Enrike Solinís – 31 de maio

XLV Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Mércores, 31 de maio de 2017  – Capela de Sta. María (Centrad), 20:30 h

 

Enrike Solinís & Euskal Barrokensemble

 

Miren Zeberio, violín barroco                                                       

Gabriel León, contrabaixo

Daniel Garay, percusión

Enrike Solinís, guitarra barroca, lavta e dirección artística

 

Colores del Sur

Bestenigar                                                                 Dimitrie Cantemir  (1673 – 1723)

Makam Huseyni                                                       Aga Riza (colección de Cantemir)

Koumis-Ezpatadantza                                            Tradicional

Marionas                                                                   Gaspar Sanz (1640 -1710)

 

Fandango-Porrue                                                    Tradicional

Sonata en re K 32                                                     D. Scarlatti (1685-1757)

Sonata en re M                                                          Mateo Pérez de Albéniz (1755-1831)

Colassione                                                                  G. Kapsberger (1580-1651)

Cumbés                                                                       Santiago de Murzia (1673-1739)

 

Ricercare II                                                               Melchior Neusidler (1531 – 1590)

Pasamezzo                                                                 Anónimo (Século XVI)

Fantasia X                                                                 A. Mudarra (1510-1580)

Romanesca                                                                Luis de Narváez (1500 – 1549)

 

 Ground after Scotch Humour                               N. Matteis (1650 – 1714)

Canarios                                                                    Gaspar Sanz (1640 -1710)

Danza ritual do lume                                                Manuel de Falla (1876-1946)

 

Arranxos e adaptacións,  Enrike Solinís

 

 


 

Colores del Sur

O movemento historicista de recuperación da música barroca da segunda metade do século XX tomou como a súa primeira tarefa limpar as súas interpretacións das subxectividades e adherencias espurias que, como pátina sobre un cadro de Velázquez, se acumularan durante o século XIX. As e os seus defensores atoparon a solución no retorno á obxectividade e á literalidade dos documentos e, na medida do posible e coñecido, na recuperación das tradicións interpretativas anteriores á Revolución Francesa. Pero sendo, ao cabo, músicos de conservatorio educados no paradigma decimonónico, herdaron dos románticos un respecto reverencial ao escrito e ao compositor, observado este como mito que nos vixía dende o Olimpo do canon. Ese respecto (que os separaba irremisiblemente dos autores do Barroco, todos eles ao tempo creadores e intérpretes), unido a unha mentalidade científica de restaurador de arte con pánico a alterar o material orixinal –non en van gran parte deles foron musicólogos–, encheu o purismo barroco de clixés e prohibicións, e impediulle non obstante recuperar o verdadeiro modo de operar músico-compositor da época: este era ben consciente de que a partitura escrita apenas supuña unha pequena porcentaxe da obra artística final e de que os hábitos interpretativos, as técnicas propias de cada instrumento e a creatividade do músico práctico son os que farían soar de verdade un escrito que era pouco máis ca un bosquexo.

O caso da guitarra, e en especial o seu repertorio barroco español e italiano, base deste programa, é especialmente revelador: instrumento cunha fortísima personalidade na música popular dende o século XVII –grazas a técnicas e recursos propios que, sen dúbida, tamén eran utilizados na música culta–, a nova tradición dos conservatorios púxoa dende inicios do século XX en mans de mentalidades pianísticas que afastaron o guitarrista chamado clásico da esencia orixinal do instrumento. Non é por iso raro que un guitarrista flamenco, por exemplo, teña a miúdo unha paleta de colores e recursos e unha mentalidade sonora máis aberta que os mellores guitarristas de repertorio clásico.

Con todo, no XVII non se rompera aínda o cordón umbilical que unía o culto co popular: se en Sanz ou Santa Cruz podemos encontrar peiteados e ritmos amalgamados de dous e tres tempos (tan… flamencos), en Kapsberger chócannos as prohibidísimas quintas paralelas, e en todos eles atopamos bassi ostinati, esas bases para a improvisación que utilizaron todos os compositores cultos do Barroco (ata Bach!) e hoxe parécennos cousa do blues, das músicas de rúa. Pois no Barroco non había clásicos aínda, e o fluxo de ritmos e formas dende a rúa aos palacios era continuo: alemandas, correntes, zarabandas e xigas na suite francesa, pero tamén jácaras, marionas, canarios e fandangos en España, caponas e pasacalles en Italia… bailes, como os cumbés, chegados moitos deles do mundo das e dos escravos, dos barcos que cruzaban de África a América e de aí a España, dese ambiente observado polas clases podentes cunha mestura de desprezo e atracción, e ata certa envexa.

Os prexuízos extramusicais, vidos na súa maioría de conceptos de refinamento social, moldearon moitísimo o mundo musical europeo, tanto no aspecto educativo como no interpretativo. O momento actual de anacronismo musical xurdido do auxe de músicas do pasado, que resultan en moitos casos máis actuais e achegadas ao público que as creadas de feito na actualidade, teríannos que levar a preguntarnos se o extemporáneo desta situación ten no quefacer do músico práctico o seu argumento principal, un músico cultivado pero que avoga pola expresión como meta.

