Banda Filharmónica de Lugo – 17 de decembro

Banda Filharmónica de Lugo  

 Iván Martínez Sabio, director

Programa:

Juan Lois Diéguez (Galicia, 1980)

  • Da Capo

 

David Maslanka (EUA, 1943- 2017)

  • Réquiem (2013)

 

Pablo Moncayo (México, 1912 – 1958)

  • Huapango (1941)

 

Leroy Anderson (EUA, 1908 – 1975)

  • Blue Tango (1951)

 

                                                                                     Ver máis

Da Capo (2012),

Juan Lois Diéguez (Galicia, 1980)

Da Capo é unha fantasía elexíaca, con homónimo nome á novela na que está baseada, escrita por Adriana Aramburu: Da Capo: una historia real.

Unha historia conmovedora, escrita dende o cariño e o amor dunha familia unida. Fortaleza, dor e superación caracterizan esta obra baseada nunha vivencia persoal. Está escrita en Ribadeo, a localidade na que transcorre a obra e vila natal da escritora. Foi publicada alí o 13 de outubro de 2012.

Esta obra musical foi encargo do pai da rapaza protagonista e estreada na mesma presentación do libro. A acción nárrase dende a dolorosa e dura realidade óptica de Adriana Aramburu, que relata ese período da súa vida e dos que a rodean no que o destino lles arrebata a unha das persoas máis queridas.

Almudena Pulpeiro é unha rapaza auxiliar de clínica de vinte anos. Toda a súa vida xira ao redor da súa gran paixón: a música. Almudena é unha trompista membro da Banda Municipal de Música e Escola de Ribadeo que sufre un accidente de tráfico camiño da súa clase no Conservatorio de Lugo. Tres días despois falece no hospital.

Tras esta inesperada desgraza, o pai da rapaza enfoca un cambio na súa vida para facer realidade o que para a súa filla era un soño perseguido dende a infancia: dedicarse á música en corpo e alma e manter así viva a súa ilusión. Aos seus corenta e sete anos, Luís comeza as clases de trompa e trata de manter vivo o soño da súa filla, de aí o título da obra.

“Unha historia que nos fai ver que cando se ten un gran soño, e este inclúe ao teu ser máis querido, as adversidades e os obstáculos poden volverse pequenos.” (José Rafael Pascual Vilaplana)

Juan Lois Diéguez, naceu en Agolada en 1980. É compositor, director e trompetista. Conta no seu haber con infinidade de arranxos e instrumentacións de diversos estilos, e composicións tanto camerísticas como para banda sinfónica.

En 2009 foi seleccionado como director asistente da Banda Municipal de Barcelona, foi tamén director titular de diversas bandas populares e da Banda de Música de Pontevedra.

Na actualidade compaxina o seu labor de profesor instrumentista na Banda Municipal de Santiago de Compostela coa dirección da Escola e Banda de Música de Salceda de Caselas.

 

Réquiem (2013),

David Maslanka (EUA, 1943-2017)

 A composición foi un encargo do consorcio da Brooklyn Wind Symphony de Nova York e dedicado a eles polo autor. Maslanka escribiu Requiem nunha época da súa vida na que se interesou profundamente pola 2ª Guerra Mundial: “Recentemente lin moito sobre a 2ª Guerra Mundial e enfronteime de novo co horrendo feito de 50 millóns de mortes innecesarias. Pero creo que estamos nun momento de transición no que debemos deixar descansar as cousas vellas e centrar a nosa mente e o noso corazón no novo. O meu “Réquiem” é tanto para os mortos como para cada persoa que fai o seu propio paso interior, dicindo ¡adeus! para dicir ¡ola!” David Maslanka, Marzo de 2013.

A Maslanka recoñéceselle especialmente polas súas composicións para banda de música. Recibiu ao longo da súa carreira multitude de encargos, especialmente de universidades norteamericanas.

Xunto a outros compositores contribuíu enormemente a ampliar as familias instrumentais dentro da banda, introducindo de forma habitual clarinete alto, contrabaixo, contrafagot, saxofón soprano e saxofón baixo, piano ou instrumentos de percusión inusuais. É un dos nomes máis destacados dentro do repertorio bandístico do século XX e XXI.

Hoxe queremos dedicar esta obra ao seu compositor, falecido este pasado verano. Agradecemos á familia de David Maslanka que nos facilitase gratuitamente a partitura tras comunicarlles a humilde homenaxe que, dende lonxe, lle rendemos.

 

Huapango (1941)

José Pablo Moncayo (México, 1912 – 1958)

O huapango é un alegre baile mexicano orixinario da zona de Veracruz, cuxa formación instrumental orixinal é un trío de guitarras e violín, máis a voz e en ocasións arpa ou acordeón. Hai distintos tipos de huapango. Normalmente é ternario, escrito en compás de 3/4, aínda que o huapango setentrional adoita escribirse en 6/8, como é o caso desta peza.

Orixinal para orquestra, a obra que interpretaremos é case un himno en México. Escoitaremos motivos rítmicos e melódicos de varios sons do folclore mexicano como El Siquisiri, El Balajú ou El Gavilancito.

José Pablo Moncayo, pianista, percusionista e director de orquestra, é un dos grandes representantes do nacionalismo musical en México. Huapango é a súa obra máis coñecida pero escribiu outras destacadas como Sinfonietta, Cumbres ou Tierra de Temporal.

 

Blue Tango (1951)

Leroy Anderson (EE.UU., 1908 – 1975)

Leroy Anderson, compositor norteamericano de música lixeira para agrupacións orquestrais, gravou por primeira vez este tema coa súa orquestra durante o Nadal de 1951. De inspiración jazzística, mestura melodías adornadas polas características “blue notes” da música blues co ritmo e a estrutura do tango.

 

Iván Martínez Sabio