Jordi Savall – 30 de maio

XLV Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo

Martes, 30 de maio de 2017  – Círculo das Artes de Lugo, 20:30 h

 

Jordi Savall, Ferrán Savall e David Mayoral

 

Ferran Savall, voz e tiorba

David Mayoral, percusións

Jordi Savall, lira da gamba, viola da gamba e dirección

 

  

Diálogos e improvisacións. De Oriente a Occidente e do Vello ao Novo Mundo

De Oriente

Paxarico tú te llamas (tradicional sefardí, Saraievo)

Noumi, noumi yaldatii  (canción de berce tradicional, Israel)

Nastaran  (tradicional de Afganistán)

Marinero soy de amor  (música sefardí / texto de Miguel de Cervantes)

Ostinatti do Vello Mundo

Diego Ortiz (1510-1570)

Passamezzo antico

Romanesca – Passamezzo moderno

As tradicións de Cataluña

Mireu el nostre mar  (tradicional catalá / F. Savall / Manuel Forcano, texto)

La Filadora (instr.)

El mariner  (tradicional catalá / F. Savall)

De Occidente

Muzettes I-II (Marin Marais, 1656-1728)

Gwerz “O Sonjal” (tradicional bretoa / J. Savall, improvisacións e variacións)

Diálogos: As tradicións vivas do Mediterráneo

Apo xeno meros (Grecia)

Durme, hermosa donzella  (canción de berce sefardí, Rodas)

Ghazali tal jàhri (Marrocos)

Üsküdar (Turquía)

Ostinatti do Novo Mundo e improvisacións

Canarios (improvisacións instr.)

Im Pro  (improvisacións voc. – Ferrán Savall)

Folías criollas / Jarabe loco (improvisacións sobre A. Valente, ca. 1565-1580)

& Las tradiciones jarochas

 


Co apoio de

                       


 

DIÁLOGOS & IMPROVISACIÓNS

Diálogos musicais entre Oriente & Occidente,

& entre o Vello e o Novo Mundo

 Diálogos & Improvisacións presenta unha selección moi persoal de músicas que nos emocionan pola súa tenrura e beleza, así como pola súa capacidade de diálogo e harmonía. A música é a arte da memoria por excelencia, posto que só existe no instante en que se fai concreta coas ondas sonoras producidas pola voz humana ou os instrumentos, e esa limitación convértea a un tempo na máis humana e a máis espiritual das artes.

Estes diferentes romances e cancións, pezas de música e ostinatos representan un diálogo real entre a Antiga Europa e o Novo Mundo, e entre Oriente e Occidente. Constitúen a memoria viva dun pasado, ás veces moi afastado e tamén moi próximo, posto que forma parte xa do noso imaxinario histórico e persoal. E as músicas “do instante” inclúen todas esas obras únicas, fugaces, que xorden no momento en que o discurso musical se pode desenvolver en liberdade e harmonía, sempre na procura dunha expresión renovada.

A música é, por iso, un dos medios de expresión e comunicación máis universais, e a medida da súa importancia e significado non se determina segundo uns criterios de evolución da linguaxe –no sentido da historia e o progreso–, senón o seu grao de intensidade expresiva, riqueza interior e humanidade. Dende esta perspectiva, o significado histórico dunha obra de arte vén dada, non polo desenvolvemento necesario do material sonoro (melodía, harmonía, ritmo, timbre, etc.), senón pola vontade de expresión de quen o utiliza (compositores e intérpretes).

O programa de Diálogos & Improvisaciónsestá concibido como diálogo intercultural orientado a amosar ou establecer pontes verdadeiras:

 entre as músicas de Oriente e Occidente,

 entre o Vello e o Novo Mundo,

 entre as obras cultas e as populares (anónimas), xurdidas das tradicións orais,

 entre as músicas antigas e actuais,

 entre as diferentes xeracións dos propios intérpretes,

 e tamén entre os intérpretes e o público.