Para que as músicas de Sanz ou Kapsberger recuperen o su latexo vital non resulta pois suficiente aproximarse ás súas partituras como a unha de Tárrega, nin tampouco como quen limpa un cadro de Murillo con terror a retirar a máis mínima porción de pintura orixinal.

Tendo en conta que os compoñentes básicos da música son atemporais, é dicir, que perduran iguais dende o nacemento desta, a intelixente asimilación deses compoñentes comparados nas músicas de moi diferentes culturas axúdanos a encher o baleiro que o paso dos anos creou no atado musical. Por sorte o noso material, o son, é evanescente e substituíble, e podemos tomar os mesmos riscos que tomaban os músicos en séculos anteriores: usar sen complexos os recursos técnicos singulares dos nosos instrumentos, adaptar as pezas ao noso orgánico, o noso potencial e necesidades, usar os recursos da música folclórica que resoan nos nosos oídos, resituar fragmentos… Se ben os estudos musicolóxicos son primordiais para achegarnos á partitura, a cultura auditiva da e do intérprete é esencial, xa que trata de relacionar e de resolver con sentido musical o salto que separa a reconstrución histórica da música viva.

Así si lograremos dar vida a eses bosquexos en papel, moitos xeniais, todos afastados do mundo musical real: do mundo das seguridades científicas do musicólogo ao das relativas pero apaixonantes verdades artísticas hai un camiño que só o músico creativo pode percorrer. Que unhas músicas resulten máis próximas ca outras ao público actual radica basicamente na naturalidade con que a e o intérprete transforma e canaliza a súa linguaxe musical baixo un designio expresivo. Deste modo, nos nosos cumbés usamos a quinta variación a modo de retrouso; nos canarios, tras un preludio improvisatorio, as palmas (instrumento histórico onde os haxa) acompañan xunto ao resto da percusión a música de Sanz. E para preludiar ou rematar as pezas de Kapsberger improvisamos e tomamos doutras pezas súas fragmentos de tocata.

Scarlatti e Cantemir merecen comentario á parte. Se dende hai bastante tempo, e ata hoxe en día, os guitarristas clásicos parecen querer imitar o piano, é sabido que Scarlatti adoptou á clave ritmos e técnicas da guitarra popular española, como peiteados, arpexados, as disonantes acciaccature… así que nada máis natural que facer a viaxe de volta á súa linguaxe idiomática. E, tendidos xa pontes a América, África e o mundo popular, cara a Asia franquearánolos Cantemir, o príncipe ilustrado e protomusicólogo moldavo de inicios do XVIII que foi membro da Real Academia de Berlín; o seu makam é interpretado ao lavta, un laúde barroco usado no imperio otomán que hoxe revive.

ENRIKE SOLINÍS AZPIAZU


Enrike Solinís & Euskal Barrokensemble

Enrike Solinís nace en Bilbao en 1974, e realiza os estudos superiores de guitarra e música antiga no Conservatorio J. C. Arriaga de Bilbao e na Escola Superior de Música de Catalunya, respectivamente. Obtén, así mesmo, o Posgraduado de Concertista Cum Laude das mans do mestre José Tomás, e foi premiado en numerosos concursos internacionais de guitarra tales como: Concurso Internacional de Comillas, Concurso Internacional Ataulfo Argenta, Concurso Internacional Andrés Segovia, entre outros. Sempre se sentiu atraído pola música de diferentes culturas, rexións e épocas, reflectindo esta diversidade na súa personalidade musical, que unida á súa capacidade técnica e expresiva fai que moitos o consideren un dos maiores e máis persoais virtuosos da súa xeración.

Durante máis de quince anos foi invitado como solista e continuísta en prestixiosas formacións musicais antigas como Hesperion XXI, Le Concert des Nations, Capella Reial de Catalunya dirixido por Jordi Savall, Concerto Vocale e Akademie für Alte Musik Berlin dirixido por René Jacobs, Le Concert D’Astrée dirixido por Emmanuelle Haïm, The Rare Fruits Council dirixido por Manfredo Kraemer, etc., percorrendo os escenarios máis significativos tanto en Europa como América: Carnegie Hall en Nova York, Konzerthaus Berlín, Champs Elysées en París, Theater an der Wien, Barbican Center en Londres, Sala Nezahualcoyoti en México, Festival Leo Brouwer na Habana, entre outros. En 2006 decide crear o seu propio grupo en Bilbao, Euskal Barrokensemble, e ir desenvolvendo as súas ideas e traxectoria persoal xunto con este grupo de músicos.

Os seus tres primeiros CDs servíronlle a Euskal Barrokensemble como trampolín para actuar nos teatros e festivais máis importantes: Viena Konzerthaus, Ludwigsburg Festival, Fontfroide Festival, Stockholm Early Music Festival, Spring Festival Prague, Bilboko Musika-Mísica, Quincena Musical en San Sebastián, Auditorio Nacional de Madrid, Brujas Konzertgebouw, Regensburg Festival, Montreal Baroque, Festival de Música Antigua de Sevilla, Flamenco Bïennale Nederland, NDR das Alte Werk, Fontfroide Abadía Festival, etc. O grupo foi recentemente invitado a participar na película Jota do lendario Carlos Saura.