida, Georg Philipp Telemann foi sen dúbida o máis coñecido compositor alemán da primeira metade do século XVIII, tamén o máis prolífico (para facernos unha idea, se temos en conta só as cantatas sacras, compuxo máis de 1.000), e se ben a súa figura foi decaendo ata converterse a principios do século XX nun compositor de segunda, nada ten que ver coa calidade das súas obras, senón coa penalización que fará o Romanticismo da concepción máis artesanal do labor do compositor (na edición de 1904 do Grove´s dictionary of music and musicians descríbese a pericia técnica de Telemann non coma unha virtude, senón coma un defecto que impediu que compuxese nada orixinal).

            Nado en Magdeburgo en 1681, o xove Telemann amosa dende unha idade temperá un abraiante talento musical (con doce anos remata a súa primeira ópera), pero a súa nai prohíbelle seguir estudando música, polo que terá que facelo as agachadas, feito que marcará o seu profundo carácter autodidacta.

            Con vinte anos múdase a Leipzig e matricúlase en dereito, pero deseguido comeza a traballar como compositor e xa non parará. Director da Ópera de Leipzig (1703), organista da Neue Kirche tamén en Leipzig (1704), Kapellmeister na corte do Conde Erdmann II de Promnitz en Sorau (hoxe Żary, Polonia, 1705), Kapellmeister en Eisenach (1708), onde traba amizade con J.S. Bach – oriúndo da cidade -, Director municipal de música e Kapellmeister na Barfüßerkirche en Frankfurt (1712), dende onde segue enviando composicións para a Ópera de Leipzig e a cidade de Eisenach.

            Mais será no ano 1721 cando o compositor acepte o que será o seu derradeiro posto, Kantor da Johanneum Lateinschule en Hamburgo, cidade na que desempeñará o seu labor durante 46 anos ata o seu pasamento en 1767 (sendo substituído polo seu afillado Carl Philipp Emanuel Bach, fillo de Johann Sebastian). Entre as súas obrigas atopábase a de encargarse da dirección musical das cinco principais igrexas da cidade así como diferentes eventos musicais da vida civil (cerimonias, banquetes, festividades…). Tamén preparaba concertos públicos semanais en diferentes localizacións incluíndo igrexas, teatros e inclusive tabernas patrocinados por diversos mecenas ou ben cobrando entrada. Do 1722 ao 1738 foi director da Ópera de Hamburgo (ata o seu peche), polo que, de feito, foi o máximo promotor da vida musical da cidade durante case medio século. 

            Na velada de hoxe escoitaremos dúas Ouvertures, catro concertos (para un, dous, tres e catro solistas), unha cantata profana e mais unha aria de ópera divididas en dúas partes iguais cunha pausa no medio co seguinte esquema: Ouverture, Concerto, intervención vocal e Concerto.

Ouvertures

As dúas ouvertures escollidas para este concerto seguen o esquema francés, un principio lento de textura homófona cun característico ritmo de figuras con “puntillo” (como un esquema iámbico exaxerado) seguido dunha sección máis animada e imitativa, e dun final que repite a primeira sección. Na primeira delas, a TWV 44:7 (tamén catalogada como TWV 55:F4), dúas trompas substitúen o papel das violas e actúan tamén como solistas (a semellanza das suites de vento con dous óboes, dúas trompas e fagot), mentres que na segunda, a TWV:55e1 (publicada na primeira produción do Tafelmusik), dúas frautas traveseiras son incorporadas dobrando e, ás veces, intercambiándose cos violíns a modo de diálogo. 

Concertos

Telemann atopaba os concertos italianos da época demasiado preocupados pola dificultade técnica e lucimento do solista, mais non demasiado interesantes dende un punto de vista estritamente musical, cuestión que tratará de inverter con diálogos máis elaborados entre tutti e solistas no que as dificultades técnicas emanen do discurso musical e non á inversa.

Dos catro concertos que hoxe escoitaremos, o TWV 52:G3 para dúas violas e mais o TWV 54:D4 para tres trompetas e timbais teñen catro movementos segundo o esquema da sonata da chiesa (lento-rápido-lento-rápido), mentres que o TWV 53:D5 para violín, violonchelo e trompeta e o TWV 51: D8 para corno da caccia teñen tres como o concerto solista italiano (rápido-lento-rápido).

Aria Komm, o Schlaf, II Acto da ópera Germanicus.

Esta ópera con libreto da poetisa Christine Dorothea Lachs foi escrita en 1704 e revisada en 1710, e tíñase por perdida ata que 45 arias foron descubertas nun arquivo de Frankfurt polo Dr. Michael Maul. No ano 2007 foi estreada co texto falado entre arias no Bachfest de Leipzig. A aria que imos escoitar, Komm, o Schlaf (“Ven, oh sono”), é interpretada por Agrippina, muller de Germanicus, e a pesar do recente da súa incorporación ao repertorio operístico goza xa de certa vida de seu, como un magnífico exemplo do talento dramático dun novísimo Telemann (23 anos).

Cantata Der Weiber-Orden

Der Weiber-Orden (“A orde das mulleres”) é unha cantata profana de carácter cómico e burlesco no que unha muller nos fala con xúbilo da súa futura e inminente vida conxugal e familiar. Chegou ata os nosos días a través de dúas fontes non autógrafas. Unha delas é completa e atribuída a Melante, polo que podemos circunscribir a súa composición ao período comprendido entre 1712 e 1733, que foi cando Telemann empregou este anagrama como pseudónimo.

Carlos Vázquez López