En tanto que músicos, somos, ante todo, produto do noso tempo. Máis exactamente, resultado dun equilibrio individual –polo tanto, único– entre o noso espírito e o espírito propio da época en que vivimos. Elixir ocuparse, nestes inicios do século XXI, dun repertorio que se remonta ata o século XI implica de entrada sentir esa necesidade interior a medio camiño entre a vocación e a paixón. Así, coñecer as obras máis representativas do pasado e facelas revivir na nosa época, respectando os diferentes contextos históricos e estilísticos, pero á marxe de calquera academicismo, convértese nun modo esencial de encontrar as raíces mesmas da nosa civilización. Renovar ese espazo de creación, improvisación e experimentación a través do diálogo entre as diferentes culturas e tradicións é tamén gañar, continuamente, un lugar no noso espírito para todas esas marabillas sonoras que contribuíron á forma e deben seguir contribuíndo ao desenvolvemento dun dos fundamentos esenciais da civilización humanista dos tempos modernos: a música, entendida como auténtica historia viva  da humanidade.

JORDI SAVALL

 


Jordi Savall representa un caso excepcional no panorama da música actual. Hai máis de corenta anos que dá a coñecer ao mundo marabillas musicais abandonadas na escuridade da indiferenza: corenta anos que as investiga, as le e as interpreta coa súa viola de gamba ou como director.

Jordi Savall é unha das personalidades musicais máis polivalentes da súa xeración. As súas actividades como concertista, pedagogo, investigador e creador de novos proxectos, tanto musicais como culturais, sitúano entre os principais artífices da actual revalorización da música histórica. É fundador, xunto con Montserrat Figueras, dos grupos musicais Hespèrion XXI (1974), La Capella Reial de Catalunya (1987) e Le Concert des Nations (1989), cos que explora e crea un universo de emocións e beleza que proxecta ao mundo e a millóns de amantes da música. Coa súa fundamental participación na película de Alain Corneau Tous les Matins du Monde (César á mellor banda sonora), a súa intensa actividade concertística (140 concertos ao ano), discográfica (6 gravacións anuais) e recentemente coa creación de Alia Vox –o seu propio selo editorial– está demostrando que a música antiga non ten que ser necesariamente elitista, e que pode interesar, en todo o mundo, a un público cada vez máis novo e máis numeroso.

Como tantos músicos, Jordi Savall iniciou con 6 anos a súa formación musical no seo do coro de nenos de Igualada (Barcelona), a súa cidade natal, completouna cos estudos de violonchelo, que finalizou no Conservatorio de Barcelona (1964). En 1965 inicia como autodidacta o estudo da viola de gamba e a música antiga (Ars Musicae) perfeccionando dende 1968 a súa formación na Schola Cantorum Basiliensis (Suíza) na que, en 1973, sucede ao seu mestre August Wenzinger e coa cal continúa colaborando con cursos e clases maxistrais.

Ao longo da súa carreira gravou e editou máis de 230 discos de repertorios de música medieval, renacentista, barroca e do clasicismo con especial atención ao patrimonio musical hispánico e mediterráneo; unha produción merecedora de múltiples distincións, como os premios Midem, International Classical Music e Grammy. Os seus programas de concerto converteron a música nun instrumento de mediación para o entendemento e a paz entre pobos e culturas diferentes e ás veces enfrontados. Non en van, foi nomeado no 2008 Embaixador da Unión Europea para o diálogo intercultural, e xunto con Montserrat Figueras foron designados os dous Artistas pola Paz dentro do programa Embaixadores de boa vontade da UNESCO. A súa fecunda carreira musical recibiu as máis altas distincións nacionais e internacionais; entre elas, o título de doutor honoris causa polas universidades de Évora (Portugal), Barcelona (Cataluña), Lovaina (Bélxica) e Basilea (Suíza), a insignia de Cabaleiro da Lexión de Honra da República Francesa, o Premio Internacional de Música pola Paz do Ministerio de Cultura e Ciencia de Baixa Saxonia, a Medalla de Ouro da Generalitat de Cataluña e o prestixioso premio Leoni Sonning, considerado o premio Nobel da música. En 2014, Savall renunciou ao Premio Nacional de Música en protesta contra a política cultural do Goberno Español.